24/10/10

Nova etapa

Nestas dúas últimas semanas o noso club de lectura comezou unha nova singladura. Primeiro coa sesión cos máis veteranos, un grupo no que despois de baixas e novas incorporacións seguimos crecendo: estabamos vinte na sesión. Coma sempre, o libro foi a excusa para dar a nosa opinión sobre temas diversos. Pero arredor de Antígona falouse sobre todo de xustiza, do sentido do deber, da ética e da lei. Asaltounos a dúbida sobre as intencións de Sófocles ao otorgarlle o protagonismo a Antígona. Coma sempre o tempo pasou voando. Quedamos xa en que o próximo libro será Maquinaria, de Carlos Negro. Damoslles as grazas aos ex alumnos que asistiron e invitámolos para a próxima.
Despois tocoulle o turno aos dous grupos de primeiro ciclo, para os que unicamente fixemos unha presentación e fixamos a seguinte obra. Neste caso escollemos dúas obras distintas dun mesmo autor, posto que temos a intención de que sexa este o que comparta os seus libros con nós. Os de 2º ESO lerán O pazo baleiro e os de 1º Cando petan na porta pola noite, ambas de Xabier P. Docampo. Por certo, en segundo somos doce e en primeiro... 19.
Tamén decidimos ir buscando nomes para os distintos clubs e xa temos un logo que en breve poremos no blog.
A falta das fotos dos de primeiro, deixamos aquí unha de cada das outras sesións. Benvidas/os, que o pasedes ben ao longo do curso e que vos sexa de proveito.

1 comentario:

Pablo dixo...

Avante toda!