13/11/09

Sesión Con "A perla"

O próximo luns 16 celebraremos a primeira sesión deste curso arredor dun libro. Este curso, a petición dos compoñentes do club, leremos grandes obras do século XX, ademais de algunhas da literatura galega para ter encontros cos autores da nosa terra.
Comezamos con "A perla", de Jonh Steinbeck. Non imos dicir nada por agora, pero para ir abrindo boca déixovos o
enlace á páxina dun coñecido membro do club onde nos propón unha reflexión (propia ou allea) para empezar. Non deixedes de visitala.
Ata o luns, día no que comeremos na biblioteca, falaremos de literatura e outras cousas, pero sobre todo dárémoslles a benvida a Helena, Víctor, Ana, Andrés e Andrea.

24/06/09

O achado do castro

Luns, cinco da tarde. Os rapaces e rapazas do club de lectura e máis algúns ousados de terceiro por fin representaron a obra de Manuel Núñez Singala O achado do castro, con tan gran éxito de crítica e público, que decidimos seguir traballándoa para o próximo curso. A pesar do pouco tempo de ensaio, a obra saíu perfecta, dentro do marxe permitido da perfección. Esta vez representouse para o alumnado de primeiro da ESO que estivo todo o ano a traballar o tema de Roma dentro do proxecto interdisciplinar. Houbo moitas risas e merecidísimos aplausos, que nalgúns momentos interrumpiron a obra. Felicitamos dende aquí aos actores e actrices, así como a ese público tan entendido en temas clásicos. Amenazamos con mellorar para o próximo curso e facer caer de risa aos demais grupos do instituto. Grazas a Cristina, de quen partíu a idea e dirixíu todos os ensaios; a Bea, que puxo á xente a traballar nos decorados. Do productor non imos dicir nada.



BubbleShare: Share photos - Play some Online Games.

04/06/09

Ruta literaria de Rosalía 2009

Onte realizamos, por segundo ano consecutivo, dado que a maioría dos membros son novos este curso, a ruta de Rosalía. Visitamos a casa en Padrón, o cemiterio de Adina en Iria, Bastavales e as súas campás, Ortoño e a tumba de Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres en Santiago. En cada un dos lugares fixemos a lectura de varios poemas.

Sesión do luns

Esta foi a última sesión (comida incluída) deste curso, e tal vez a máis fructífera, aínda que xa non estaban os de segundo. Por suposto que falamos de A illa do tesouro. A pesar de que o libro non gustou moito chegouse á conclusión de que era necesario seguir lendo un clásico ao ano polo menos. Sabede que para este coordinador foi unha satisfacción escoitar de vós esa necesidade de coñecer aos clásicos, aínda que ás veces non enchan as nosas expectativas. Como pechando un ciclo, tamén relacionastes co primeiro libro do ano, Motín en la Bounty, establecendo paralelismos diversos. Pero o mellor foi o balance positivo do curso, do que non vou falar aquí á espera de que o fagades vós, e a planificación que fomos facendo para o próximo curso: posibles novas incorporacións, maior frecuencia de sesións, selección de libros por temas de interese, aporte de documentación nas sesións, elaboración de materiais e introducción dunha poesía en cada sesión. Dende logo esperanos un ano prometedor.

Os profes agradecemos a vosa sinceridade, confianza e a gratitude que mostrates en cada sesión.
Esperamos agora polas vosas valoracións.

20/05/09

A illa do tesouro



O próximo luns 25 faremos a sesión arredor de A illa do tesouro. No que se refire a lecturas remataremos o curso con este clásico de R.L.Stevenson. Xa sabedes, hai que traer a comida.



En breve faremos tamén a ruta de Rosalía e estamos esperando a ver como queda esa representación de O achado do Castro que andades a preparar.

20/04/09

Fin de século en Palestina

Hoxe celebramos unha sesión do club de lectura moi especial, pois foi un encontro co escritor Miguel Anxo Murado. Dende o club de lectura tiñamos preparada a obra Fin de século en Palestina e xuntámonos cos de 2º Bach. que leran Ruído. Relatos de guerra. Tivemos ocasión de comentar algúns aspectos que nos chamaran a atención: a normalidade á que se acostuma un no medio dun conflito, a superación (máis ben disimulo) do medo, as motivacións que moven aos distintos sectores nesa parte do mundo... Pero sobre todo disfrutamos cunha obra cuxos relatos non nos deixan indiferentes, moven as conciencias e todo isto cun pequeno toque humorístico que o autor mantivo cando comentamos certas pasaxes do libro, sobre todo os das primeiras crónicas, nas que conta as súas peripecias como traballador da ONU para o goberno palestino. Espero as vosa crónicas, polo que non me estendo máis, pero aquí vos deixo as fotos do encontro

08/04/09

"Slumdog Millonaire", unha película que deu moito de que falar estos días

A polémica que acarrea esta película é debida a que moitos habitantes da India non aceptan que se de esta imaxe da súa terra, tercermundista e corrupta.

Tamén moitas ONGs indias apoian esta producción debido ós fins que ten.

Sinceramente, a mín non me parece que esta película poida resultar groseira, ainda que claro, se o miramos desde o outro punto de vista damonos conta de que eles non queren dar ese mal exemplo do que é a India, pero sendo así, é a realidade, e iso é o que realmente importa. Tamén esta película ensina a verdadeira cara da vida dos nenos que teñen que pasar pola pobreza vivindo en chabolas e do diñeiro das limosnas.

De todos modos, podedes visitar esta páxina Web, onde tamén aparece unha reportaxe da película: http://www.rtve.es/noticias/20090217/perro-chabola-con-exito-pero-india/230488.shtml

12/03/09

Sesión Club

Deixo aquí as fotos da última sesión arredor do libro proposto.
BubbleShare: Share photos - Find great Clip Art Images.

06/03/09

Próxima Reunión.

Recordade que o luns 9 faremos a próxima reunión, esta vez en torno o libro "O señor Ibrahim e as flores do corán"; Tamén falaremos de como organizar a lectura de poemas do día 12.

PD: Non vos olvidedes de levar comida!

10/02/09

O señor Ibrahim e as flores do Corán

Ese é o título do próximo libro do club de lectura. Un libro de Eric-Emmanuel schmitt, publicado por Faktoría K de Libros e con tradución de Emma Lázare Rodríguez. Cóntanos a historia de Momo, un adolescente xudeu no París dos anos sesenta, que traba amizade cun tendeiro musulmán, o señor Ibrahim, unha amizade que trascende as súas propias crenzas. Unha novela que apela ao multiculturalismo, á tolerancia e ao entendemento.