02/12/13

Matilda, libro do trimestre.

O alumnado do club de lectura de 1º ESO levan realizadas dúas sesión ao redor de Matilda, de Roald Dahl. Na primeira, do día 22, participaron nun concurso de preguntas sobre o libro, acumulando puntos para seren declarados/as lectores do trimestre. Nesta primeira fase, resultaron gañadores ex aequo, con nove puntos, Sara, Daniel e Alba.
O día 25, baixo a dirección da profesora Françoise Oliva, celebrouse una sesión con 18 participantes que se dividiron en cinco grupos e un portavoz para cada grupo. Nun ambiente de traballo distendido, a profesora planteou cuestión que foron debatidas dentro de cada grupo e despois fíxose unha posta en común. Cada grupo que se foi anotando na pizarra as súas respostas, para poder facilitar a observación das semellanzas e diferenzas nas respostas dadas. Tratábase de desenvolver a capacidade de observación, análise e síntese trala lectura do libro, ao tempo que se fomentou o traballo en equipo e a capacidade de expresar e argumentar opinión. Buscouse sempre que desen respostas xustificadas a por que gusta ou non gusta o libro, as situación que valoran máis ou menos, etc., para chegar a ver os puntos común e os diverxentes.

Farase una nova sesión na que entrará en xogo a creatividade, con propostas sobre un título alternativo, valoración das propostas, ilustración dunha nova portada e creación, por grupos, dunha nova aventura de Matilda con travesura incluida, que Terán que representar ante os compañeiros/as.
Valoramos moi positivamente esta nova experiencia de lectura, xa que os asistentes mostráronse moi participativos e entusiasmados, e non paran de preguntar cando será a próxima xuntanza.

29/11/13

Palabras de auga

O luns 25, baixo a mediación da profesora Ana López, tivo lugar una sesión máis do club de lectura de 2º e 3º de ESO. O libro escollido foi Palabras de auga, de Marcos Calveiro, autor co que agardamos ter un encontró no próximo trimestre. Buscamos un libro que nos dese para traballar o tema dos Dereitos Humanos, e vaia se deu de si. As únicas críticas, de parte dun grupiño pequeno, que se lle fixeron son relativas a que non coincide cos parámetros narrativos aos que están acostumados, cunha maneira de narrar "non lineal".  Á gran maioría gustoulle moito o libro, do que destacaron aspectos que lles chamaron a atención, alleos á nosa cotidianeidade, como o feito de ter que ir buscar auga tan lonxe, ou que as mulleres sexan as que máis traballan e as últimas en comer, se é que queda algo. Outro aspecto relevante do que se falou foi o respecto á vellez e que os anciáns sexan autoridade. Tamén houbo conversa sobre o traballo infantil, os nenos soldado, o problema da desertización e a inmigración, problemas que parecen alleos a nós pero que están aí ao lado e ás veces estoupan diante dos nosos ollos. Coa participación de 23 alumnos/as, todos con algo que opinar, fixo que as dúas horas entre a comida e os pasteis do postre pasasen voando.
Gustounos Marcos Calveiro e agardamos a súa visita. 
E para xaneiro teremos una sesión especial, pois estará dirixida directamente polo autor do libro que imos ler, pero diso xa falaremos.


12/11/13

Eskoria


Hai uns días, o luns 28 de outubro, tivo lugar a primeira xuntanza do club de lectura. Como ven sendo habitual, quedamos na biblioteca despois das clases da mañá para compartir comida e reflexións. Esta vez o libro escollido foi Eskoria de Alfredo Gómez Cerdá que en xeral gustou moito e deu para bastante conversación.

Mentras comiamos, escoitamos  a música de Charlie Parker, "Bird", sobrenome  que,  despectivamente, deron os acosadores a Diego, o protagonista do libro, trala estupenda exposición feita por el sobre o músico e a súa obra.

Falamos dos motivos que facían a Diego diferente; do poder integrador, e a vez illador, do fútbol;  reflexionamos sobre o gusto polo silencio fronte ao ruído estridente das motos, sobre se compensaba xogar ao fútbol ou ceder a facer algo que non nos agrada para facilitar a integración. Analizamos a postura de Gloria, parella de Diego, dende diferentes ángulos pois non todos pensabamos o mesmo; o comportamento  dos pais nun mundo de présas; a amizade de Fede, os consellos a Diego, os motivos que o levaron a ese desgraciado final;  a conduta e personalidade dos acosadores; e a cobardía ou valentía ante a vida, as diferentes actitudes de Diego, o final do libro...

