03/06/12

ENTREVISTA A TERESA PORTELA

No mes de marzo, Paloma e Julia realizaron esta entrevista a Teresa Portela, campioa do mundo de piragüísmo e a galega con maior número de participacións nos Xogos Olímpicos.

ENTREVISTA
P- Como te iniciaches no piragüismo?


R- Aos nove anos, por diversión. A verdade é que o colexio no que estudaba estaba cerca do club e da praia. Chamoume a atención o feito de poder quedar coas amigas no verán, ir á praia e probar o kayak.

P- Segues pertencendo ao mesmo club?

R- Si. Desde os nove anos no Club de Mar Ría de Aldán e ata hoxe. Son xa vinte anos.

P.- Cando te decataches de que o piragüismo era un deporte de futuro para ti e non só unha diversión?

R- Penso que tomei conciencia aos dezaoito anos, xa sendo senior, cando entrei no equipo nacional. Como dicía, aos nove anos comecei por quedar coas amigas e pasalo ben. Empezou a dárseme ben, a ir a competicións, a gañar e a gustarme cada vez máis. As vitorias fóronme motivando e no 2001 chámanme para o equipo nacional e fun ao meu primeiro mundial senior. Dende ese instante comecei a darlle prioridade ao piragüismo.

P- Lembras a sensación ao gañar o primeiro campionato nacional ou europeo?

R- Non lembro o primeiro que gañei, pero si que foi moi especial cando, aínda sendo xuvenil, quedei segunda no meu primeiro campionato de Europa K1 500. Tamén supuxo unha satisfacción enorme cando en Sevilla, no 2005, gañei o campionato do mundo. Ir a unha competición deste calibre e gañar faite pensar en todos os días de adestramentos e sacrificios e en que por fin acadas unha recompensa a tanto esforzo.

P - Cantos campionatos europeos e mundiais levas gañados?

R- Podo dicirvos que aos dezasete anos fun ao campionato do mundo e quedei cuarta en K1 500. Con dezaoito fun segunda de Europa xuvenil, no 2000. Axiña chegou o campionato nacional xuvenil e gañei. Aos quince días participei no Master nacional absoluto que tamén gañei e conseguín a praza para os Xogos Olímpicos de Sidney. Para min, ese ano, o de 2º de bacharelato, foi moi complicado nos estudos, pero conseguín rematalos e ademais vinme recompensada coa prata en Europa e coa asistencia a Sidney. A partir de aí asistín todolos anos ao europeo e ao mundial, e nos anos que non había mundial asistín aos Xogos Olímpicos.

Gañados? dous campionatos do mundo en K1 200, catro de Europa en K1 200, ademais dun segundo e un terceiro posto nesa distancia.

Sei que eses datos están na wikipedia, pero están errados: unha vez un escritor que ía facer un libro sobre mulleres olímpicas pediume os datos sobre as medallas e creo que contara trinta. Cando me retire farei ben a conta.

P- É moi duro manterse a ese nivel e con tanta competitividade?

R- Evidentemente. Chegar arriba, estar entre as oito mellores do mundo ano tras ano require moito adestramento. Manterse esixe moito esforzo, primeiro para chegar e despois porque ano a ano están tamén as rivais e sempre vai aparecendo xente nova, polo que cada vez son máis obstáculos a superar.

P- Polo que comentaches, a cantas cousas tiveches que renunciar para poder participar e adestrar?

R- Sempre hai que renunciar a algo, pero se é algo que che gusta sempre vai ser prioritario. Para as demais cousas é cuestión de buscar o momento. Para min agora este é o meu traballo, e aínda que me gusta saír con amigos, agora mesmo non podopensar en saír polas noites sabendo que teño adestramentos, que teño que descansar para estar ben ao día seguinte. Para quedar coas amigas teño que buscar o memento axeitado. Penso que esa é a clave, pódese facer de todo pero cada cousa no seu momento.

P- Cales son os teus máximos apoios?

R- Sen dúbida a miña familia e o meu marido, pero tamén o meu adestrador, porque á hora de adestrar sempre está ben ter un reforzo. Tamén as amigas coas que adestro, porque me fan mellorar. En realidade todas as persoas das que estou rodeada conseguen que me sinta ben física e animicamente.

P- Tes algún referente, no teu deporte ou noutros, que che sirva para manter a competitividade?

R- A verdade é que nunca fun de ter ídolos, pero si que admiro a outros deportistas que chegan ao máximo, como Rafa Nadal. Cando conseguen eses resultados sabes o sacrificio e o traballo duro polo que tiveron que pasar, e entón valóralo e admíralo. Pero se me preguntas se hai alguén en quen sempre me vexa reflectida, diríache que non.

P- En cantos xogos Olímpicos participaches?

R- En tres: Sidney 2000, Atenas 2004 e Pekín 2008. Agora veño de conseguir a praza para Londres, pero aínda teño que pasar un control en España para confirmar se vou eu ou non. Se finalmente asisto a Londres, serían os meus cuartos Xogos.

P- Cal deles é o que mellor lembras, a cidade na que mellor te sentiches?

