24/10/10

Nova etapa

Nestas dúas últimas semanas o noso club de lectura comezou unha nova singladura. Primeiro coa sesión cos máis veteranos, un grupo no que despois de baixas e novas incorporacións seguimos crecendo: estabamos vinte na sesión. Coma sempre, o libro foi a excusa para dar a nosa opinión sobre temas diversos. Pero arredor de Antígona falouse sobre todo de xustiza, do sentido do deber, da ética e da lei. Asaltounos a dúbida sobre as intencións de Sófocles ao otorgarlle o protagonismo a Antígona. Coma sempre o tempo pasou voando. Quedamos xa en que o próximo libro será Maquinaria, de Carlos Negro. Damoslles as grazas aos ex alumnos que asistiron e invitámolos para a próxima.
Despois tocoulle o turno aos dous grupos de primeiro ciclo, para os que unicamente fixemos unha presentación e fixamos a seguinte obra. Neste caso escollemos dúas obras distintas dun mesmo autor, posto que temos a intención de que sexa este o que comparta os seus libros con nós. Os de 2º ESO lerán O pazo baleiro e os de 1º Cando petan na porta pola noite, ambas de Xabier P. Docampo. Por certo, en segundo somos doce e en primeiro... 19.
Tamén decidimos ir buscando nomes para os distintos clubs e xa temos un logo que en breve poremos no blog.
A falta das fotos dos de primeiro, deixamos aquí unha de cada das outras sesións. Benvidas/os, que o pasedes ben ao longo do curso e que vos sexa de proveito.

09/10/10

Antígona. Estamos de volta.

O próximo luns, día 11 de outubro, faremos a primeira sesión do club de segundo ciclo e bacharelato. Como moitos dos ex, que sodes universitarios, teredes ponte ou aínda non comezastes, estades todos e todas invitados. Xa sabedes, hai que traer comida. Será ás 14,30 e falaremos de Antígona, de Sófocles.
Este ano somos máis que nunca, de tal xeito que fixemos tres clubs: un para 1º de ESO, outro para 2º de ESO e o club de sempre para segundo ciclo e bacharelato. Por fin participa xente de todos os cursos e somos 48 en total. No que se refire aos profes coordinadores, este curso, a parte dos xa coñecidos Beni e Carmen, incorpóranse tamén Sara e Pili.
Ademais de conversar sobre a obra, nesta primeira sesión do luns darémoslle a benvida ás novas incorporacións, explicaremos o funcionamento do club, os compromisos que se adquiren e as actividades que imos levar a cabo ao longo do curso. Teremos que ir pensando en darlle nomes aos tres clubs, porque é unha pesadez iso de ir dicindo os cursos para diferenciarvos.