26/06/21

 


            FANTASMAS DE LUZ        de AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ




Rematamos o curso escolar coa última sesión do club de lectura, neste caso o club de maiores e coa lectura de Fantasmas de luz de Agustín Fernández Paz.


O libro conta a historia de Damián, que traballa como operador de cabina de proxección nunha sala de cine, do seu vínculo coas peliculas e da súa invisibilidade unha vez que fica no paro.

Falamos dos temas presentes no libro, evidentemente o do paro laboral pero tamén o do mundo do cine , do paso do tempo, da invisibilidade, que é a metafora da invisibilidade de moitas persoas dentro da sociedade unha vez que se ven apartadas da engrenaxe.

Fantasmas de luz é tamén unha homenaxe ao cine e á súa importancia na vida do ser humano.





    Animamos ao alumnado a ver cine.

 


 

   A PROBA DE AUGA de Anémona de Río





Unha nova sesión do club de lectura dos máis pequenos!!

 Neste caso leron a banda deseña: Proba de auga 
Con esta lectura  o alumnado puido coñecer as enfermidades transmitidas pola auga, aire e alimentos. Tamén puido comprobar cal é o papel que desempeña unha vacina na resposta inmunitaria do organismo. Así mesmo, o libro explica o papel dos glóbulos vermellos como as tranvías utilizadas polos patóxenos para circular por todo o organismo.
En xeral, a banda deseñada gustou á maioría d@s alumn@s, aínda que algúns comentaron que lles tería gustado que esta fose un pouco máis completa na información dos termos científicos.
A lectura deste libro serviu tamén para resaltar o labor importante das vacinas na loita contra o coronavirus, remarcando o papel imprescindible da ciencia na elaboración dunha vacina.



15/06/21


 OS RAPACES NON CALCETAN, de T.S.Easton




O luns, 12 de abril, reunímonos de novo no noso club de lectura de maiores para falar da novela de T.S. Easton, Os rapaces non calcetan, que nos gustou moito a todos por ser un libro moi interesante e divertido. Chamounos a atención o “programa especial de rehabilitación” no que se ve obrigado a participar o protagonista por un delito de roubo nun supermercado e conducción temeraria coa sua bici . Ten que facer diversas actividades destinadas á súa “rehabilitación”: levar un diario no que anote o que vai facendo, participar nalgunha actividade (el elixe, por razón que non teñen que ver co contido do mesmo, un curso de calceta, o cal trata de ocultar aos seus coñecidos e, sobre todo, ao seu pai), e outra actividade que o obriga a “dar algo a cambio” coa súa víctima, á que fixo caer e mancarse ao saltarse un semáforo. Todas estas actividades, ao final, van axudalo a mellorar moitos aspectos da súa vida, axudándoo tamén a madurar. Pareceunos interesante que se levaran a cabo eses programas con xente nova que empeza a “andar en malos pasos”, en vez de deixalo pasar simplemente cunha sanción ou multa. Tamén comentamos o tema do sexismo e os estereotipos que se reflicte, dende un punto de vista moi irónico, no libro. Como vemos ao protagonista avergoñado de destacar nunha actividade “propia de mulleres” e como trata de ocultalo aos seus amigos e, sobre todo, ao seu pai, ao que só lle interesaban os coches e o fútbol. Outros temas que tamén nos deron para falar e aparecen no libro son o do “bullying” no instituto, ou a amizade (os amigos non de todo escollidos libremente pero que, ao final, sempre están ahí para apoiar). .. Unha novela de aprendizaxe, de adolescencia, situada nun país semellante ao noso, pero tamén moi diferente en moitas cousas. E todo narrado dende un punto de vista humorístico e irónico co que tamén todos conectamos. Un libro moi divertido que, como sempre, deu que falar na nosa reunión de lectores e lectoras.