30/11/10

O pazo baleiro no club de 2º

Na sesión de onte tivemos unha interesante charla suscitada pola lectura de O pazo baleiro, de Xabier P. Docampo. Ademais de falar dos personaxes, trama, etc, a conversa xirou arredor dos métodos de investigación e dos actores e instrumentos que esta require. As conclusións ás que chegaron, resumindo, son:
  • Hai que ter claro o obxectivo e o punto de partida.
  • Necesítase un bo guía (Celso).
  • É bo traballar en equipo e dividir o traballo.
  • Acudir ás fontes de información: documentos (cartas), persoas ( Celso, o historiador...)
  • Facer postas en común e definir o seguinte paso (nas reunións dos catro amigos con Celso)
  • Hai que tomar notas, facer esquemas cos datos (árbore xenealóxica...), realizar entrevistas, interpretar os datos...
  • Necesítase un bo entorno de traballo para que a colaboración sexa eficaz.
  • Todos os coñecementos previos (por exemplo, os da escola) son necesarios.

Deste xeito, o libro converteuse nun estupendo manual para a realización de traballos escolares, pero tamén nos deu tempo a falar un chisquiño dalgunhas cuestións históricas que aparecen na obra e outros temas que seguen de actualidade (por exemplo, as disputas polas herdanzas).

A próxima sesión farémola conxunta cos maiores, todos leremos O principiño, e será o día 20 de Decembro.

26/11/10

Club de 1º. Cando petan na porta...

Este ano comezamos o club de lectura de 1º de ESO co libro de contos de medo Cando petan na porta póla noite, de Xabier Docampo. A primeira sesión fíxose fai quince díase esta semana celebrouse a segunda. Os catro relatos tiveron bastante éxito entre os membros; varios decantáronse por “O cumpremortes”, quizais póla posibilidade que plantexa de vencer nada máis e nada menos que á morte!; outros, en cambio, prefiriron o máis cruento e macabro “O Fornadas”, con cadáveres que volven á vida e canibalismo. Estamos intentándoo e é probable que teñamos a sorte de poder contar, nunha sesión final, co mesmo autor no mes de xaneiro.


A segunda lectura que imos emprender, Os megatoxos e o aprendiz do druída trataremos de que veña acompañada dun obradoiro de ilustración co seu autor, Anxo Fariña.
Lembramos que o próximo luns 29 teremos a sesión con 2º ESO, co libro O pazo baleiro, tamén de Xabier P. Docampo.

08/11/10

Makinaria

Este libro de poemas de Carlos Negro foi o centro da sesión que tivemos hoxe. Uns poemas cheos de contido para os nosos mozos e mozas. Como non, a sesión centrouse nos problemas que inquedan aos adolescentes, a súa visión do mundo dos adultos, o salto xeneracional, as relacións cos pais, as influencias dos amigos, os amigos mortos.... Os poemas de Carlos Negro leváronnos ata Bruce Springsteen (Born to run, Thunder road...), Kerouac (On the Road) e a xeneración beat, a necesidade de fuxir, os malosos, a carretera, as drogas, a busca continua de algo novo, os dereitos e os deberes.... e, como case sempre, non nos puxemos de acordo. Apaciguamos os ánimos cuns vídeos do Boss e rematamos co Let the sunshine in. O noso próximo libro será, por votación popular, O principiño, de Saint-Exupery.




Ah! grazas a Inés e Marta polas galletas caseiras e que cunda o exemplo.