17/02/17

Mío, mi pequeño Mío


O último luns, 13 de febreiro, reunímonos de novo  os lectores e lectoras do club de lectura de 1º de ESO para comentar a novela  Mío, mi pequeño mío, da famosa escritora sueca Astrid Lindgren, autora da coñecida  Pippi Calzas Largas. Esta novela encantounos a todos pois, aínda que comeza cunha historia bastante triste dun neno,  Bosse, non querido polos tíos que o coidan , enseguida entrará en contacto, a través dun xenio atopado nunha vella botella,  cun mundo marabilloso onde terá todo aquilo que desexa: un pai que o agardaba e que o quere, que ademáis será o rei dun mundo case perfecto a non ser polo sinistro Kato, que fai desaparecer a moitos dos que viven no reino. O protagonista terá que enfrontarse con Kato e vencelo, para o cal contará coa axuda do seu bo amigo Yum  e de moitos obxectos máxicos que lle irán regalando distintos personaxes.  Ao final, cómo non, o ben triunfará sobre o mal, e o protagonista, que agora se chama Mío,  sairá vencedor.
Á historia non lle falta ningún dos ingredientes dunha boa novela fantástica: un cabalo volador, unha capa que fai invisible a quen a leva, unha mazá de ouro, un pozo que conta historias secretas á tardiña, unha espada invencible … Moitos destes obxectos máxicos recoñecéronos as lectoras e lectores noutras historias que leran ou viran no cine, como as de Tolkien, ou as da serie de  Harry Potter de J.K. Rowling.  
Ao acabar a novela, non sabemos se toda a aventura que vive o protagonista non é máis que un soño do que espertará  para volver ao seu mundo “real”  ou se quedará a vivir para sempre no País da Lonxanía , pois non queda claro de todo.  Aínda que houbo distintas opinións ao respecto, o  mellor é pensar que  seguirá vivindo nese reino onde será Mío, o fillo do rei, e vencedor de Kato.

Ao longo da reunión, como sempre, disfrutamos non só  da conversa sobre a lectura  senon tamén  dalgúns doces cos que a amenizamos.                       

16/02/17

Los infortunios de Sbovoda

O luns 13 de febreiro tivemos unha  reunión do Club de lectura dos maiores (2ºESO-BAC). Nesta ocasión o libro escollido foi Los infortunios de Sbovoda do escritor húngaro János Székely , unha brillante alegoría da invasión nazi que sitúa nunha pequena vila checa. Se ben a obra foi escrita na década de 1940, nos limos a edición da mesma publicada en 2015 por Impedimenta.
Para comezar, e para situarnos, falamos un pouco sobre o contexto, no espazo e no tempo, da obra: xeografía e historia, imperio austrohúngaro, guerras mundiais e cambios na Europa política.... Falamos tamén sobre o autor, que exerceu como guionista de cine en Hollywood, chegando a acadar un óscar. Continuamos logo coa análise da obra por parte dos membros do club e un intercambio de opinións sobre a trama, analizamos os personaxes e os seus comportamentos (por suposto con diferenzas de opinións en algúns casos), e falamos sobre como se pode escribir sobre un tema tan escabroso dunha forma tan orixinal, fácil de ler e incluso, poderiamos dicir, divertida.

A maioría coincidimos en que nos gustou, e todo isto despois dun merecido xantar (con sobremesa incluída) logo dunha dura mañá de clases.