R- Foron diferentes. En Sidney tiña dezaoito anos e foi algo que non imaxinaba a principio de temporada, xa que o meu obxectivo era o campionato de Europa xuvenil, pero gañei o campionato nacional e de repente tiña praza para Sidney. Foi unha alegría enorme asistir, pero non me esixía conseguir un gran posto, pois para min xa era un logro estar. Tal vez por iso gocei moito da experiencia de estar nunha vila olímpica e compartir un soño con outros deportistas.
En Atenas xa vivira a experiencia e fun máis a acadar un obxectivo deportivo. Conseguín dous diplomas olímpicos, dous quintos postos en K4 500 e K2 500.
En Pekín intentei acadar medalla, pero non puido ser, quedei con outro quinto posto.
Sobre as cidades, sidney encantoume, coñecer Australia foi marabilloso. De Atenas case non vin nada, porque as instalacións de piragüismo estaban a cincuenta KM da vila olímpica. Pero de todas as cidades saquei algo positivo.

P- Como se vive nunha vila olímpica? Fas amizades con outros deportistas?

R- As vilas olímpicas son enormes, nelas hai todo o que pode haber nun pobo grande: os edificios nos que vivimos, transporte, centros de ocio, perruquerías, etc. Os españois estamos todos no mesmo recinto e é cos que coincidimos cando estamos na vila. Pero os horarios non che permiten facer amizades, xa que cadaquén está centrado no seu deporte. Coincides nas comidas e pouco máis.

P- Cantas horas diarias adestras?

R- Hai semanas de moito adestramento, pero tamén é importante o descanso para non chegar a un punto de fatiga a partir do cal non podes mellorar. Hai semanas de cinco horas diarias, pero cando se achega a competición descansamos un pouco máis.

P- Canto duran os teus períodos de vacacións?

R- Adestro durante once meses e descanso un. Teño un mes de vacacións cando remata o mundial ou os Xogos, que adoita coincidir co mes de setembro. Cando chega ese momento estou todo o mes sen facer nada, e menos remar.

P- Sabemos que vas pola túa segunda carreira universitaria. Como o compaxinas?

R- Teño que facer números. A miña prioridade é o piragüismo, porque ademais teño unha beca que me permite dedicarme en exclusiva a isto, e os estudos pasan a un segundo plano. Se teño competición e exame, doulle prioridade á competición, pero ao final é cuestión de organizarse. Se un quere, está claro que pode. Se a carreira dura tres anos e a fago en catro, tampouco pasa nada. Hai que buscar o tempo. Evidentemente estase mellor descansando sen facer nada que estudando, pero é obvio que se queres sacar a carreira hai que estudar e sacar o tempo de onde non o hai.

P- Despois de telo gañado case todo, a túa meta futura cal é?

R- O meu obxectivo e o meu soño é acadar unha medalla nos Xogos Olímpicos, pero está moi complicado. Agora mesmo hai moitas rivais e moi fortes. Todo o mundo quere o mesmo e, para un piragüista polo menos, os Xogos son o máximo ao que podemos optar. Todos loitamos polo mesmo e só hai tres medallas, así que está complicado. Pero ben, eu estou adestrando con esa ilusión e con gañas de intentalo

P- En cuestión de éxitos, cres que se valoran máis os masculinos?

R- A verdade é que moitas veces me teñen feito esa pregunta, pero penso que non. Creo que ao final, polo menos no meu caso, cando tiven un éxito ou conseguín unha medalla, tivo bastante repercusión, tendo en conta que este é un deporte minoritario. Por suposto que non é o mesmo que co fútbol ou tenis. Penso que a valoración ten máis que ver coa repercusión social do deporte que co feito de ser ou non muller. No caso do piragüismo nunca sentín que se lle restase importancia aos éxitos por ser muller.

P- Que consellos lles darías aos xoves que se inician neste deporte?

R- Que o pasen ben. Cando un é novo debe empezar por pasalo ben. Máis adiante o tempo dirá se segues para arriba ou non. Se un vai destacando xa se encargan os adestradores de coidalo. A partir dese momento comeza a disciplina, o saber priorizar, curtir a técnica, saber adestrar e descansar. Pero para empezar, trátase simplemente de pasalo ben practicando deporte.

P- Que outras afeccións tés?

R- Gústame ler. Ás competicións sempre levo un par de libros. Faime desconectar, entretenme. Gústame meterme nos libros e entretéñome moito lendo.

P- Que ten a Ría de Aldán para que saian de aquí tantos campións e campioas?

R- Pois non o sei, pero é verdade que poucos poden dicir que un pobo coma este teña sacado tantos talentos: David Cal, Carlos Pérez, os dous medallistas olímpicos. Penso que é un feito anecdótico, pero non creo que no mesmo equipo nacional de piragüismo doutros países teña saído tanta xente do mesmo pobo. Non teño explicación.

P- Esperamos verte no verán xa con medalla. Moitas grazas pola entrevista.

R- Moitas grazas a vós.

Nota: finalmente, no mes de maio Teresa conseguiu a clasificación para os seus cuartos xogos olímpicos.

1 comentario:

adrián m dixo...

felicidades por la entrevista a la campeona olímpica gallega espero más entrevistas como esta