07/02/08

MADE IN GALIZA. Sénchu Sende

O CABALO E A NÉBOA

O cabalo era gris e agardaba por min. Cando cheguei ao río, atrás viña a morte cun xersei arco da vella e un machete na man. Tres libélulas negras volvéronse azuis, eu subín ao cabalo manso como a néboa e entramos no río para cruzar a corrente. O cabalo mollado brillaba como un ferro e a morte na ribeira miroume con ira. Exclamou o meu nome coa estridencia dun porco e eu avancei devagar de cara á liberdade. Vin tres mulleres chorar na beira de enfronte, e entre elas estaba a muller que eu amo. O noso amor é máis forte que o amor dos soños. Choraba o meu nome vestida de azul, alongando as mans como ao deitarnos xuntos, e arrincábase o pelo como se estivese louca. Eu lembrei a lenda do cabalo de néboa e o cabalo fitoume por un ollo de sangue; a súa pel prateada transformouse en brétema, pola metade fendeu e disipouse no río no brumeiral na néboa no val da morte. Atoparon o meu corpo aboiando ao pé do arco iris.

Ningún comentario: