17/01/18

XUNTANZA CLUB DE MANGA NO NOSO INSTITUTO

O pasado 18 de decembro xuntámonos de novo unha chea de rapazas e rapaces dos clubs de manga de varios centros de Vigo e do Morrazo, no noso instituto. A organización foi, coma sempre, magnífica. Os rapaces e rapazas do noso club de Manga traballaron arreo para que todo estivera listo e fora un éxito. Os profes non deixamos de sorprendernos do ben que saben xestionar os nosos alumnos cando teñen interese e ilusión por algo.
Nesta ocasión prepararon varios concursos e, ademais, un obradoiro de Magic, que foi un exitazo.
Comezamos a mañá cos Torneos de Pokemon e de Mobile Legends.

Ao mesmo tempo, os participantes no concurso de debuxo puxéronse mans á obra ata ir completando o panel no que posteriormente teriamos que escoller o noso debuxo preferido.




Ao longo da mañá celebrouse tamén o concurso de talentos, no que os profes participamos como xurado imparcial dunha reñidísima competición na que houbo bailes, cancións e, sobre todo, moito humor.



E mentres tanto, no espazo da biblioteca, tiña lugar o obradoiro de Magic da man dos encargados de Mazinger en Vigo. O éxito foi total: os que xa sabían xogar desfrutaron amosando as súas habilidades. Os que non, aprenderon e tanto lle colleron o tranganillo que aproveitaron os tempos mortos (escasos, todo hai que dicilo), para botar algunha partida. Ademais, houbo premio. Todos os participantes recibiron un mazo de cartas como agasallo. Para empezar non está nada mal...
Comemos bastante cedo para aproveitar o tempo do mediodía en que o instituto queda baleiro e así dispoñer nós dos espazos para as actividades da tarde. Foi un momento para descansar e compartir, tamén entre os profes. Ou para seguir xogando ao Magic...

Despois de comer houbo una competitiva xincana por equipos no patio. Sorte que lucía o sol.
Unha vez rematada a xincana, regresamos ao interior porque se celebraban dúas actividades simultáneas.


Na biblioteca tiña lugar un Pictionary de anime no que os nosos mangas demostraron que non se lles escapa unha e, ademais, que saben debuxar moi ben.
E, mentres tanto, no salón de actos avanzaba o concurso de karaoke.
Cara ao final da tarde, houbo entrega de premios e despedidas.


En fin, un día completo, cheo de emocións e aprendizaxes. Parabéns para o club do noso insti que demostrou una organización e xestión impresionante. Vémonos noutras xuntanzas!!!!!.

Ningún comentario: