25/05/12

O mercader de Venecia e Alba de Montnegre

O pasado luns 14 de maio quedamos de facer a última sesión do curso do Club de Lectura e, para algúns, a derradeira. Como sempre, para xantar e falar de literatura.

Optamos esta vez, porque así o quixeron os alumnos, por ler unha obra dos clásicos, e foron eles os que elixiron O mercader de Venecia, de Shakespeare. Vimos tamén algúns momentos da magnífica interpretación que do xudeu Shylock fai Al Pacino na película homónima, para distinguir o teatro lido e as versións interpretadas. E, claro, falamos de racismo e de xenofobia. E repasamos os cambios da historia e comparámolo co presente. E vimos que, tristemente, non variou moito nada. Que as cousas seguen case igual.

Como xuntamos aos rapaces máis noviños, propuxémoslles o mesmo tema, pero nun libro máis asequible, Alba de Montnegre, de Luz Álvarez García,  Premio Lazarillo 2007. E concluímos o mesmo, neste caso engadido coa utilización do racismo para xustificar intereses económicos. Tamén moi habitual.

Pero era un día especial. Diciamos, a derradeira sesión para algúns dos nosos lectores. Porque Marta, Inés,
Sofía, Yago e Paloma, uns rapaces que nos acompañaron desde primeiro de ESO, que estiveron participando de maneira entusiasta en toda canta actividade se lles propuxo , despedíanse despois destes seis anos. Remataban segundo de bacharelato (con moito éxito, por certo. Tres delas con Matrícula de Honra ). E nós queriamos convertelos nos protagonistas do día. Porque foron bos lectores e lectoras. Porque foron dinamizadores do centro. Porque son colaboradores, idealistas, comprometidos, solidarios, interesados, críticos... Porque nestes tempos en que o ensino público sofre todo tipo de afrentas, eles son o exemplo do bo facer. E porque depositamos neles a nosa esperanza, a utopía de que estes, e outros coma eles, consigan a utopía dun mundo mellor, máis xusto e máis solidario. Mil grazas.

Aprendemos moito con eles e botarémolos de menos.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Xa era hora de que volveran on cásicos ao club de lectura dos maiores, e ben forte que volveron! Shakespeare non resultou tan difícil de ler coma me imaxinara e o tema do racismo deu (como xa é costume) moito que falar e discutir.

En definitiva, meus señores, foi un placer para esta servidora de segundo de bacharelato formar parte dunha iniciativa tan emocionante e divertida coma o noso club de lectura. Botarei de menos as nosas reunións, as nosas discusións, as pelexas de Carmen e Beni... En fin, creo que foi o perfecto xeito de aprender e pasar un moi bo rato cos compañeiros e profesores.
A todos (e en especial a Beni por ese traballo que di que non recoñecemos)...
Gracias!
(Inés)

Anónimo dixo...

Non sei se xa é un pouco tarde para este comentario, igual que é tarde para os remorsos por non gozar máis da nosa última sesión de club.
Porque agora que estou fóra do insti doume conta de que o que queda son os recordos, e vós, todos os que fixestes posible o club de lectura estaredes nos meus moi presentes.
Só me queda dar as gracias por facer posible un lugar para compartir, para que os que gozamos lendo poidamos atoparnos como en casa. En especial, gracias a Beni porque nada disto sería posible sin ti, sin a túa dedicación.
Lémbrome perfectamente cando entrei por primeira vez na biblio en primeiro da ESO... Non quero poñerme melancóloca xa que, aínda que se todo me sae ben estarei un pouquiño lonxe o ano que vén, en canto poida volverei a asistir a unha sesión do club.
Gracias, por todo.
biquiños!

Paloma