13/11/14

O corazón da Branca de Neve

O luns 10, reunímonos 20 dos 25 membros do club de lectura ao redor da novela de Francisco Castro O corazón da Branca de Neve.  Despois de dar boa conta dos bocatas e do contido dos tupper, falamos dos aspectos desta obra que máis nos chamaron a atención. O mellor, o feito de que invita a ler dun tirón, nunha sucesión de capítulos trepidante e que nos deixan con gañas de avanzar. Unha novela policial á que o alumnado non está acostumado e que toca moitos temas preocupantes da actualidade: a corrupción, a violencia contra os máis desfavorecidos, as mafias que trafican con inmigrantes, o roubo de nenos...

Chamou a atención o feito de que, ao ser unha novela por entregas, os capítulos teñen forza propia, funcionan como elementos independentes e en cada un deles a acción avanza inexorable. Tamén nos deu para revisar algunhas características do xénero: as características do investigador, os aspectos escuros da súa vida, a agudeza na observación dos detalles, a integridade, etc. Gustou moito o feito de que estea ambientada en Vigo e que os problemas que trata sexan actuais e reais, ou polo menos son temas dos que a maioría do alumnado, de xeito directo ou indirecto, ten unha opinión formada.

Falouse moito da inmigración e das diferenzas entre o primeiro e o terceiro mundo. A todos e todas gustou a obra, aínda que case todos coincidiron en que, para o seu gusto, ao final todo se resolve moi rápido e lles houbese gustado máis paladear a resolución dos feitos  cun pouco máis de pausa. Pero iso será algo que terán ocasión de comentar co propio autor, Francisco Castro, xa que en Xanerio se reunirá con eles para comentar a obra.
E rematamos paladeando unhas saborosas tartas que Celia nos deixou para a ocasión.

11/11/14

O neno can e Chamádeme Simbad

O pasado 27 de outubro, inauguramos as reunión do club de lectura dos novos alumnos de 1º da ESO. Como son 30, dividíronse en dous grupos: O neno can de Fina Casalderrey e Francisco Castro e Chamádeme Simbad, tamén de Francisco Castro. 

O neno can resultou un libro fácil e agradable para ler, aínda que as súas historias son as de nenos nada favorecidos polas súas circunstancias: nenos sen familia, explotados pedindo esmola, vivindo nas rúas, obrigados a traballar. Ás nenas chamoulles moito a atención a historia de Laila, una nena obrigada a casar aos 11 anos, porque así o marca a tradición. O personaxe co que se sentiron máis identificados foi con Carlos, quizais porque é máis próximo. Algún destacou a valentía de Carme, que insiste en invitar a Carlos á súa festa de aniversario. Falamos, en fin, das diferentes realidades da infancia no mundo, de tomar conciencia das inxustizas que nos rodean, e do afortunados que se senten eles sendo coidados e mimados polas súas familias.

Chamádeme Simbad foi un libro que gustou a todos. Aparte de que nos divertimos coas aventuras e a intriga da novela, tamén sacamos da súa lectura moitos temas interesantes. Falamos da enfermedade do alzheimer ou da situación dos maiores cando comezan a necesitar dos demáis, e de cómo se lles pode axudar a levar unha vida máis agradable. Tamén comentamos a relación do protagonista co seu avó, mellor que a que tiña con ningún outro membro da familia, e de cómo ás veces os xogos e a fantasía poden ser un modo moi interesante e divertido de comunicarse cos demáis.  O personaxe da nai tamén nos deu para falar dos coidadores, da responsabilidade que asumen e do tempo libre que precisan, e a todos nos pareceu ben como ao final se respeta tamén ese dereito da nai a ter o seu tempo libre. Falamos do enigmático tío Bernardino, e de toda a aventura vivida por Simbad trala pista do seu avó. E, como non, tamén rímonos un pouco co pai do protagonista, tan estresado polo traballo e obsesionado co móbil que non é capaz de prestar atención á xente que o rodea.


Esta sesión foi acompañada por unhas saborosas tartas de chocolate, agasallo dunha mamá: graciñas Manola!.