08/12/18

CLUB DE LECTURA: PALABRAS DE AUGA

O pasado luns 12 de novembro tamén nos reunimos un dos grupos de 1º de ESO para comentar o libro Palabras de auga de Marcos Calveiro.


Os alumnos falaron das diferenzas entre a vida de  o neno africano protagonista e a súa vida, das dificultades coas que se atopa ao largo do seu periplo para atopar auga e comida e como vai pasando de neno a adulto.
A narración resultoulles difícil sobre todo pola riqueza léxica. A charla resultou moi proveitosa arredor dunha pequena merenda.





Esta é unha versión da portada debuxada por Helena Viñas de 1ºESO E:













CLUB DE LECTURA: CORREDORA


O pasado luns 12 de novembro, reunímonos por primeira vez neste curso un dos grupos do club de lectura de 2º de ESO para comentar o libro Corredora da escritora viguesa María Reimóndez. 

Aínda que é unha narración curta, é unha obra moi interesante que nos amosa o que hai detrás dalgúns dos grandes atletas que gañan nos xogos olímpicos ou noutras competicións. Concretamente, María Reimóndez di que se inspirou na atleta etíope Tiki Gelana, gañadora do ouro olímpico en Londres 2012. 
A novela móstranos a vida dunha nena das montañas de North Wollo que desde pequena amosa unha certa capacidade de soñar con algo diferente e sobre todo, de disfrutar correndo . Tamén coñecemos algún aspectos da dureza da vida en Etiopía, cómo os máis vellos falan da “fame negra”, da morte por fame, que todo o mundo teme máis que á morte violenta nas guerras; do papel da muller na sociedade etíope e do valor que poden ter para moitas persoas unhas simples zapatillas ou, simplemente, o feito de durmir nunha cama en vez de facelo sobre o chan. Pero sobre todo, a novela fala dos soños e do esforzo por conseguilos. 
As lectoras e lectores comentaron todo isto do libro. Ademáis proxectamos imaxes das montañas de North Wollo, onde crecera a protagonista, para coñecer esta marabillosa paisaxe etíope, así como algunha de Addis Abeba, onde transcurre gran parte da acción . Todo isto aderezado cun biscoito que compartimos mentres disfrutábamos da conversa. En fin, unha narración moi curta pero intensa.

01/12/18

XUNTANZA DOS CLUBS DE MANGA

O pasado luns, 12 de novembro, , o Club de manga do IES Alexandre Bóveda inauguramos a tempada organizando a primeira xuntanza de Clubs de manga deste curso 2018-19.Os membros do club traballaron arreo organizando unha chea de actividades, concursos, charlas… 
Pouco a pouco foron achegándose ao club de Manga do Coia 4 , Escolas Proval de Gondomar, IES A Paralaia de Moaña e este ano estrenábaNse o club de Manga do IES Valadares e do IES Carlos Casares. Benvid@s!!

A mañá comezou co recibimento e xa axiña comezou o Torneo de Pokemon con temática de Halloween na biblioteca para uns, mentres que outros permaneceron no salón de actos para escoitar o concurso de historias de terror.

Logo comezou o concurso de Cosplay, tamén no salón de actos, en tanto que na biblioteca se celebraba o Quiz de terror. Tiveron que tomar decisións no concurso de Cosplay e no de talentos. En ambos o público estivo entregado ante a calidade dos concursantes.  



Mentres na biblioteca tiña lugar un torneo de Pictionary con personaxes manga e temática de Halloween, o escenario do salón de actos enchíase cos participantes do Random K-Pop Challenge.
No concurso de debuxo houbo varios participantes . Todos os que acudiron á xuntanza, recibiron á entrada un gomet que debía colocar sobre o debuxo que máis lle gustase. E a verdade é que non resultaba nada doado escoller.



Nos demais concursos houbo un imparcial xurado composto por Alba do Álvaro Cunqueiro, María do IES Valadares e Curro do IES A Paralaia. E seica non o tiveron nada fácil para decidir quen gañaba cada concurso.
Ao mediodía, houbo pausa para comer, para interactuar e para coñecerse mellor. E a tarde comezou coa entrega de premios, que estaba prevista para última hora, pero adiantouse porque algúns tiñan que marchar antes de que rematase a xornada.
E tamén pola tarde houbo variedade de actividades para escoller: uns participaron na charla sobre maquillaxe de efectos especiais, mentres que outros sairon ao patio para xogar a Lobos. Finalmente non deu moito tempo e a partida quedou sen xogar. Foi unha mágoa, pero polo menos aprendemos a dinámica do xogo, e queda pendente a partida para a vindeira ocasión.
Rematamos a xuntanza coa obra de teatro representada por todos os membros do noso club e escrita por Saray, un éxito e unhas risas que intentaremos representar en outras celebracions do instituto. Un fantástico xeito de celebrar Halloween.
Despedímonos ata a próxima xuntanza ,contentos de que todo saira ben, a organización foi estupenda,os rapaces traballaron moito e remataron moi cansos pero felices. Parabéns aos rapaces e rapazas!!!



