21/11/21

 

CLUB DE LECTURA 

MI HERMANA, ASESINA EN SERIE  de Oyinkan Braithwaite





Este luns 15 de novembro de 2021 reuniuse o club de lectura para xantar por primeira vez dende hai tempo;a pandemia fixo que este tipo de actos foran inviables ata hai pouco.

Con Ana López como coordinadora, falouse do libro “Mi hermana, asesina en serie” de Oyinkan Braithwaite.(1988).

Comentouse, de modo xeral,que un individuo non ten dereito a acabar coa vida de ninguén, polo que Ayoola, o seu pai e Korede fixeron mal: Ayoola, a que máis, xa que matou a varios noivos seus; o pai tamén, xa que intentou matar a Ayoola, e Korede, por suposto, porque acabou coa vida do pai para defender a súa irmá Ayoola del.

Outro tema que se tratou foi como os homes na novela son intelixentes, creativos e sensibles, ata que se cruzan con Ayoola, e vense hipnotizados pola súa beleza. Isto fai que se convertan nunha especie de zombies, ata que a coñecen un pouco máis e queren cortar a relación: aí é cando ela intervén, asustada polo rexeitamento, matándoos. Polo que se pode concluír que a rapaza vive atrapada na súa propia beleza, pero sen saber xestionar o que conleva, facendo cousas totalmente inaceptables.

Falouse tamén de porque Korede axuda á súa irmá e non a delata, e é porque ela ten medo de que confese que matara ao seu pai.

Houbo un debate activo entre os que dicían que o que Korede fixo está ben e os que dicían que está mal....porque podería considerarse o acto como “defensa persoal” pero outros aspectos do seu comportamento non dan a entender iso.

Algo importante no que se afondou foi na falta de educación que sufriu a nai, o que a levou a ensinar ás súas fillas valores que a ela a feriron (matrimonio concertado e por interese) porque considera que realmente son bos.

Cabe salientar ques e tratou de comprendela, debido a que o contexto africano e o atraso social fan que a xente teña alí unha mentalidade conservadora: sobre toso nas altas esferas sociais, ás que pertence.

Finalmente, logo de tratar outras cuestións menores, deuse por acabada a sesión .

TRISTÁN CASTRO 4º ESO










01/07/21

 



A RAPAZA DE TINTA E ESTRELAS de KIRAN MILLWOOD





O 26 de abril reunimos ao alumnado que forma parte do club de lectura de 1ºESO para conversar sobre a obra A rapaza de tinta e estrelas da autora británica, Kiran Millwood Hargrave, gañadora de premios como o Waterstones children’s Prize e o British Book of the Year de literatura xuvenil.

Trátase dunha obra de gran densidade que, malia pertencer ao xénero da literatura xuvenil, non evita o uso de todo tipo de metáforas e recursos estilísticos. Probablemente por este motivo foi preciso ampliar un pouco o prazo de lectura da obra que resultou de gran interese para a rapazada. Isabel, coma eles durante o “gran confinamento” da pandemia de covid19 no ano 2020 do presente século, ten prohibido sair da illa de Joya pero soña con viaxar, coñecer outros mundos e descubrir o que agarda por ela aí fora. Cando chega o momento de ir na procura da súa mellor amiga, que acaba de desaparecer, Isabel non o dubida e comeza a súa aventura polos Territorios Esquecidos da illa.

Os mapas trazados polo seu pai, que foi un famoso cartógrafo, axudáronnos nesta viaxe mítica e imaxinaria e tamén nós, xuntos, aprendemos a observar e comprender os ceos estrelados mentres descubrimos os nomes das distintas constelacións que penden do firmamento.

Coma sempre, os nosos alumnos déronnos a súa opinión sobre as personaxes e sobre os conflictos aos que Isabel se enfrenta demostrando, unha vez máis, a boa acollida da obra.


26/06/21

 


            FANTASMAS DE LUZ        de AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ




Rematamos o curso escolar coa última sesión do club de lectura, neste caso o club de maiores e coa lectura de Fantasmas de luz de Agustín Fernández Paz.


