O pasado luns 29 de outubro tivemos as nosas primeiras sesións cos clubs de lectura. No club de 1º ESO lemos Matilda, de Roal Dahl, edición en galego. Esta primeira sesión serviu para coñecernos, pois xuntámonos 30. Foi unha sesión moi divertida, pois a todo o mundo lle gustou o libro (para algún incluso era o seu favorito) e houbo numerosas intervencións comentando todo tipo de anécdotas, polo que o moderador case non tivo que intervir, nada máis que ao final para facer un pequeniño cuestionario que supoñía unha especie de concurso de lectura, de respostas rápidas para comprobar o grao de implicación coa lectura. Non fixemos fotos da sesión pois aínda había dúbidas acerca de quen tiña autorización para saír nas fotos.
A mediodía, na hora da comida, quedamos co grupo de 2º ciclo (34 participantes), ao redor de O principiño. Para moitos era a primeira vez que quedaban a comer, e isto foi para eles un aliciente. A verdade é que puidemos escoitar opinións moi meditadas e acertadas acerca dos múltiples temas que propón o libro, pero sobre todo acerca da amizade e os vínculos, e todos nos sentimos moi a gusto formando parte dese vínculo que crea o club. Tamén aproveitamos para constituír as patrullas lectoras que se encargarán de ir ler polas aulas en determinadas datas.
As nosa próximas lecturas serán Proxecto bolboreta, de Andrea Maceiras, para 1º ESO, e Farenheit 451, de Ray Bradbury, para 2º ciclo.
2 comentarios:
pareceume moi ben o de xuntarnos a comer para falar do libro.
Vexo que este pequeno gran grupo lector segue ben o seu rumbo vento en popa, rondando con pé firme por esta fermosa paixón, e alegrome delo, máis tamén gardo ansioso novas no blog (como esta) que me fagan ciumoso das vosas andadas. Bicos e apertas casteláns, e deica o màis pronto que me sexa posible!
Publicar un comentario