06/04/19


CLUB DE LECTURA : O DIARIO VIOLETA DE CARLOTA




Ao comezo do mes de marzo tivo lugar a xuntanza dos alumnos de 1º da ESO ao redor da lectura de
O Diario Violeta de Carlota, da autora Gemma Lienas.

O texto, que pretende abrirnos os ollos ás inxustizas e a situación da muller na actualidade, tivo
unha gran acollida por parte dos lectores do club.
Coa axuda dunhas tarxetas, e a modo de xogo, fomos compartindo distintos aspectos do libro tales
coma os personaxes, o argumento e especialmente a mensaxe e neste sentido coincidimos
totalmente coa autora na necesidade de eliminar as inxustizas da nosa sociedade.
A lectura for sinxela e, malia tratar temas máis serios cás outras lecturas que fixemos
anteriormente, a linguaxe é próxima e o libro ten momentos divertidos. Así é todo, a mensaxe do
libro calou en todos nós e aínda que hai partes que nos impresionaron pola súa dureza,
entendemos que, desgraciadamente, reflicten fielmente a realidade de moitas mulleres no mundo.

A lectora Helena Viñas (1º ESO E), a que lle agradecemos enormemente a súa colaboración, recolle
así as súas impresións sobre esta lectura:
“A protagonista do libro é unha rapaza chamada Carlota a que lle regalan un diario de cor violeta. A
súa avoa Ana dille que podería escribir nel sobre os comportamentos machistas que atopa día a día,
mais Carlota cre que xa non hai machismos na sociedade actual. Entón, a súa avoa ensínalle a pórse
os lentes violetas e así decatarse das inxustizas, por pequenas que sexan, que hai hoxe en día.
Carlota vaise decatando pouco a pouco da cantidade de comportamentos e actitudes machistas
que ve ao seu redor ata que decide formar un grupo feminista e concienciar á xente de que segue
habendo machismo e así poder pórlle fin.

A min encantoume este libro, estiven tan enganchada que aos dous días xa o rematara de ler.
Gústame moito que trate do machismo e do feminismo, xa que a todos e todas nos queda moito
por aprender e por mellorar sobre este tema. Síntome un pouco identificada con Carlota, xa que
antes de ler este libro tamén pensaba que xa remataramos co machismo. Agora mesmo, segundo
todo o mundo, estou moi pesada, levo postos os lentes violetas todo o día e non paro de detectar
machismos no meu entorno. Así é todo, eu non entendo iso de que estou moi pesada, xa que creo
que se alguén detecta un comportamento machista, hai que dicirlle á xente que iso é inxustiza, por
pequeno que sexa" .