31/01/18

CLUB DE LECTURA     FARENHEIT 451
O luns 22 de Febreiro de 2018 ás 14:30 horas, entre as clases da mañá e da tarde, fixemos unha sesión do club de lectura, nos espazos da biblioteca do noso instituto,  para falar sobre o libro proposto "Fahrenheit 451". Despois de dar conta dun merecido e saboroso xantar, puxémonos a falar sobre o libro.
 Para empezar, mais ou menos a metade do grupo manifesta que non lles gustou o libro (parécelles raro e lento), mentres a outra metade indica que si lles gustou.  Intentando analizar a mensaxe da obra, fálase de : oda a la cultura ,  as fontes de información (as que tes, se as tes, ou se non as tes) , o concepto da felicidade, a influenza dos gobernos sobre a poboación e o seu uso dos medios de comunicación, os libros como instrumentos para abrir a mente dos seres humanos... Analizamos tamén os personaxes, a súa psicoloxía, e a súa evolución (sobre todo do personaxe fundamental da obra Guy Montag) as súas relacións e a forma de entender o "mundo" en que vivían ( non deixou de sorprendernos o mundo de que fala un libro de 1953, no que aparecen propostos uns avances tecnolóxicos impensables para aquela época, e que hoxe en día vemos moi cercanos). Loxicamente houbo distintas opinións, que serviron para enriquecer os puntos de vista individuais, nun ambiente relaxado e cordial.

17/01/18

XUNTANZA CLUB DE MANGA NO NOSO INSTITUTO

O pasado 18 de decembro xuntámonos de novo unha chea de rapazas e rapaces dos clubs de manga de varios centros de Vigo e do Morrazo, no noso instituto. A organización foi, coma sempre, magnífica. Os rapaces e rapazas do noso club de Manga traballaron arreo para que todo estivera listo e fora un éxito. Os profes non deixamos de sorprendernos do ben que saben xestionar os nosos alumnos cando teñen interese e ilusión por algo.
Nesta ocasión prepararon varios concursos e, ademais, un obradoiro de Magic, que foi un exitazo.
Comezamos a mañá cos Torneos de Pokemon e de Mobile Legends.

Ao mesmo tempo, os participantes no concurso de debuxo puxéronse mans á obra ata ir completando o panel no que posteriormente teriamos que escoller o noso debuxo preferido.




Ao longo da mañá celebrouse tamén o concurso de talentos, no que os profes participamos como xurado imparcial dunha reñidísima competición na que houbo bailes, cancións e, sobre todo, moito humor.



E mentres tanto, no espazo da biblioteca, tiña lugar o obradoiro de Magic da man dos encargados de Mazinger en Vigo. O éxito foi total: os que xa sabían xogar desfrutaron amosando as súas habilidades. Os que non, aprenderon e tanto lle colleron o tranganillo que aproveitaron os tempos mortos (escasos, todo hai que dicilo), para botar algunha partida. Ademais, houbo premio. Todos os participantes recibiron un mazo de cartas como agasallo. Para empezar non está nada mal...
Comemos bastante cedo para aproveitar o tempo do mediodía en que o instituto queda baleiro e así dispoñer nós dos espazos para as actividades da tarde. Foi un momento para descansar e compartir, tamén entre os profes. Ou para seguir xogando ao Magic...

Despois de comer houbo una competitiva xincana por equipos no patio. Sorte que lucía o sol.
Unha vez rematada a xincana, regresamos ao interior porque se celebraban dúas actividades simultáneas.


Na biblioteca tiña lugar un Pictionary de anime no que os nosos mangas demostraron que non se lles escapa unha e, ademais, que saben debuxar moi ben.
E, mentres tanto, no salón de actos avanzaba o concurso de karaoke.
Cara ao final da tarde, houbo entrega de premios e despedidas.


