17/06/15

El diario secreto de Adrian Mole

O luns día 8 de xuño tivemos a derradeira sesión do Club de Lectura co  Diario Secreto de Adrian Mole de Sue Townsend. Como adoita pasar nesta derradeira sesión, a asistencia foi menor que nas anteriores, dezasete  rapaces e rapazas, pero con moito entusiasmo por falar e compartir ideas e impresións.
Logo de compartir bocatas, froitas, biscoito e bombóns, puxémonos a falar do libro. En xeral, o libro gustou, coa excepción de dúas persoas que expresaron unha opinión negativa. Nalgún caso foi o feito de ser un diario o que non gustou, mentres que en varios foi iso precisamente o que resultou máis interesante.
Comezamos establecendo diferenzas entre a situación (Inglaterra dos anos 80 e a Galicia actual), pero como pronto puidemos apreciar son máis as analoxías que as diferenzas, malia a falta de elementos que hoxe non deixarían de estar presentes (todos os novos medios de comunicación, móbiles, correos electrónicos, etc). De aí pasamos a comentar temas concretos relacionados co libro (a situación na que se atopa Adrian, no medio do divorcio dos pais) e moitos outros que xurdiron a raíz de comentarios: o acoso escolar, o paso a adolescencia, a necesidade de privacidade, os problemas xeracionais cos pais, o machismo...
Para rematar, vimos os dez primeiros minutos do primeiro episodio da serie da televisión inglesa baseada neste libro, nos que aparecen practicamente todos os protagonistas. Antes, fixemos unha actividade: fixeron unha descrición física (algúns fixeron debuxos) de como imaxinaban aos personaxes.


A sesión resultou moi dinámica a pesares de ser a derradeira. 

04/06/15

Ruta literaria Rianxo e Corrubedo

O venres 29 de maio fomos cos mozos e mozas dos clubs de lectura a Rianxo. Como o proxecto interdisciplinar do centro trata sobre as augas e o mar en Galicia, eliximos Rianxo como destino adecuado. Visitamos o Museo do Mar, onde coñecemos distintas artes de pesca, perfectamente ilustradas con maquetas, así como interesantes aspectos da vida do mar e a economía dun pobo baseada na pesca.  Aquí fixemos unha primeira lectura do poeta Ramón Cabanillas.
Visitamos logo a casa-museo de Manuel Antonio. Coa axuda da guía coñecemos importantes episodios da súa vida, o seu desexo de ser mariño, a súa implicación en dignificar a lingua galega, a súa enfermidade. O museo está ilustrado con fotos da época realizadas por un amigo de Manuel Antonio coñecido como Pepito Pérez que serven para coñecer episodios da emigración, dos costumes e vestimenta da época e dos intelectuais da época empeñados en manter e recuperar a lingua galega. Antes de marchar fixemos a lectura do poema Sós.
Xa fóra, e na mesma rúa, visitamos as casas onde viviron Castelao e Rafael Dieste, aquí lemos o conto “Nova York é noso” do seu libro Dos arquivos do trasno. Tres escritores que coincidiron no mesmo espazo e no mesmo tempo e aos que a vila de Rianxo mantén vivos no seu recordo.                  
Para comer marchamos á praia de Cabío, onde desfrutamos dun fermoso día de convivencia e lecer. Alí, como non, lemos o conto de Castelao O pai de Migueliño. Aproveitamos tamén para sacar algunhas fotos para presentar ao noso concurso fotográfico “Ler ao carón das augas”. Antes de voltar para Vigo aínda visitamos Corrubedo e  as súas fermosas Dunas.