O luns 8 de abril tivemos doble sesión do club de lectura. Comezamos cos de primeiro de ESO, nunha sesión para falar da obra de Andreu Martín, Chats. Foi unha lectura que puideron facer con calma durante as vacacións, e que gustou moito. Para moitos era a primeira vez que se achegaban a unha obra cun tema real, lonxe das aventuras e dos mundos de fantasía. A obra trata o tema duro do ciberacoso, pero neste caso, ademais, agravado polo peligro real que corre a protagonista, unha moza de tan só 13 anos coa que as nosas mozas (e eles tamén) consiguen identificarse, aínda que todas coinciden en que elas non xogan así coa internet. Foi unha sesión para a concienciación dos perigos da rede, para falar de casos reais que algúns coñecían, pero tamén para as contar anécdotas divertidas mentres liquidamos as gominolas que nos trouxo Ángeles. E quedamos en que a próxima sería unha fantástica, Dragal, para cambiar o chip.
Despois de xantar ben, dúas
horas para indagar nas orixes de Romeo e Xulieta, para falar, unha vez máis, da “orixinalidade” de
Shakespeare, para revisar a súa vida, falar do seu Stratford-upon-Avon e, sobre todo,
do seu labor cultural en Londres e do teatro Globe. Fixemos un percorrido polos
amores históricos de Antígona e Hemón, de Píramo e Tisbe; pasamos pola
recreación do noso autor, o tratamento do tema no romanticismo con Los amantes de Teruel, e como se reaviva
o tópico no século XX, fundamentalmente a través do cine. Aproveitamos a
ocasión para falar de West Side Story e ver algún fragmento
dese enfrontamento entre “Montescos e Capuletos”. E alguén comentou que estes
amores imposibles reproducen os esquemas sociais de cada época e que, lamentablemente,
agora nos tocaba lidar no terreo vampírico dos amores imposibles de Crepúsculo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario