24/11/19





CLUB DE LECTURA  CONEXIONES  de Elisabeth Stewart

O luns 11 de novembro de 2019 tivemos unha reunión do Club de lectura dos maiores. Nesta ocasión o libro escollido foi Conexiones da escritora canadiense Elizabeth Stewart.




Para comezar, á maioría gustounos o libro, que nos fala da "conexión" entre tres adolescentes de distintas partes do mundo (América do Norte, Asia e África) a través do teléfono móbil, non pola comunicación directa a través del, senón polo proceso que vai dende a súa fabricación ata o seu uso (se ben concluímos que no libro podemos apreciar varios  tipos de conexións: adolescentes, problemas, relacións...).
Tres adolescentes femininas nos seus mundos (tan distintos) nos permiten reflexionar sobre os modos de vida tan diferentes que temos no mundo actual.

Analizáronse personaxes e circunstancias, aparecendo conceptos variados: pobreza, guerra fame, machismo, explotación, manipulación, desinformación, dereitos, liberdade de expresión, novas tecnoloxías, ciberacoso, uso inadecuado das novas tecnoloxías... Todas e cada unha destas ideas foron tema de debate e intercambio de ideas e pareceres entre os que alí estivemos.

O libro móstranos, de xeito claro, algo que podemos ver todos os días nos medios de comunicación pero que moitas veces nos pasa desapercibido, e son as diferentes posibilidades de vivir que temos en función do lugar onde nacemos.