E, case sen notalo, chegou a hora de concluír despois de moita conversación endulzada con tarta de queixo e chocolate; tras comprobar o ben que argumenta este alumnado que asiste ao club de lectura. Foi un doce pracer.


25/05/13

Dragal e Fantasmas de luz

No 13 de maio tivemos as últimas sesións presenciais. Dragal foi unha lectura relaxada, como un premio á fidelidade dese alumnado de 1º que se mantivo aí todo o curso. E a maioría gozou coa lectura de Dragal. Ao alumnado pareceulle unha novela de aventuras e fantasía cun bo ritmo, que dá gañas de seguir lendo para descubrir que vai pasar con Hadrián metido dentro dese labirinto subterráneo.
Pero non puidemos evitar as comparacións con outras novelas fantásticas que todos/as coñecen. Poucos aprecian o feito de que a acción sexa en Galicia, parécelles imposible, e sen embargo non poñen reparos a un Éragon ou Eidolon. E entón falamos do efecto
que consegue o afastamento, tanto espacial como temporal  e volvemos sobre Dragal, xa que axiña se decataron de que ese efecto está tamén, por iso hai un pasadizo debaixo da igrexa que nos traslada a un submundo onde as cousas son posibles.  E falamos dos elementos da literatura popular e ata da épica. E encargamos xa a segunda parte.




 





 Despois de dar boa conta duns alimentos, xuntamonos na última sesión deste curso cunha ao carón dos Fantasmas de luz. Foi, sen dúbida, un regalo para todos/as a lectura desta obra do mestre Agustín. Moi axeitada para falar de sentimentos, para falar da crise, da invisibilidade dos problemas e das persoas, para falar da unión e da forza. Saíron á luz todas as cousas que nos están pasando causadas pola crise, os movementos sociais, as mareas. E souberon velo con esperanza, con esa esperanza que sabe transmitir Agustín. Gustaron moito as referencias cinematográficas que nos dá, pois botamos moitísimo tempo falando de cine, comentando e recomendando películas que saen na obra. Unha boa maneira de rematar o curso, levando para casa un saco de recomendacións. E foron gloriosas as madalenas de Pedro, segundo contan os que non estaban sacando fotos.

E veña, a preparar a ruta de Rosalía




Pola parte deste desastroso redactor, só dar as grazas a todos eses resistentes que estivestes aí, neste curso e máis os anteriores, pelexando pola lectura.
.

10/04/13

Chats e Romeo e Xulieta

O luns 8 de abril tivemos doble sesión do club de lectura. Comezamos cos de primeiro de ESO, nunha sesión para falar da obra de Andreu Martín, Chats.  Foi unha lectura que puideron facer con calma durante as vacacións, e que gustou moito. Para moitos era a primeira vez que se achegaban a unha obra cun tema real, lonxe das aventuras e dos mundos de fantasía. A obra trata o tema duro do ciberacoso, pero neste caso, ademais, agravado polo peligro real que corre a protagonista, unha moza de tan só 13 anos coa que as nosas mozas (e eles tamén) consiguen identificarse, aínda que todas coinciden en que elas non xogan así coa internet. Foi unha sesión para a concienciación dos perigos da rede, para falar de casos reais que algúns coñecían, pero tamén para as contar anécdotas divertidas mentres liquidamos as gominolas que nos trouxo Ángeles. E quedamos en que a próxima sería unha fantástica, Dragal, para cambiar o chip.

 
Despois de xantar ben, dúas horas para indagar nas orixes de Romeo e Xulieta, para falar, unha vez máis, da “orixinalidade” de Shakespeare, para revisar a súa vida, falar do seu Stratford-upon-Avon e, sobre todo, do seu labor cultural en Londres e do teatro Globe. Fixemos un percorrido polos amores históricos de Antígona e Hemón, de Píramo e Tisbe; pasamos pola recreación do noso autor, o tratamento do tema no romanticismo con Los amantes de Teruel, e como se reaviva o tópico no século XX, fundamentalmente a través do cine. Aproveitamos a ocasión para falar de  West Side Story e ver algún fragmento dese enfrontamento entre “Montescos e Capuletos”. E alguén comentou que estes amores imposibles reproducen os esquemas sociais de cada época e que, lamentablemente, agora nos tocaba lidar no terreo vampírico dos amores imposibles de Crepúsculo.

