16/06/16

Calvin y Hobbes


Esta semana tivo lugar a derradeira sesión do club de lectura. Nesta ocasión charlamos sobre Calvin y Hobbes. Pensamos que a estas alturas de curso era mellor unha lectura "lixeiriña" e que nos levara a esquecer o costoso da recta final por iso, aconsellados por Dani, o noso profe de cabeceira, no que a cómic se refire, mergullamos nas tiras de   Bill Watterson, un grande do xénero.

Foi, precisamente, Dani o encargado de abrir a charla cunha pequena semblanza do autor. Destacou como, despois de dez anos publicando as súas tiras diariamente, cando estaba na cima do éxito, decidiu deixalo para, como él mesmo indica na carta de despedida "traballar a un ritmo máis meditativo". Dani salientou a integridade deste creador que dende sempre renunciou a que os seus persoaxe saíran das tiras para seren utilizados en merchandising.


Despois de compartir impresións xerais sobre a obra,  pasamos a reflexionar sobre as personalidades de  Calvin, Hobbes, a nai, o pai, Susie, o matón Moe, a profe Carcoma ou mesmo o Capitán Spiff, ese alter ego aventureiro de Calvin. Falamos de intertextualidade presente na obra , dos superheroes, do cine de suspense e aventuras e mesmo da literatura que hai detrás deste cómic. Proxectamos varias tiras para analizar a imaxe, o encadre das viñetas que desaparece cando o autor precisa que todo flúa, a distibución do espazo, a cor, o texto...

E comprobamos que baixo a apariencia de lectura "lixeira", late unha profunda reflexión sobre a política, os costumes, a sociedade, a familia, a vida.

Todo, por suposto moi ben aderezado con suculentos e exquisitos doces, elaborados non só polos profes, pois temos entre o alumnado lector estupendos reposteiros.


O vindeiro curso... CONTINUARÁ



01/06/16

Visita a Monforte da man de Manuel María

O venres 27 de maio fomos cos mozos e mozas dos clubs de lectura a Monforte de Lemos. O concello achegounos unha ruta e un acompañante que nos levou por distintos puntos da vila seguindo o Cancioneiro de Moforte de Manuel María, escritor que viviu a meirande parte da súa vida nesta vila lucense. Cada alumno ía provisto dos poemas e un plano de Monforte para situarnos no percorrido.
Comezamos a visita guiada no Campo da Compañía e o Mosteiro dos Escolapios. Neste espazo fixemos visita á capela e a escaleira do colexio, onde fixemos as primeiras lecturas: Eu nacín en outono e Cancionciña en lembranza da festa das reliquias. Seguimos achegándonos ao tranquilo río Cabe, onde lemos Poemiña do río Cabe. Pasamos agora pola Ponte Vella e chegamos ao Convento de Santa Clara, aquí lemos a Canción da Ponte Vella e Convento de Santa Clara. Despois visitamos, sempre atentos ás explicacións do guía, o centro de interpretación do viño da Ribeira Sacra, antigo concello onde realizou o seu traballo Manuel María como procurador. Neste precioso espazo realizamos a lectura da Canción da Vendima.
A continuación marchamos cara á Praza de España e lemos o poema adicado a Inés de Castro, logo de escoitar a súa apaixonante historia. Subimos despois polas estreitas rúas do Monforte Medieval, pasando pola xudería, visitando as dúas portas que aínda quedan en pé da antiga muralla. Chegamos ao Monte de San Vicente, onde está o Pazo, o Mosteiro e a Torre. Lemos aquí o poema Monte de San Vicente do Pino, ao tempo que desfrutamos dunha marabillosa vista de Monforte. Baixamos novamente cara ao centro, paseamos pola rúa do Cardenal e rematamos no busto que a vila ten adicado ao escritor. Aquí lemos Canción da rúa do cardenal e Carné de identidade.

Pola tarde aproveitamos a viaxe de volta para visitar o convento cisterciense das Bernardas en Ferreira de Pantón. Aquí fixemos entrega dun agasallo a Pedro Mirón, alumno do instituto que remata este ano 2º de bacharelato e que foi un colaborador e fiel participante no Club de Lectura durante a súa estadía no noso centro. Completamos a viaxe cun paseo polo casco de Ribadavia. Un día completo e moi ben aproveitado.