O libro conta a historia de Damián, que traballa como operador de cabina de proxección nunha sala de cine, do seu vínculo coas peliculas e da súa invisibilidade unha vez que fica no paro.

Falamos dos temas presentes no libro, evidentemente o do paro laboral pero tamén o do mundo do cine , do paso do tempo, da invisibilidade, que é a metafora da invisibilidade de moitas persoas dentro da sociedade unha vez que se ven apartadas da engrenaxe.

Fantasmas de luz é tamén unha homenaxe ao cine e á súa importancia na vida do ser humano.





    Animamos ao alumnado a ver cine.

 


 

   A PROBA DE AUGA de Anémona de Río





Unha nova sesión do club de lectura dos máis pequenos!!

 Neste caso leron a banda deseña: Proba de auga 
Con esta lectura  o alumnado puido coñecer as enfermidades transmitidas pola auga, aire e alimentos. Tamén puido comprobar cal é o papel que desempeña unha vacina na resposta inmunitaria do organismo. Así mesmo, o libro explica o papel dos glóbulos vermellos como as tranvías utilizadas polos patóxenos para circular por todo o organismo.
En xeral, a banda deseñada gustou á maioría d@s alumn@s, aínda que algúns comentaron que lles tería gustado que esta fose un pouco máis completa na información dos termos científicos.
A lectura deste libro serviu tamén para resaltar o labor importante das vacinas na loita contra o coronavirus, remarcando o papel imprescindible da ciencia na elaboración dunha vacina.



15/06/21


 OS RAPACES NON CALCETAN, de T.S.Easton




O luns, 12 de abril, reunímonos de novo no noso club de lectura de maiores para falar da novela de T.S. Easton, Os rapaces non calcetan, que nos gustou moito a todos por ser un libro moi interesante e divertido. Chamounos a atención o “programa especial de rehabilitación” no que se ve obrigado a participar o protagonista por un delito de roubo nun supermercado e conducción temeraria coa sua bici . Ten que facer diversas actividades destinadas á súa “rehabilitación”: levar un diario no que anote o que vai facendo, participar nalgunha actividade (el elixe, por razón que non teñen que ver co contido do mesmo, un curso de calceta, o cal trata de ocultar aos seus coñecidos e, sobre todo, ao seu pai), e outra actividade que o obriga a “dar algo a cambio” coa súa víctima, á que fixo caer e mancarse ao saltarse un semáforo. Todas estas actividades, ao final, van axudalo a mellorar moitos aspectos da súa vida, axudándoo tamén a madurar. Pareceunos interesante que se levaran a cabo eses programas con xente nova que empeza a “andar en malos pasos”, en vez de deixalo pasar simplemente cunha sanción ou multa. Tamén comentamos o tema do sexismo e os estereotipos que se reflicte, dende un punto de vista moi irónico, no libro. Como vemos ao protagonista avergoñado de destacar nunha actividade “propia de mulleres” e como trata de ocultalo aos seus amigos e, sobre todo, ao seu pai, ao que só lle interesaban os coches e o fútbol. Outros temas que tamén nos deron para falar e aparecen no libro son o do “bullying” no instituto, ou a amizade (os amigos non de todo escollidos libremente pero que, ao final, sempre están ahí para apoiar). .. Unha novela de aprendizaxe, de adolescencia, situada nun país semellante ao noso, pero tamén moi diferente en moitas cousas. E todo narrado dende un punto de vista humorístico e irónico co que tamén todos conectamos. Un libro moi divertido que, como sempre, deu que falar na nosa reunión de lectores e lectoras.


21/04/21

 



                            MAELSTRÖM                  MANUEL GÁLVEZ






O alumnado do club de lectura reuniuse  o 8 de febreiro nesta sesión para comentar a novela Maelström, Maelström de Manuel Gálvez. Unha historia emocionante que fala de supervivencia e medo, xuntando o pasado e o presente dun capitán Nemo que non pode deixar Vigo.


Limos e comentamos algunhas das nosas páxinas preferidas, analizamos os personaxes femininos e o papel das nais traballadoras hoxe en día, coñecemos a poderosa figura de Nemo e a biografía dos homes ilustres que viviron na nosa cidade.


