12/05/16

O pazo baleiro


O pasado luns, 9 de maio, tivemos na biblioteca a derradeira reunión do curso co clube de lectura de 1º de ESO.

O libro que nos reuniu esta vez foi O pazo baleiro de Xabier P. Docampo, unha  novela de misterio apaixoante, cun vello pazo cheo de segredos agochados, propiedade dunha familia cunha peculiar árbore xenealóxica. E tamén haberá de por medio un  diamante de incribles dimensións que  os enfrontara  a todos dende hai moito tempo.

Será un grupo de adolescentes, axudados por Delio, tío do protagonista , quen desfaga toda esta maraña descubrindo a historia da familia e o misterio que encerra este pazo baleiro. Unha novela chea de intriga e temas para comentar.

Como sempre, a reunión cos nosos “lectores” estivo acompañada con algunha que outra larpeirada.

Ata o curso que ven!

11/05/16

Memorias dun neno labrego

O pasado 20 de abril latamos clase o grupiño do club de lectura para achegarnos ao museo etnográfico da fundación Liste, na rúa da Pastora. Alí fixemos a sesión correspondente ao libro de Xosé Neira Vilas, que é de certo un dos clásicos da nosa literatura.


 Primeiro realizamos unha visita adaptada ás historias do Balbino, que

preparou cunha dedicación que é de agradecer o persoal deste museo. Repasamos os oficios, os apeiros e obxectos da vida cotián e ritual empregados até fai ben pouco nas aldeas galegas. 



 Despois saímos ao ar libre para comentar como fora a lectura dun relato á vez tan próximo e distante para o alumnado dun instituto urbán como o noso.


Recordamos algunha pasaxe do libro, como a da morte 
de Pachín, o querido can de Balbino, unha de tantas experiencias relacionadas coa perda -da nenez, da vida, da inocencia, das raíces- que narra Neira Vilas. Tamén houbo quen se lembrou da orixe familiar, que á fin se rascamos un pouco, todas e todos temos algo de terra pola parte do pasado. 

 Ao rematar, tras un percance que debeu ser cousa dalgún tardo ou trasno dos que andan polo lugar e que temos a ben gardar no peto, volvimos para o centro a fume de carozo, que o barrio ás veces, cando se anda con apuro, parece facerse máis grande do que semella!