En fin, un día completo, cheo de emocións e aprendizaxes. Parabéns para o club do noso insti que demostrou una organización e xestión impresionante. Vémonos noutras xuntanzas!!!!!.
Primeiro encontro do club de Manga do noso insti!!!.
O luns 9 de outubro quedamos a xantar na Biblio . Era a nosa primeira xuntanza do curso polo que tiñamos como obxectivo principal coñecer os novos compañeiros e compañeiras, tanto de 1º de ESO coma doutros cursos que se animaron a participar con nós.
Cada quen foi presentándose e comentando os seus gustos e preferencias de animes, mangas, personaxes…, xa somos un montón de xente!. Lembramos o horario das reunións do club, 2º recreo dos martes e xoves na aula Hipatia; e lembramos tamén o compromiso de participar activamente nas actividades e iniciativas do club.
Nesta sesión Alba Naveiro e Lucía Carrera de 1ºESO contáronnos as novidades en Animes para este curso e rematamos vendo unha reportaxe en YOUTUBE sobre estas novidades das que sinalamos a ligazón:


Despedimos a sesión, Lucía G. Moure de 1º de bacharelato deunos unha pequena lección sobre xaponés, abecedario e números. Parece difícil pero seguiremos aprendendo.
 
 
ClUB DE LECTURA 1º ESO
O pasado luns, 27 de novembro, reunímonos por primeira vez neste curso as lectoras e lectores do club de lectura de 1º de ESO.
De novo, a primeira lectura que fixemos no curso foi de relatos de medo. Esta vez, o libro escollido foi A neve interminable, de Agustín Fernández Paz, autor xa coñecido por todos os membros do club, que comentaron outras obras del, como Cartas de inverno, tamén con algún relatos de terror. Falamos, ademáis, dos relatos que máis lles gustaron, como o de “A casa azul” e o terror diso que nunca vemos pero que podemos imaxinar; ou o de “A néboa da vinganza”, “Un incidente no internado”,e “Herdanza de sangue”, historias de vampiros e de pantasmas que nos engancharon. Pero tamén comentamos a historia que envolve todos eses relatos: a dos escritores e guionistas que se reúnen nun hostal aillado no monte, na Fonsagrada, para facer o guión dun programa de televisión “As fronteiras do medo” e, como fixeran tamén Byron, Mary Shelley e outros escritores hai moito tempo, cada un le a súa historia cada noite, ata que descubren que eles mesmos están dentro dunha historia de terror: non só porque algúns dos personaxes do hostal que crían reais levaban mortos xa anos, como se descubre por unha nota manuscrita atopada por un dos protagonistas, senon pola neve que os ten aillados alí e que non para de caer. Como di un dos personaxes, esa si que era unha “historia de terror actual”.
Como sempre, a conversa estivo acompañada dunha merenda con biscoitos.
CLUB DE LECTURA
PRIMEIRA SESION “XA NON ESTOU AQUÍ” DE IRIA MISA. 20 NOVEMBRO 2017
O pasado luns 20 de novembro fixemos a primeira sesión do club de maiores.Estivo dirixida pola profesora responsable do club,Ana López. Tivemos a sorte de poder contar coa presenza da autora,Iria Misa, o que foi magnífico para os rapaces xa que poideron facer moitas observacións e  comparalas co que a autora tratara de contar.




Como a novela está narrada dende moitos puntos de vista, os alumnos fixáronse en distintos personaxes segundo as súas vivenzas,e fixeron preguntas e reflexións  que a autora encontrou moi enriquecedores mesmo para ela. Algúns preguntábanlle porque non  desenvolvera algúns personaxes secundarios máis, xa que trataban problemáticas que algún poido ter sufrido.
Todos os alumnos interviron varias veces, o que foi moi gratificante para a profesora que dirixía a sesión , porque tamén poido contrastar a diferente perspectiva de adulta/profesora/nai coa da xente nova, e para a autora o poder ver outros matices nos que ela non pensara. E por outra banda  ver como os alumnos identificaban algunha escena do mesmo xeito ca ela.