CLUB DE LECTURA  MÍO,MI PEQUEÑO MÍO

O LUNS 5 DE NOVEMBRO REUNÍMONOS TAMÉN O CLUB DE LECTURA DE 2ºESO PARA FALAR DE” MIO, MI PEQUEÑO MÍO”, DE ASTRID LINDGREN.



A XUNTANZA FOI MOI POSITIVA XA QUE É UN LIBRO QUE GUSTA MOITO AO ALUMNADO MÁIS NOVO. ADEMAIS DE CONTAR A SÚA IMPRESÍON DA NOVELA, FORON QUEN DE DESCUBRIR ALGUNHAS DAS VOCES ÁS QUE RECORRE A AUTORA, TALES COMO OS CONTOS POPULARES EUROPEOS COMO BRANCA NEVES, OU O FRAUTISTA DE HAMMELIN, AOS QUE A AUTORA DA A VOLTA E OS CONVERTE EN POSITIVOS.
TAMÉN MENCIONARON RECURSOS QUE RELACIONARON CON HARRY POTTER , PERO QUE VEÑEN DA NOSA TRADICIÓN ORAL COMÚN E DO MEDIEVO, COMO A CAPA MÁXICA DE SIGFRIDO.
E  EMOCIONARONSE COAS METÁFORAS TAN AMABLES E AFECTUOSAS COAS PERSOAS E A NATUREZA.


CLUB DE LECTURA  BARRO DE MEDELLÍN


O PASADO 5 DE NOVEMBRO TIVO LUGAR NA BIBLIOTECA DO NOSO INSTITUTO O PRIMEIRO CLUB DE LECTURA DOS PEQUENOS. NESTA OCASIÓN OS ALUMNOS DE 1º DE ESO FALARON DE  BARRO DE MEDELLÍN DE ALFREDO GÓMEZ CERDA.








Este é o resumo de Iago de 1º ESO B:

Barro de Medellín é un libro que trata sobre dous nenos que viven no barrio de Medellín, Colombia. A súa vida transcorre mentres dan paseos polo seu barrio, o máis fermoso do mundo enteiro. O pai dun é delincuente e o doutro é alcohólico. Camilo ten a permanente idea de que o seu único futuro é ser ladróns e que de maiores formarán unha banda , eles serían os xefes, pero el máis que o seu amigo Andrés. O que non se esperan é que unha inesperada viaxe á biblioteca Parque España alterará a súa forma de ver a vida. 
Os aspectos que mellor resalta o libro son:
·A felicidade malia non ter nada: para eles o único necesario é a súa amizade.
·Fai que valoremos moito as cousas que temos e que no mundo hai xente que de verdade o pasa mal.
·Dá que pensar sobre que hai nenos no mundo que non teñen uns pais que os protexan de todo, senón que ata os maltratan.
·Tamén que nunca é tarde para dar marcha atrás e recapacitar sobre o que fixeches.

Recomendo de verdade este libro, faiche valorar as cousas que tes pero non te dás conta do importante que son na nosa vida cotiá, aquí, no primeiro mundo.

14/06/18

CLUB DE LECTURA   Palabras de Caramelo

O pasado luns 26de febreiro tivemos a nosa segunda reunión do Club de Lectura de 1º de ESO. A obra que comentamos foi Palabras de Caramelo, de Gonzalo Moure. Unha obra que, como sempre, encantounos a todos. Comentamos como debe de ser a vida nun campo de refuxiados saharauis, onde vive o protagonista, e vimos un pequeno vídeo sobre a situación do Sahara Occidental, para comprender mellor a historia que nos conta o autor deste precioso relato.. Aos lectores e lectoras gustáronlles moito tamén os poemas que o protagonista compón inspirado polo seu amigo, o pequeno camelo. Tamén falamos sobre como unha persoa como Kori, un neno xordomudo e sen case recursos é quen de aprender a escribir e comunicarse a través da poesía e da linguaxe, gracias á axuda da súa profesora e á súa necesidade de comunicar o que sinte. 
Como sempre, unha novela que, aínda que curta, da moito para falar e para disfrutar da súa lectura.

