15/03/10

Matilda para 1º de ESO



O pasado luns tivemos unha sesión do club de lectura prometedora. Esta vez xuntámonos cosa mozos e mozas de primeiro da ESO, que primeiro participaron no concurso "O libro do mes" (dez minutiños para contestar a un cuestionario sobre o libro) e a continuación cambiamos algunhas impresións sobre Matilda, un libro que gustou a todos/as. Esta vez xa foron emitindo opinións particulares sobre diversos temas: a familia, a educación, o afecto, o mundo do traballo... Quedamos de acordo en ler para unha próxima sesión Chamádeme Simbad, de Francisco Castro. Faremos a sesión, conxunta cos do club dos demais cursos, o día 12 de Abril (Día do libro infantil e xuvenil) e por primeira vez quedarán con nós a comer na biblioteca. Posteriormente, o día 14, teremos un encontro con Francisco castro.


Tamén demos o nome da gañadora do concurso do mes anterior, Denise, á espera de coñecer os resultados deste mes. Deixamos unhas fotos dos lectores/as participando no concurso.

01/03/10

Comendo con Pablo Neruda

O pasado día 22 tivemos unha sesión atípica: estivemos falando só de poesía, tendo como libro de cabeceira Veinte poemas de amor y una canción desesperada. Cumprimos así o desexo dalgúns compoñentes que levaban tempo pedindo poesía. Como non, aproveitamos ese mes de febreiro adicado ao amor. Pero descubrimos que non só do amor vive a poesía, e que incluso a poesía de amor se desenvolve en planos moi diversos: falamos do outono, da primavera, de Marisol e Marisombra, de amores platónicos, de amores xuvenís, de amores tardíos, de amores interesados, de erotismo... pero tamén fixemos un repaso da figura do poeta. Por medio duns vídeos documentais repasamos a vida de Neruda e tamén os feitos que influíron na súa poesía: a Guerra Civil española, o exilio, a política chilena, Isla Negra, Italia, o Nobel, as súas mulleres, o compromiso social... Unha morea de feitos que viron a luz co pretexto de falar de poesía amorosa. Alegrounos moito comprobar que sempre que falamos algo de poesía acaba aparecendo na boca dos membros do club a nosa Rosalía... sempre Rosalía. Parece que de algo serviron esas rutas literarias.
Planificamos as próximas lecturas: Anxos en tempos de chuvia, de Miguel vázquez Freire; O vixía no centeo, de Salinger e As rulas de Bakunin, de Antón Riveiro Coello. Miguel e Antón estarán con nós na biblioteca. Tamén voltará á biblio Francisco Castro, para estar cos do club de primeiro e falar de Chamádeme Simbad.
Os ensaios da obra de teatro van a bo ritmo e xa temos falado da ruta literaria ao Courel.

05/02/10

A voltas co amor. Pablo Neruda

Despois da lectura de Resistencia, de Rosa Aneiros, retomamos a idea coa que iniciamos o curso de ler e comentar grandes autores do século XX. Este mes, no que andamos enredados co amor, tócalle o turno a Pablo Neruda e os Veinte poemas de amor y una canción desesperada. satisfacemos así tamén o vello requerimento de ler poesía no club de lectura. A finais de febreiro teremos unha xuntanza especial con música incluída. Invitamos xa dende agora aos antigos compoñentes do club: xa sabedes que estades todos/as invitados. Estade atentos ao blog para ver a data exacta da sesión. Mentras tanto, que Cupido vos sexa propicio.

01/02/10

Matilda para o club de 1º ESO

O noso próximo libro é Matilda, de Roald Dahl, autor tamén de Charlie e a fábrica de chocolate. A obra foi escrita en 1988, dous anos antes da morte do autor. Xa temos na biblio os exemplares da edición galega. Picade nos enlaces para máis información. Tamén podedes visitar a páxina oficial adicada ao autor.
Argumento:
Sen ter cumpridos os cinco anos, Matilda xa leu a numerosos autores e ten uns enormes coñecementos. Pero os seus non se preocupan por ela e anímana a ver a televisión, negándose a mercarlle libros. Mentras eles están fóra, ela vai á biblioteca e cando comeza a escola sabe máis cós compañeiros. Máis tarde descubrirá que ten poderes...
Estaremos con esta lectura ata despois de carnaval. Como sempre, haberá concurso sobre o libro, ademáis da sesión conxunta na que expresaredes as vosas impresións.

28/01/10

Rosa Aneiros visitou a biblioteca

Onte, día mércores 27 de Xaneiro, nas derradeiras dúas horas a autora de Resistencia, Sol de Inverno, Eu de maior quero ser, Rosa Aneiros, entretivo a parte do alumnado da ESO cunha animada charla na que mostrou a unha Rosa moi viva e amigable. Esta muller de tan só 33 anos e xa unha autora recoñecida que, na súa corta carreira litararia leva recibidos unha chea de premios como: Premio da Fundación Caixa Galicia de Literatura, Premio Xerais de Novela 2009...

Na súa charla ela presentóusenos como unha muller que segue a sentirse una moza que nunca pensara que acadaría unha fama tan grande cunha idade tan temprana. Dunha maneira moi humilde explicounos a importancia que teñen pra ela os lectores e a forma que temos nós de interpretar as ideas que ela intenta plasmar nas súas novelas. Animou a todos aqueles ós que lle gusta escribir ou realizar algunha outra actividade artística e cultural, a perseguir os nosos soños e loitar polo que queremos. Que a dedicación e o esforzo é o que fixo que ela poidese acadar tanto éxito, que non foi cousa de sorte, que ela non é un xenio senón unha persoa moi traballadora que pasou horas e horas sobre o papel tentando redactar as idea que afloraban na súa imaxinación.

