22/02/14

¡VAICHE BOA!

O luns 10 de febreiro, na hora de lectura, os alumnos/as do club de lectura de 1º de ESO baixaron á biblioteca para unha sesión de traballo e coloquio coa profesora Mercedes Pérez. O libro que leron é ¡Vaiche Boa!, de Jennings. Como se trata dun libro de oito relatos, os alumnos traballaron primeiro en pequenos grupos sobre o seu relato preferido, xustificando a súa elección e facendo un resumo breve do argumento. Puxeron logo en común as súas opinións. Rematamos  cunha actividade lúdica de recoñecemento e relación: a profesora presentoulles unha serie de obxectos que tiñan que relacionar co personaxe e co relato ao que pertencían. Todo isto acompañado do noso personaxe estrela, o vello Ben Byron.

O 17 de febreiro, os rapaces e rapazas do club participaron no concurso O libro do trimestre, no que responderon a un cuestionario moi divertido de quince preguntas sobre o libro. Resultaron gañadores do trimestre Sara e Adrián, aínda que a competencia foi moi dura, pois todos os participantes estiveron nunha diferencia de punto e medio. No próximo trimestre teremos o concurso definitivo para proclamar ao vencedor ou vencedora do curso. De momento Sara vai en cabeza, pero todo pode pasar, pois entre ela e o quinto clasificado hai tan só una diferenza de cinco puntos, e poremos quince en xogo. Parabéns a todos/as polos acertos e a seguir lendo. 


15/02/14

O SORRISO DE HITLER. SESIÓN CO AUTOR.

Desta vez lemos O sorriso de Hitler, obra gañadora do premio Avilés de Taramancos de relato. Era unha lectura para reflexionar sobre a Paz, e foi o propio autor do libro, Xosé Alfredo Naz, o que dirixiu a sesión do club de lectura e nos deixou esta crónica:

O luns, 3 de febreiro tivo lugar unha nova sesión do Club de Lectura, onde se xuntaron os representantes máis selectos do mesmo, procedentes sobre todo de 2º e 3º da ESO, co autor do libro que lles tocou ler desta quenda, O sorriso de Hitler
Comezou a sesión cunha paparota común na fortaleza destes indomables lectores, coñecida por algúns como a Biblioteca de milleiros de lecturas, cargando estómago e linguas de munición suficiente para atemorizar a calquera ousado intruso. 
Iniciou o inimigo cun inesperado ataque efecto-lóstrego, baseado na proxección eficaz dun vídeo resumo da Segunda Guerra Mundial, no que trataba de contextualizar dito relato, á vez que, por outra banda, bombardeaba os oídos dos irredutibles membros do Club con comentarios e curiosidades que puidesen relacionar tal proxección co relatado no libro. 
Despois deste furibundo ataque, empregou unha retirada táctica coa segunda proxección dun Gagnam Style onde se parodia a ese espécime inclasificable de Adolf en versión fílmica en “El hundimiento”, logrando arrancar máis dalgún sorriso (desta vez, a diferenza do título, máis desexados). A continuación, coa aviación de preguntas predisposta, o confiado invasor multiplicou cuestións sobre o relato, tentando abrir brecha nas filas dos irredentos, mais só logrando atinadas respostas e afiados comentarios. 
Finalmente, véndose case ás portas dunha derrota inmisericorde, tirou da retagarda con folios procedentes das reservas dun obradoiro de escritura, onde os defensores fixeron honor e honra ás súas calidades, rebordando unha imaxinación que, á posteriori, resultaría definitiva para a súa vitoria final. Cos últimos estertores previos á capitulación, ao confiado e vencido autor só lle quedaron folgos para felicitalos e agardar que sigan sendo fieis e axeitados gardiáns do bastión ao que pertencen. 


Biblio Boveda's Slidely by Slidely Slideshow

Actividades e premios con Matilda

Gañadores do Libro do Trimestre
Grupo gañador nas actividades
Na semana anterior á sesión sobre Matilda, celebramos o concurso de preguntas "O libro do trimestre", do que resultaron gañadores  ex aequo Sara, Daniel e Alba, que ademáis acumulan puntos para o próximo trimestre. E na semana posterior, fixeron una nova sesión coa profesora Françoise Oliva, na que tiveron que crear, por grupos, unas novas aventuras de Matilda e un título. Entre todos realizaron a votación para escoller ao mellor grupo, que resultou ser o de Paula, Laura e Lucía. O Día da Paz, ante todos os compañeiros, recibiron os premios que lles correspondían por gañar os concursos, libros e discos que eles mesmos/as escolleron.