CLUB DE LECTURA 14 MAIO 2018
O libro elixido nesta ocasión foi O gardían entre o centeo do escritor norteamericano Jerome David Salinger. Os alumnos  que participaron cursan segundo ,terceiro e cuarto de ESO e tamén primeiro de bacharelato.
Expuxéronse varios puntos de vista sobre o personaxe principal: un quinceañeiro chamado Holden Caufield.Os alumnos consideraron que era demasiado infantil e non acababan de entender a súa forma de actuar ou pensar ante situacións que lle ían acontecendo.
Ademáis tamén lles costou entender o desenvolvemento da historia xa que consideraban que  non tiña nin principio nin fin, é dicir que era simplemente a historia de alguén durante uns días sen ningún obxectivo final.
Todos os alumnos consideraron que é unha lectura difícil , pola súa abstracción. Segundo eles é como ler os pensamentos de alguén que choca ca forma de ser do lector.
A experiencia foi positiva e chocante á vez  Positiva por ver a forma moi correcta ca que se expresan  e por ver como sacaban as súas propias conclusións sobre a forma de pensar de Holden Caufield. Débese dicir que nalgúns casos as conclusións con respecto ao personaxe eran moi críticas.
 Os alumnos non entenderon ben o libro,  estes adolescentes non entenderon a forma de actuar da personaxe sendo da mesma idade. En definitiva non se vían reflectidos nel. Parece que o libro non é moi acaído para estas idades e que as peripecias de Holden Caufield lles quedan moi lonxe.

18/05/18

 VISITA DE ALICIA BORRÁS SANJURJO

O xoves 3 de maio, recibimos a visita na nosa biblioteca de Alicia Borrás Sanjurjo, a autora de Nata y Chocolate, un libro que lemos os alumnos do clube de lectura.
Foi una visita incrible!!!Respondeunos a todas as nosas preguntas e adicounos os libros. Animounos a escribir relatos e botar a voar a nosa imaxinación. Falounos con moito agarimo, e dunha forma que fixo que nos sentísemos xenial con ela. Díxonos que acababa de rematar un libro pero máis para adultos :unha novela negra, e afirmou que era moi entretida. O que máis me gustou da súa visita, foi que me fixo pensar doutro xeito, fíxome ver que os escritores non son só persoas que escriben contos;  senón que o seu traballo tamén consiste en facer  rir, chorar, tremer....Pero sobre todo, soñar e imaxinar cousas fantásticas.

Nerea Pallarés 1ºESO C





12/04/18

CLUB DE LECTURA

LA ACABADORA, Michela Murgia

O luns 26 de febreiro adicamos o xantar do clube de lectura a comentar a novela ​La acabadora​, da escritora italiana Michela Murgia . Foi unha sesión moi interesante arredor dun libro que nos abriu as portas a debatir temas tan controvertidos como a eutanasia ou a relación dunha filla coa súas nais biolóxica e adoptiva.


La acabadora (Salamandra 2011), galardonada co prestixioso premio ​Campielo​ , retrata unha sociedade sarda que se debate entre a tradición e a modernidade e aborda o tema do desexo da morte e o descubrimento do amor. Unha novela que cautivou aos alumnos a pesares de non ser literatura xuvenil, e deu pé a unha análise a fondo da súa estructura circular, da intensidade das descripcións dos persoaxes e a creación dunha atmósfera claustrofóbica de familias con secretos por descubrir.

Este análise da novela, onde a tradición culinaria sarda está reflexada en múltiples alusións ás receitas máis ancestrais e no glosario explicativo de tantos doces descritos ao longo das páxinas, non podía rematar sen a degustación dun biscoito de pepas de chocolate que voou en cinco minutos. Logo da densidade dos temas que trata a novela e a madurez lectora que amosaron os alumnos, queda na memoria o doce sabor de boca dun libro inolvidable e un postre compartido con extraordinarios lectores.



02/04/18

CLUB DE LECTURA 1º ESO.

O mércores 13 de marzo tivemos unha nova xuntanza do club de lectura.O libro que lemos e do que falamos é Nata e chocolate de Alicia Borrás Sanjurjo.O libro trata do acoso escolar pero non o violento ,senón ese máis sutil ,que se exerce mediante burlas, baleiros, humillacións, alcumes ferintes ,esa violencia que os nenos máis fortes,máis populares exercen sobre os máis vulnerables.

O alumnado contou cal é o seu personaxe preferido, co que máis se identifica.Gañou como non a protagonista Sonia "Nata" a nena que sofre en silencio, tamén Inés a profesora de Lengua que entende o sufrimento que está a pasar a súa alumna.
O libro deunos para falar do acoso escolar nas aulas ,a visión que teñen deste problema pero tamén de temas como a amizade ou a autoestima.Os alumnos tamén prepararon unhas cantas preguntas para facer a autora que nos visitará en breve.
E todo isto acompañado de unhas galletas como non de nata e chocolate!!!



31/01/18

CLUB DE LECTURA     FARENHEIT 451
O luns 22 de Febreiro de 2018 ás 14:30 horas, entre as clases da mañá e da tarde, fixemos unha sesión do club de lectura, nos espazos da biblioteca do noso instituto,  para falar sobre o libro proposto "Fahrenheit 451". Despois de dar conta dun merecido e saboroso xantar, puxémonos a falar sobre o libro.
 Para empezar, mais ou menos a metade do grupo manifesta que non lles gustou o libro (parécelles raro e lento), mentres a outra metade indica que si lles gustou.  Intentando analizar a mensaxe da obra, fálase de : oda a la cultura ,  as fontes de información (as que tes, se as tes, ou se non as tes) , o concepto da felicidade, a influenza dos gobernos sobre a poboación e o seu uso dos medios de comunicación, os libros como instrumentos para abrir a mente dos seres humanos... Analizamos tamén os personaxes, a súa psicoloxía, e a súa evolución (sobre todo do personaxe fundamental da obra Guy Montag) as súas relacións e a forma de entender o "mundo" en que vivían ( non deixou de sorprendernos o mundo de que fala un libro de 1953, no que aparecen propostos uns avances tecnolóxicos impensables para aquela época, e que hoxe en día vemos moi cercanos). Loxicamente houbo distintas opinións, que serviron para enriquecer os puntos de vista individuais, nun ambiente relaxado e cordial.

17/01/18

XUNTANZA CLUB DE MANGA NO NOSO INSTITUTO

O pasado 18 de decembro xuntámonos de novo unha chea de rapazas e rapaces dos clubs de manga de varios centros de Vigo e do Morrazo, no noso instituto. A organización foi, coma sempre, magnífica. Os rapaces e rapazas do noso club de Manga traballaron arreo para que todo estivera listo e fora un éxito. Os profes non deixamos de sorprendernos do ben que saben xestionar os nosos alumnos cando teñen interese e ilusión por algo.
Nesta ocasión prepararon varios concursos e, ademais, un obradoiro de Magic, que foi un exitazo.
Comezamos a mañá cos Torneos de Pokemon e de Mobile Legends.

Ao mesmo tempo, os participantes no concurso de debuxo puxéronse mans á obra ata ir completando o panel no que posteriormente teriamos que escoller o noso debuxo preferido.




Ao longo da mañá celebrouse tamén o concurso de talentos, no que os profes participamos como xurado imparcial dunha reñidísima competición na que houbo bailes, cancións e, sobre todo, moito humor.



E mentres tanto, no espazo da biblioteca, tiña lugar o obradoiro de Magic da man dos encargados de Mazinger en Vigo. O éxito foi total: os que xa sabían xogar desfrutaron amosando as súas habilidades. Os que non, aprenderon e tanto lle colleron o tranganillo que aproveitaron os tempos mortos (escasos, todo hai que dicilo), para botar algunha partida. Ademais, houbo premio. Todos os participantes recibiron un mazo de cartas como agasallo. Para empezar non está nada mal...
Comemos bastante cedo para aproveitar o tempo do mediodía en que o instituto queda baleiro e así dispoñer nós dos espazos para as actividades da tarde. Foi un momento para descansar e compartir, tamén entre os profes. Ou para seguir xogando ao Magic...

Despois de comer houbo una competitiva xincana por equipos no patio. Sorte que lucía o sol.
Unha vez rematada a xincana, regresamos ao interior porque se celebraban dúas actividades simultáneas.


Na biblioteca tiña lugar un Pictionary de anime no que os nosos mangas demostraron que non se lles escapa unha e, ademais, que saben debuxar moi ben.
E, mentres tanto, no salón de actos avanzaba o concurso de karaoke.
Cara ao final da tarde, houbo entrega de premios e despedidas.


En fin, un día completo, cheo de emocións e aprendizaxes. Parabéns para o club do noso insti que demostrou una organización e xestión impresionante. Vémonos noutras xuntanzas!!!!!.