26/02/13

O neno can e Moonkid e Liberty

O luns 18 tivemos dobre sesión do club de lectura. Cos de primeiro de ESO, lemos O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro, unha serie de historias de nenos e nenas como Aakesh, Nadim, Altair, Leila, Carlos... que viven baixo situacións inxustas, sen dereito a vivenda ou afecto dos seus pais, con limitacións físicas, etc.
O noso alumnado comenta fundamentalmente o afortunados que se senten a pesares deste momento complicado no que vivimos. Ás rapazas, sobre todo, chámalles a atención a historia de Leila, unha nena de 11 anos que é obrigada a casar cun home moito maior. Historias, en definitiva, que fixeron reflexionar a mozos e mozas e tomar conciencia do lugar real que ocupamos neste mundo. Quedamos para a nosa próxima lectura, xusto despois da Semana Santa. Esta vez escolleron a proposta dunha das rapazas do club, e leremos Chats, de Andreu Martín. Parece que comezan a interesarse por temas que lles afectan ou poden afectar directamente.

E despois, á hora de xantar,  cos rapaces e rapazas de 2º e 3º de ESO, xuntámonos para contrastar as nosas lecturas de Moonkid e Liberty, de Paul Kropp. Opinouse principalmente sobre as diferentes actitudes de Ian e Libby, rapaces das súas mesmas idades, ante as amizades, a entrada nun instituto novo, os complexos adolescentes, a rixidez ante os comportamentos dos pais, a censura dunha sociedade inmobilista, a preocupación pola imaxe,… temas que lles son cercanos, cos que deben lidar cada día.

E temos que felicitarnos por ter alumnado con espírito crítico, capaces de ler e de ler ben, e de recoñecerse eles mesmos en certas debilidades dos nosos protagonistas.

E buscamos referencias noutras obras xa lidas, achegámonos á historia e ao movemento hippy, visualizamos momentos do festival de Woodstock (porque se menciona na obra e porque nos parece adecuado ampliar datos a uns rapaces en período de formación) e falamos de cine. Sempre no convencemento de que así todos aprenderemos máis.

Pasamos case dúas horas que se converteron en tempo de análise, pero tamén de agrado. Porque buscamos, e a comida sempre axuda, que ese sexa un tempo de compartir. E acabada de pasar a semana do amor, decidimos tratar o tema e os tópicos a fondo coa nosa seguinte lectura: Romeo e Xulieta, de William Shakespeare

13/01/13

Farenheit 451 e Proxecto bolboreta

No último luns do trimestre tivemos dobre sesión dos clubs de  lectura.Os de primeiro de ESO,  seguindo o camiño marcado pola semana da ciencia, lemos Proxecto bolboreta, de Andrea Maceiras, unha interesante e divertida historia que mestura o amor, as matemáticas e un método científico un tanto chapuceiro, ao dicir do noso alumnado. Un científico galego percorre o mundo detrás do refacho deixado no Xapón pola á dunha bolboreta, para evitar que un ano máis tarde se produza unha catástrofe no outro lado do mundo. 

Cos maiores tivemos ocasión de compartir dúas entretidas e produtivas horas ao redor de Farenheit 451. Botamos a vista atrás, ás primeiras obras de ciencia ficción. Por alí apareceron Frankenstein e Verne. E chegamos a esta obra que nos permitiu reflexionar sobre a nosa situación actual, sobre a crise, que tamén se cerne sobre a cultura. E falamos da necesidade dos recordos e das relacións humanas que os fomentan. Pero sobre todo falamos da barbarie, das ditaduras inimigas das ideas propias. E por suposto, apareceu na nosa conversa O Quixote, co famoso episodio da queima de libros, e o libro prohibido de El nombre de la rosa. Fixéronsenos gañas de ler libros prohibidos. Tamén vimos e comentamos fragmentos da película. E deron as catro e tivemos que deixalo, non sen antes degustar uns magníficos postres navideños.