20/11/15

Palabras de caramelo

 O luns, 10 de outubro, reunímonos por primeira vez cos novos membros do club de lectura de 1º de ESO. O libro escollido é un libro sinxelo que non chega ás cen páxinas, pero con moita historia que contar.
Palabras de caramelo, de Gonzalo Moure, fala dun neno saharaui xordomudo que, a través da conversa co seu camelo, chega a facer uns marabillosos poemas. Pero tamén fala da amizade, da morte e, desde logo, da situación dos refuxiados saharauis na  hamada, onde se ven obrigados a vivir. De todo iso e moito mais conversamos cos novos lectores e lectoras do club deste ano, aos que lles encantou o libro.
Un dos episodios conta como a mestra da escola do campo de refuxiados apréndella a ler e escribir ao protagonista, que así empeza a comunicar con palabras todo o que sente e todo o que fala con Caramelo. Como este tema deunos moito para reflexionar, puxemos uns fragmentos da película El milagro de Ana Sullivan, baseado nunha historia real,  que conta como no século XIX, a mestra Sulivan conseguiu aprender a falar, ler e escribir a unha  nena cega e xorda, e o cambio que supuxo para ela o dominio da linguaxe.
Como sempre, a hora non deu de si todo o que quixéramos. Iso si: todos demos boa conta do pastel e biscoito que trouxemos para acompañar a sesión.

18/11/15

En la vida real

O departamento de Tecnoloxía do IES colaborou coa Biblioteca propoñendo ao clube de lectura o cómic EN LA VIDA REAL (Roca editorial).

A recepción da obra foi moi positiva, tendo que destacar de entrada que é a primeira vez que se escolle un cómic para o clube de lectura. Este foi o primeiro tema debatido na reunión do clube: que os cómics (e tamén cada vez máis os videoxogos) poden e deben considerarse "literatura" pois serven para o mesmo que os libros (crear mundos de ficción que lle dan sentido ao noso), usando outros medios artísticos (narración visual no caso do cómic). E como tal é unha mágoa que moitas escolas e bibliotecas non os estean a utilizar como recomendacións de lectura.

O resto da reunión foi unha análise breve dalgúns temas tratados na obra: adolescencia, videoxogos, realidade virtual versus realidade física, diferencias culturais e sociais...

Ao profesor chamoulle a atención que moitos dos compoñentes do clube, xogadores habituais, descoñecesen que é completamente real un dos temas centrais da obra: a subcontratación de videoxogadores "pobres" por parte de xogadores "ricos" para aumentar o seu nivel nun xogo. Podedes ler ao respecto neste artigo.

Por último solicitouse aos compoñentes do clube que recomendaran algúns videoxogos pola súas características narrativas innovadoras, ou algún cómic relacionado cos videoxogos. Estes foron algúns deles:
      • LIMBO
      • LIFE IS STRANGE
      • BEYOND TWO SOULS
      • RADIANT HISTORIA
      • LOG HORIZON
      • MONUMENT VALLEY
      • DARK ORBIT
      • SUICIDE ROOM (película)