29/01/15

O xogo de Ender

En Febreiro reuniúse o clube de lectura para debater sobre O XOGO DE ENDER, clásico libro de CF recomendado polo departamento de Tecnoloxía, dispoñible en galego e castelán na biblioteca.

 Un dos temas que máis puido sorprender aos do clube foi saber que este libro é un long seller: leva vendidos moitos millóns de exemplares dende fai 30 anos e os seus fans son moi activos na súa recomendación e difusión. Que moitos lectores e lectoras de outras exitosas obras de CF actuais (LOS JUEGOS DEL HAMBRE, DIVERGENTE...) non o coñezan pode achacarse a que non son conscientes de estar a ler o xénero de CF (eles falan de distopía, subxénero tradicional na CF; e nas librerías esas novelas non se venden coa etiqueta de CF) e tamén a que o profesorado e as bibliotecas non fan moita difusión dun xénero que pretende servir de punto de encontro entre as 2 culturas.

Respecto da temática do libro podemos apuntar algúns dos principais:

  • a (mala) comunicación coma orixe dos problemas bélicos e políticos.
  • a importancia das redes de comunicación (nunha novela escrita moito antes da Internet actual!).
  • o uso dos xogos e dos videoxogos na formación intelectual, en especial para desenvolver o pensamento lateral, a resolución de problemas, as estratexias e xestión de recursos...
  • a confrontación da ética individual coas normas sociais (debemos acatar sempre as ordes dos gobernantes?).
  • a tecnoloxía da comunicación e colonización espacial (cando non podemos viaxar a velocidades superlumínicas).
  • e outros máis nunha das novelas que máis xente relé...
 Neste caso non é unha frase feita dicir que quen pasa das primeiras páxinas queda atrapado por unha trama absorbente, pero unha lectura que continúa cando rematas a novela polo interese dos temas prantexados. E é bo avisar que a película que se fixo fai pouco é bastante frouxa, non captura o interese do libro.

Tamén é interesante apuntar que a súa continuación, LA VOZ DE LOS MUERTOS (sen edición galega polo momento; tedes a edición en castelán na biblio) é igual de recomendable, pois non é unha copia ampliada da 1ª parte, ten entidade propia, con unha trama máis centrada na xenética.


Decir tamén que neste debate, para darlle un toque tecnolóxico, fixemos unha proba de utilizar o twitter simultaneamente. Aquí tedes o resultado (usamos o hashtag #biblioboveda).