12/03/11

Visita de Carlos Negro ao Alexandre Bóveda

Como moitos de vós saberedes, o pasado día 25 de Febreiro viunos visitar Carlos Negro, autor de Makinaria, o último libro co que o clube de lectura estivo a traballar.
O tema central deste libro xira entorno á mocidade, esa mocidade conflitiva, que cos seus bugas queiman goma cada noite no polígono, e que poñen en xaque a súa vida pola busca de adrenalina, pensando no presente, pasando do futuro, e deixando cunha gran angustia todos os días as súas familias, pensando; “Andará ou non andará ben?”.
De entrada, Carlos comezou por advirtirnos do seu propósito nese día; Non viña falar do libro, senón que viña a interpretar o libro.
Tendo agora como referencia o obxetivo que o autor tiña nesta visita, éste mostrounos seis cocheciños de xoguete dos que saía unha musiquiña estridente e repetitiva. Segundo o propietario, isto era a representación gráfica de Makinaria.
A continuación, recitou unha serie de poemas do libro, nos que puña especial énfase e expresividade en cada verso, e tecía cada palabra coma quen sopra no vidro, do que finalmente resulta unha copa, facendo dos poemas cancións sentidas, vividas.
Quero facer referencia a un poema do libro en especial: Sound play session, onde o autor nos involucrou na lectura do poema cos versos “Flipe total, salvaxe e animal” e “Domingo pola tarde, aceleración”, que repetíamos nos instantes onde el no-lo indicaba.
Fago un inciso para mencionar o acto simbólico que o autor realizou nese día, ao dispor case noventa coches de xoguete enriba da mesa dende onde falaba, nos que se representaban o número de mortes de adolescentes en accidentes de tráfico en Galicia por ano.
Entre poema e poema, foinos falando acerca de diferentes aspectos referentes á poesía, dos que escollín os fragmentos máis significativos:

- “O escritor ten que poder imaxinar o que sexa”.
- “A poesía que sintes como túa é aquela que máis nos gusta e que nos dí algo, que sentimos como nosa”.
- “Unha das calidades fundamentais dun bo escritor de literatura é a capacidade de poñerse no lugar de outro, xa que isto require moito traballo e dedicación”.
- “Escoitar as poesías interpretadas por alguén aporta lle toda esa maxia que perde o poema ao ser lida de seu”.

Chegando ao final desta visita, Carlos narrounos un conto infantil titulado Frederick, onde ensina ao lector unha sabia lección; non só é valioso todo aquelo que é tanxible, senón que a veces, o abstracto, o pertencente o mundo dos pensamentos, pode chegar a ser unha reliquia comparado co demáis, e é por iso polo que nunca hai que infravaloralo.
Para rematar, o autor deunos a cada un de nós unha caixiña de plástico redondeada que contiña, ademáis dun sugus (que todos agradecimos enardecidamente), un verso dun poema escrito nun anaco de papel, de diferentes autores, e cada un diferente do anterior. Os seguintes son algúns exemplos dos versos que a mín persoalmente máis me gustaron:

- “Somos dúas coordinadas copulativas”.
- “Sexamos sempre xuntos liñas paralelas”.
- “O meu sexo sen o teu sexo non é ningunha revolución”.
- “Quen me dera ser gato para vivirte sete veces”.

E para rematar, o meu favorito (e o da mayoría dos alí presentes):

- “Eu meu amor ainda o levo con el na costura das bragas”.

Yago Rodríguez Barril
1ºbachB



11/03/11

Afirma Pereira


Foi o luns antes da semana de carnaval cando tivemos a sesión sobre esta obra de Antonio Tabucchi. Eran os días nos que os cidadáns, fartos, se sublevaban contra as ditaduras dos países árabes: Túnez, Exipto... E nós xuntámonos coma sempre para xantar no instituto. E para falar de literatura e do que xurdise...

E por aí foron os tiros. A obra, Afirma Pereira, deunos pé para falar das ditaduras pasadas e presentes, e para discutir se o que estaba sucedendo era produto dunha certa manipulación dos cidadáns polo control dos recursos petrolíferos ou se, como no caso de Pereira, había unha rebelión certa contra os tiranos do mundo. E permitiunos abrir unha porta á esperanza: tamén as persoas coma Pereira, heroes anónimos e anódinos, cunha vida monótona e afastada de calquera compromiso, poden, chegado o momento, arriscalo todo por unha idea.

E gustounos iso precisamente. Que Pereira, coma nós, tamén podía axudar a cambiar o mundo. E que aínda hai esperanza.


E gustounos Lisboa e Portugal, tanto que decidimos ler poesía dun portugués que aparece citado varias veces na obra, Fernando Pessoa. Ese será o noso próximo autor, e leremos Poesía completa de Alberto Caeiro.


Ultimamente as fotos saen fatal, así que disculpade.