01/03/10

Comendo con Pablo Neruda

O pasado día 22 tivemos unha sesión atípica: estivemos falando só de poesía, tendo como libro de cabeceira Veinte poemas de amor y una canción desesperada. Cumprimos así o desexo dalgúns compoñentes que levaban tempo pedindo poesía. Como non, aproveitamos ese mes de febreiro adicado ao amor. Pero descubrimos que non só do amor vive a poesía, e que incluso a poesía de amor se desenvolve en planos moi diversos: falamos do outono, da primavera, de Marisol e Marisombra, de amores platónicos, de amores xuvenís, de amores tardíos, de amores interesados, de erotismo... pero tamén fixemos un repaso da figura do poeta. Por medio duns vídeos documentais repasamos a vida de Neruda e tamén os feitos que influíron na súa poesía: a Guerra Civil española, o exilio, a política chilena, Isla Negra, Italia, o Nobel, as súas mulleres, o compromiso social... Unha morea de feitos que viron a luz co pretexto de falar de poesía amorosa. Alegrounos moito comprobar que sempre que falamos algo de poesía acaba aparecendo na boca dos membros do club a nosa Rosalía... sempre Rosalía. Parece que de algo serviron esas rutas literarias.
Planificamos as próximas lecturas: Anxos en tempos de chuvia, de Miguel vázquez Freire; O vixía no centeo, de Salinger e As rulas de Bakunin, de Antón Riveiro Coello. Miguel e Antón estarán con nós na biblioteca. Tamén voltará á biblio Francisco Castro, para estar cos do club de primeiro e falar de Chamádeme Simbad.
Os ensaios da obra de teatro van a bo ritmo e xa temos falado da ruta literaria ao Courel.

1 comentario:

I. CAMACHO dixo...

¡Qué envidia dais! ¡Quién hubiera podido estar ahí hablando de amor y poesía! Quién sabe, tal vez algún día nos atrevamos a organizar nuestro club de lectura. Entonces, os pediremos consejo. Parabéns e apertas dende Loranca.