Tras falarnos de algúns dos encontros que tivo con outros lectores e das perspectivas que eles tiñan sobre o seu traballo chegou a hora das preguntas. Foi formidable a forma en que respondía ás preguntas dunha maneira sinceira que me pareceu, persoalmente, admirable. Confiounos que o seguinte libro que está a escribir pretende facelo en 1º persoa tras redactar xa en 3ª e 2ª persoa. Confesounos que para ela a 1ª persoa presentábaselle coma un reto que pretende acadar.

As preguntas remataron e a autora e xornalista pasou a firma de volumes.

Cando acabou esta tarefa amablemente aceptou que algúns dos alumnos de 4ºA lle fixesen unha curta entrevista sobre ó seu traballo.

Marta Gómez.




24/01/10

Rosa Aneiros

O próximo mércores 27 faremos unha sesión moi especial do club de lectura. Visitaranos Rosa Aneiros para falar de Resistencia, unha novela que non vai nada mal para esta semana da Paz. Alí estaremos o club de lectura e máis o alumnado de 4º que preparou a novela nas aulas. Algúns membros do club que non son de 4º escolleron a lectura de Ás de bolboreta, novela gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009. Esperamos que as novas redactoras do blog comecen a súa andaina relatándonos como transcorreu a sesión.

23/01/10

Novas resesas

Déixovos as fotos das sesións da Metamorfose-O estranxeiro e de Eidolon.
Na sesión Metamorfose - O estranxeiro pasamos un dos mellores momentos dende o comezo do club, pois xa todos/as vos lanzades a opinar, e ademáis con opinións enfrontadas: dende o afecto por Gregor Samsa, pasando pola análise da vida de Kafka, ata a rabexa que produce a inacción de Mersault. Tivemos tamén participando aos exalumnos/as Pablo, Alba e Iris, aos que lles agradecemos a súa participación e quedan oinvitados para a próxima.

Como vedes, tivemos o blog un puoca parado, á espera de saber se iamos poder continuar. Agora sabemos que temos subvención para seguir e ademáis contaremos con novas redactoras que irán actualizando e vos poderán contar máis cousas das nosas sesións. Tamén andamos de cámara caída, por iso as poucas fotos que hai son feitas co móbil.

De Eidolon fixemos dúas sesións, moi concurridas pero con pouca participación no que a opinións se refire: temos en conta que sodes de primeiro e supoño que para a próxima xa vos atreveredes máis. Entre os membros do club fíxose tamén o concurso "o libro do mes", do que axiña daremos os resultados.


18/12/09

Aviso sobre as sesións do luns 21

O próximo luns 21 teremos as dúas sesións cos clubs de lectura. Ás 9,35 será con 1º ESO para comentar a primeira parte de Eidolon. Ás 10, 40 cos demais para falar de A metamorfose e O estranxeiro. Invitamos aos profes que poidan asistir nesas horas así como aos ex membros do club.

11/12/09

Próximas sesións dos clubs de lectura


O Luns 21 teremos a última sesión do 2009 cos clubs de lectura. Para os de 1º ESO será a primeira arredor dun libro, Eidolon, de Jane Johnson. Despois das vacacións participaran todos no concurso "O libro do mes", no que contestarán a unhas preguntas sobre o libro e poderán obter premios.


O Club veterano reunirase o mesmo día, coma sempre na hora da comida, que esperamos sexa boa e navideña para afrontar o reto de falar de O estranxeiro e A metamorfose .

01/12/09

José Emilio Pacheco. Premio Cervantes 2009

O poeta, contista e ensaista mexicano ven de ser galardonado co Premio Cervantes de literatura, pouco despois de recibir tamén o premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana. Na súa produción poética destacamos «Los elementos de la noche» en 1963, «El reposo del fuego» en 1966, «No me preguntes cómo pasa el tiempo» en 1969, «Irás y no volverás» en 1973, «Islas a la deriva» en 1976, «Desde entonces» en 1980, «Trabajos en el mar» en 1983, e «El silencio de la luna» poemas de 1985-1996.


No club de lectura andamos este ano moi pendentes da boa poesía, así que vos deixo o máis famoso poema, del de fondo calado entre a xuventude mexicana. Engado dous da miña elección.

ALTA TRAICIÓN

No amo mi patria.

Su fulgor abstracto

es inasible.

Pero (aunque suene mal)

daría la vida

por diez lugares suyos,

cierta gente,

puertos, bosques de pinos,

fortalezas,

una ciudad deshecha,

gris, monstruosa,

varias figuras de su historia,

montañas

-y tres o cuatro ríos.

A min, particularmente, gústanme máis estes:

Caverna

Es verdad que los muertos tampoco duran

Ni siquiera la muerte permanece

Todo vuelve a ser polvo


Pero la cueva preservó su entierro


Aquí están alineados

cada uno con su ofrenda

los huesos dueños de una historia secreta


Aquí sabemos a qué sabe la muerte

Aquí sabemos lo que sabe la muerte

La piedra le dio vida a esta muerte

La piedra se hizo lava de muerte

Todo está muerto

En esta cueva ni siquiera vive la muerte


Un marine

Quiso apagar incendios con el fuego.

Murió en la selva de Vietnam

y en vano.