Realidade e ficción, os soños e os cambios, a primeira e a terceira persoas narrando unha historia que gustou a todos e a todas, porque fala de canto costa superar os medos e disfrutar do que realmente importa. Acaso hai alguén que non tema enfrentase aos seus Maelströms?













20/04/21

 

                                    VISITA DA ESCRITORA EVA MEJUTO 

   



O pasado luns, 22 de febreiro, estivo connosco a escritora Eva Mejuto para falarnos da súa novela Memoria do silencio, que lemos este curso no noso club de lectura.

 A charla resultou moi interesante, pois contounos moitísimas cousas, como o que a levou a escribir sobre este tema das Schlinder de Ribadavia, e como ela mesma descubrira case por casualidade, documentándose en Nova York sobre a presenza de soldados alemáns en Vigo durante a Segunda Guerra Mundial, atopou información sobre unhas irmás de Ribadavia que colaboraran para sacar a xudeus pola fronteira portuguesa de PonteBarxas ,a través do río Miño. 

Tamén nos falou de moitas historias relacionadas con esta , das dúas protagonistas femininas, baseadas en personaxes reais e que ela decidiu unir nunha mesma trama polo interesantes que lle resultaron as dúas; do que a move a escribir ficción, sempre buscando unha nova perspectiva da historia na que se basea … En fin, que nos ofreceu un punto de vista diferente da novela que coñecimos e comentamos como lectores.

 Ademáis, tamén puidemos falar algo da súa anterior novela 22 segundos, que limos no club de lectura hai dous anos, e que tamén leran algúns dos alumnos que viñeron á charla. 

Para terminar, a autora adicou e firmou algúns dos libros que os nosos lectores e lectoras levaron para ter como recordo.






04/04/21

 

LA MECÁNICA DEL CORAZÓN - MATHIAS MALZIEU






Compartir unha charla cos alumnos de 1º de ESO inscritos no club de lectura do IES Alexandre Bóveda de Vigo sobre o libro La mecánica del corazón pareceume unha experiencia fantástica para un profesor, e, sen esperalo, saquei un bo número de aspectos positivos da mesma.

A charla comezou na biblioteca do instituto cunha pequena introdución do libro grazas á cal puiden apreciar que os alumnos sacaran as súas propias conclusións sobre a lectura, que en moitos casos, non se asemellan ás do resto de compañeiros nin ás do profesor. Iso non quere decir que a lectura non fora comprendida polos alumnos, senón que se puido apreciar en tan só cinco minutos, o realmente bonito e sorprendente da lectura, que é o poderoso que resulta ler para a mente do que ten o libro nas mans. Poder sacar cada un as súas propias ideas, conclusións e trasladar as nosas mentes onde nos faga chegar o libro é, sen dúbida, o cautivador dun bo libro de lectura e todo isto manifestouse nos comentarios que ían surxindo a medida que avanzaba a sesión.

Pouco a pouco fomos desgranando con todo detalle o argumento do libro analizando o seu xénero, comentando a historia de cada un dos personaxes e como se relacionaban entre si. Ademáis, tamén comentáronse outros aspectos importantes que hai que ter en conta nunha boa lectura como son o espazo e o tempo onde se desenvolve a historia, a estructura lineal da novela narrando a concepción do amor dende o punto de vista dun adolescente de catorce anos e o tipo da linguaxe utilizada, neste caso unha linguaxe coidada, fresca e sinxela que foi a empregada polo autor Mathias Malzieu durante todo o libro.

Para rematar, fomos ao departamento de tecnoloxía do centro para que o alumnado poidera ver de primera man como se desenvolve a impresión dun producto previamente deseñado polo profesor mediante unha impresora 3D. Debido á gran historia de amor que un dos protagonistas do libro vivía cun corazón artificial consideramos apropiado deseñar uns chaveiros con forma de corazón que posteriormente entregamos aos alumnos asistentes.

Felicito o labor do equipo docente encargado do club de lectura polo excelente funcionamento do mesmo, así como polo bo momento que me fixeron pasar en compañía dos alumnos. Considero moi recomendable esta experiencia a outros profesores e alumnos.