08/12/18

CLUB DE LECTURA: PALABRAS DE AUGA

O pasado luns 12 de novembro tamén nos reunimos un dos grupos de 1º de ESO para comentar o libro Palabras de auga de Marcos Calveiro.


Os alumnos falaron das diferenzas entre a vida de  o neno africano protagonista e a súa vida, das dificultades coas que se atopa ao largo do seu periplo para atopar auga e comida e como vai pasando de neno a adulto.
A narración resultoulles difícil sobre todo pola riqueza léxica. A charla resultou moi proveitosa arredor dunha pequena merenda.





Esta é unha versión da portada debuxada por Helena Viñas de 1ºESO E:













CLUB DE LECTURA: CORREDORA


O pasado luns 12 de novembro, reunímonos por primeira vez neste curso un dos grupos do club de lectura de 2º de ESO para comentar o libro Corredora da escritora viguesa María Reimóndez. 

Aínda que é unha narración curta, é unha obra moi interesante que nos amosa o que hai detrás dalgúns dos grandes atletas que gañan nos xogos olímpicos ou noutras competicións. Concretamente, María Reimóndez di que se inspirou na atleta etíope Tiki Gelana, gañadora do ouro olímpico en Londres 2012. 
A novela móstranos a vida dunha nena das montañas de North Wollo que desde pequena amosa unha certa capacidade de soñar con algo diferente e sobre todo, de disfrutar correndo . Tamén coñecemos algún aspectos da dureza da vida en Etiopía, cómo os máis vellos falan da “fame negra”, da morte por fame, que todo o mundo teme máis que á morte violenta nas guerras; do papel da muller na sociedade etíope e do valor que poden ter para moitas persoas unhas simples zapatillas ou, simplemente, o feito de durmir nunha cama en vez de facelo sobre o chan. Pero sobre todo, a novela fala dos soños e do esforzo por conseguilos. 
As lectoras e lectores comentaron todo isto do libro. Ademáis proxectamos imaxes das montañas de North Wollo, onde crecera a protagonista, para coñecer esta marabillosa paisaxe etíope, así como algunha de Addis Abeba, onde transcurre gran parte da acción . Todo isto aderezado cun biscoito que compartimos mentres disfrutábamos da conversa. En fin, unha narración moi curta pero intensa.

01/12/18

XUNTANZA DOS CLUBS DE MANGA

O pasado luns, 12 de novembro, , o Club de manga do IES Alexandre Bóveda inauguramos a tempada organizando a primeira xuntanza de Clubs de manga deste curso 2018-19.Os membros do club traballaron arreo organizando unha chea de actividades, concursos, charlas… 
Pouco a pouco foron achegándose ao club de Manga do Coia 4 , Escolas Proval de Gondomar, IES A Paralaia de Moaña e este ano estrenábaNse o club de Manga do IES Valadares e do IES Carlos Casares. Benvid@s!!

A mañá comezou co recibimento e xa axiña comezou o Torneo de Pokemon con temática de Halloween na biblioteca para uns, mentres que outros permaneceron no salón de actos para escoitar o concurso de historias de terror.

Logo comezou o concurso de Cosplay, tamén no salón de actos, en tanto que na biblioteca se celebraba o Quiz de terror. Tiveron que tomar decisións no concurso de Cosplay e no de talentos. En ambos o público estivo entregado ante a calidade dos concursantes.  



Mentres na biblioteca tiña lugar un torneo de Pictionary con personaxes manga e temática de Halloween, o escenario do salón de actos enchíase cos participantes do Random K-Pop Challenge.
No concurso de debuxo houbo varios participantes . Todos os que acudiron á xuntanza, recibiron á entrada un gomet que debía colocar sobre o debuxo que máis lle gustase. E a verdade é que non resultaba nada doado escoller.



Nos demais concursos houbo un imparcial xurado composto por Alba do Álvaro Cunqueiro, María do IES Valadares e Curro do IES A Paralaia. E seica non o tiveron nada fácil para decidir quen gañaba cada concurso.
Ao mediodía, houbo pausa para comer, para interactuar e para coñecerse mellor. E a tarde comezou coa entrega de premios, que estaba prevista para última hora, pero adiantouse porque algúns tiñan que marchar antes de que rematase a xornada.
E tamén pola tarde houbo variedade de actividades para escoller: uns participaron na charla sobre maquillaxe de efectos especiais, mentres que outros sairon ao patio para xogar a Lobos. Finalmente non deu moito tempo e a partida quedou sen xogar. Foi unha mágoa, pero polo menos aprendemos a dinámica do xogo, e queda pendente a partida para a vindeira ocasión.
Rematamos a xuntanza coa obra de teatro representada por todos os membros do noso club e escrita por Saray, un éxito e unhas risas que intentaremos representar en outras celebracions do instituto. Un fantástico xeito de celebrar Halloween.
Despedímonos ata a próxima xuntanza ,contentos de que todo saira ben, a organización foi estupenda,os rapaces traballaron moito e remataron moi cansos pero felices. Parabéns aos rapaces e rapazas!!!



CLUB DE LECTURA  MÍO,MI PEQUEÑO MÍO

O LUNS 5 DE NOVEMBRO REUNÍMONOS TAMÉN O CLUB DE LECTURA DE 2ºESO PARA FALAR DE” MIO, MI PEQUEÑO MÍO”, DE ASTRID LINDGREN.



A XUNTANZA FOI MOI POSITIVA XA QUE É UN LIBRO QUE GUSTA MOITO AO ALUMNADO MÁIS NOVO. ADEMAIS DE CONTAR A SÚA IMPRESÍON DA NOVELA, FORON QUEN DE DESCUBRIR ALGUNHAS DAS VOCES ÁS QUE RECORRE A AUTORA, TALES COMO OS CONTOS POPULARES EUROPEOS COMO BRANCA NEVES, OU O FRAUTISTA DE HAMMELIN, AOS QUE A AUTORA DA A VOLTA E OS CONVERTE EN POSITIVOS.
TAMÉN MENCIONARON RECURSOS QUE RELACIONARON CON HARRY POTTER , PERO QUE VEÑEN DA NOSA TRADICIÓN ORAL COMÚN E DO MEDIEVO, COMO A CAPA MÁXICA DE SIGFRIDO.
E  EMOCIONARONSE COAS METÁFORAS TAN AMABLES E AFECTUOSAS COAS PERSOAS E A NATUREZA.


CLUB DE LECTURA  BARRO DE MEDELLÍN


O PASADO 5 DE NOVEMBRO TIVO LUGAR NA BIBLIOTECA DO NOSO INSTITUTO O PRIMEIRO CLUB DE LECTURA DOS PEQUENOS. NESTA OCASIÓN OS ALUMNOS DE 1º DE ESO FALARON DE  BARRO DE MEDELLÍN DE ALFREDO GÓMEZ CERDA.








Este é o resumo de Iago de 1º ESO B:

Barro de Medellín é un libro que trata sobre dous nenos que viven no barrio de Medellín, Colombia. A súa vida transcorre mentres dan paseos polo seu barrio, o máis fermoso do mundo enteiro. O pai dun é delincuente e o doutro é alcohólico. Camilo ten a permanente idea de que o seu único futuro é ser ladróns e que de maiores formarán unha banda , eles serían os xefes, pero el máis que o seu amigo Andrés. O que non se esperan é que unha inesperada viaxe á biblioteca Parque España alterará a súa forma de ver a vida. 
Os aspectos que mellor resalta o libro son:
·A felicidade malia non ter nada: para eles o único necesario é a súa amizade.
·Fai que valoremos moito as cousas que temos e que no mundo hai xente que de verdade o pasa mal.
·Dá que pensar sobre que hai nenos no mundo que non teñen uns pais que os protexan de todo, senón que ata os maltratan.
·Tamén que nunca é tarde para dar marcha atrás e recapacitar sobre o que fixeches.

Recomendo de verdade este libro, faiche valorar as cousas que tes pero non te dás conta do importante que son na nosa vida cotiá, aquí, no primeiro mundo.