24/12/11

Poesía social

Luns 19 de decembro.
Nesta última sesión do ano quixemos ler poesía social, tratando de lle mostrar ao alumnado que en todos os lugares e en todas as épocas sempre houbo xente que quixo mellorar o mundo. E que os temas obxecto desta poesía podían ir desde a loita contra a explotación dos traballadores ou a fame, o berro en contra da represión política e as ansias de liberdade, as proclamas en contra da guerra de Vietnam e o militarismo ou as voces que clamaban contra a enerxía nuclear. E que a poesía, para ler ou para escoitar en forma de canción, xoga o mesmo rol (mesmo insistimos en que moitos destes poemas foron musicados, o cal axudou á súa difusión, e outros naceron xa, na voz dos cantautores, como canción. Pero a finalidade é a mesma. E a que é boa poesía éo tamén en calquera dos dous formatos).

Gabriel Celaya, Blas de Otero e Celso Emilio eran o noso punto de partida nunha sesión de recitado e conversa. Axiña vimos que o termo “social” é moito máis amplo do que nos din os libros de texto. Derivamos ao recitado doutros autores, como Miguel Hernández, Benedetti e Neruda. Falamos da influencia nos cantautores e visionamos e escoitamos a Paco Ibáñez, Víctor Jara, Serrat, Manu Chao e Bob Dylan. Aí xurdiu tamén a figura de Woody Guthrie como precursor e comentamos a canción “This Land is your Land”. Rematamos escoitando a canción de The Clash “London Calling”, que exemplifica como os temas de contido social chegaron tamén á musica punk (curiosamente esta canción é o himno oficial dos Xogos Olímpicos de Londres, tema que nos ocupa no proxecto de centro).

Distribuímos tamén o noso seguinte libro, Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, autor co que estaremos no próximo trimestre.

Decidimos crear un foro social, dentro da aula virtual, para facilitar a comunicación entre os membros do club.

Aproveitamos para celebrar á nosa maneira a concesión do 3º Premio Nacional de Boas Prácticas: demos conta dunha caixa de bombóns e tivemos como invitadas a dúas exalumnas, Helena e Iris, cofundadoras do club e ás que lles agradecemos enormemente a súa presenza.



Ningún comentario: