07/02/08

X. L. MÉNDEZ FERRÍN.- PERCIVAL e outras historias.

A cancela.

Todo o que vou escribir arastora pasóu porque il -O. Phea, obreiro- tivo que, ano tras ano, perante dazaoito, facer o mesmo camiño, pola mesma estrada, e dacabalo da mesma bicicleta. Se il non fora obreiro e non vivira no arrabaldo gris, a carón da estrada -de piche- non tería que ter percorrido endexamáis o anaco de estrada que está limitado pola porta da súa casa e pola porta da súa fabrica. Por isto de tanto ir á fábrica e de tanto vir -sempre o mesmo alcipreste, coma un coitelo- pasoulle todo o que lle pasóu. Foi asín:

O. Phea penduróu do cadro da bicicleta a pota co xantar, ben envolta en papés de xornal. Miróu pra os zocos mollados e pra o ceo azul, sorríu e pensóu:

- Qué sorte teño! Hoxe non chove, que onte púxenme coma un pito...

Despois xa ía a pedalear de vagariño -que é como andan os traballadores en bicicleta- pola estrada asfaltada. E, súpeto, o alcipreste da dereita. Il chasqueóu a língoa e coidóu pra sí que era unha vergonza que os alciprestes non se puxeran de ves en cando ao revés, por variar. Seguíu a andar e chegóu a fábrica, como chega sempre, despóis da casiña arruinada, do aserradeiro, do xardín raquítico...

Outro día calquera O. Phea voltóu a montar na bicicleta. Ia de mal humor, rifara coa muller. Xa meiado o camiño dixo:

- ¡Que noxo!

Dixo isto porque, ao dar precisamente aquela volta, tiña que atopar o muro baixo que, anos atrás, estaba espido e que, agora, comenzaba a estar espido outra vez, coa morte do gran pé de edra -de aquil pé que non deixara que o sol lambese as pedras do muro perante oito veraos-. Precisamente agora..., ao dar volta, tiña que atopa-lo muro baixo de sempre. Pero ... -O. Phea freóu e puxo a chanca esquerda no piche- alí non estaba xa o muro.

- ¡Pero se aínda estaba onte...!

É o mesmo, hoxe non estaba alí o muro. Estaba, si, onte, pero hoxe non estaba alí o muro. E, no seu sitio, habia unha estradiña estreita, de area branca, firme e calcada; polas beiras, o grande aucalito repetía cen veces a imaxe da súa especie.

-¿Aónde irá a estradiña? ¿Quén a faría?

Pola noite O. Phea escribiulle ao seu fillo unha carta. Xa lle tiña escrito moitas, pero debéranse perder todas porque il -o fillo de O. Phea- non contestara a ningunha. Decía asín a carta:

"Querido fillo:
Hoxe fun ao traballo e non atopéi a muradella da edra. Non sei como agora hai alí unha estradiña moi feita e moi xeitosa. Cando ti eras pequeno gostábache moito xogar na estrada, i eu non che deixaba, polo dos coches. Por iso lembreime de que se ti foras pequeno i estiveras eiquí, eu habíate levar pra que xogaras na...".

O. Phea rachóu o papel. A súa muller berráralle dende a cama:

- Vente deitar..., ¿oes? ¡Estas a gastar un mundo de lús pra nada!

Foron tres días que o obreiro paróu a bicicleta dediante da estradiña, e foron tres os días que o obreiro pasóu a coidar aónde iría a estradiña de area que por diante morría en dúas paralelas de eucalitos, e por trás... ¿Onde morría por trás? Decidíu sabelo ao carto día. O. Phea torcéu decididamente, e pedaleóu polo medio das fías de aucalitos. Istes eran outos, cada vez máis outos e a lús era por vegadas menos. O obreiro pedaleaba arelante, con forza, tiña que sabe-lo fin..., o fin da estradiña. E, a un relanzo, abríuse o fin: unha cancela. Si -O Phea freóu súpeto- non era máis nada. Unha cancela vella e podre. As madeiras cruzabanse sen s

Ningún comentario: