07/04/11

Con Pessoa e Malzieu

Esta semana tivemos unha sesión especial, a da unificación. Os clubs de lectura de segundo de ESO e dos maiores tiveron unha sesión conxunta, á que acudiu cada grupo co seu libro: os de segundo con La mecánica del corazón, de Mathias Malzieu, e os demais con Poemas de Alberto Caeiro, de Fernando Pessoa. Sobre La mecánica... houbo discusión un tanto acalorada, pois a maioría mostrábase partidaria do libro e gostáralle moito, pero ao profe déuselle por levar a contraria, cousa que non adoita facer, e gostosamente (ou non tanto) aceptou as razóns da maioría. A opinión xeral, polo tanto, é que se trata dunha obra cun prantexamento orixinal e incluso gustou moito o final. A minoría insistía na non orixinalidade e nunha resolución un tanto estrana, pero imos deixalo aí.


Sobre Pessoa: cada vez sorpréndennos máis os nosos lectores coas súas análises. A verdade é que os profes non estabamos moi certos de que esta poesía "filosófica" (ou non-filosófica) fose a gustar. Pois si que gustou, aínda que os comentarios insistiron na redundancia no mesmo tema. Aproveitamos para falar do creacionismo, e entón apareceu Vicente Huidobro, e tamén doutros autores que consideramos que influíron en Pessoa, sobre todo Walt Whitman, do que lemos algúns poemas que sorprenderon a todos. Pero non imos agora a afondar máis na sesión, pois Iago, o noso cronista "oficial", e Vera quedaron de facer eles a crónica, aínda que supoñemos que haberá que esperar, pois mañán ímonos a París.

Tamén decidimos que nos gusta a unificación, así que para a póxima sesión leremos todos Indignádevos! de Stèphane Hessel, un libro que todos/as teñen gañas de ler, que vai moi acorde coas súas preocupacións e que ademais van traballar moitos grupos nas clases de historia.

Au revoir.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Comezarei este comentario dicindo que estou enfadada. Estou enfadada porque o comentario que fixera borroúseme pola miña culpa, e teño que facelo de novo se non quero que Beni me mate por tardar tanto en facelo.
A MECÁNICA DO CORAZÓN é un libro curioso. Ao principio pensas que é xenial e imaxinativo ou que será un destes libros que lles recomendes aos teus netos. Eles ríranse dicindo que é moi antigo e volverán xigar coas videoconsolas portables e en 3D que xa haberá nesa época.
Pero no meu caso non é así, pois a mín non me gustou. Paréceme que non é real, non coma Harry Potter, que si que mola :D.
En xeral gustou aos demais (debo de parecer unha tola sendo a única á que non lle gustou) eu creo que é máis ben pola idade que polo contido, pois estando en segundo da ESO calquera cousa de amor resúltanos atractiva. Seguro que pensades que non me gustou porque teño demasiado os pés na terra. Pero non, discrepo. Na miña opinión é porque a mín gústame voar sabendo que debaixa miña hai un chan firme no que caer.
O libro transcorre normalmente, pero cando chegamos ao final, agardamos atoparnos un grandioso desenlace, cun fermoso bico (hai a idade!!) ou algo emocionante. Mais NON, NON: resulta que toda a historia transcorría nunha mentira!! Unha andrómena que ocupa máis de 50 páxinas!! Mais o máis desesperante e insultante é que a explicación da mentira ocupa soamente 4 páxinas e dá grazas a deus!! Semella que o autor tiña présa ou ganas de ir ao baño con urxencia!! :) Pero, así é a vida, e se o Malzieu bebeu demasiada auga non é culpa súa!
Teño que pedir desculpas porque tiña que ser un comentario xeral, mais eu fixen un individual: NON é a miña culpa, se queredes ser vós os protagonistas facédeo vós a próxima vez!! :)
UNHA APERTA
VERA RODRÍGUEZ NAZ 2ºESO B

Beni dixo...

Vera: sabes de sobra que aquí non se enfada ninguén. Paréceme moi ben o teu comentario, porque é a túa opinión e iso é o que tes que expresar. Como ti dis, se alguén quere dicir outra cousa aquí ten o seu espazo.