22/01/24

 


SEGUNDA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA

ASTÉRIX, O LIRIO BRANCO

 


O martes 16 de xaneiro reunímonos os lectores e lectoras do club de lectura de 1º e 2º de ESO para comentar o cómic de Astérix e Obélix “O Lirio Blanco” publicado no 2023. 
Aínda que algún dos nosos lectores prefiren o formato novela, tamén lles gusta o cómic pola expresividade das imaxes e polo pouco tempo que leva lelos. Ademáis moitos xa coñecían os personaxes de Astérix e Obélix, pois tiñan nas súas casas cómics dos seus país ou, incluso, dos seus avós. 

O cómic deunos para falar de moitas cousas; sobre todo, o personaxe Viciovirtus e o seu método de pensamento positivo do “Lirio Blanco” que, con boas palabras e frases clixé, consigue engaiolar a case toda a aldea gala para finalmente traizoalos co fin de facer que se rindan aos romanos “de modo pacífico”.

 Comentamos algunhas desas frases feitas cun contido que é moi correcto, aínda que o seu uso para embaucar á xente non o fora tanto…. E, finalmente, a conversa derivou no contraste entre a vida no campo (representado pola aldea gala) e a vida da cidade (representada por Lutecia), que case todos prefiren. En fin, disfrutamos dunha charla relaxada a conta do cómic , saltando dun tema a outro e compartindo tamén un biscoito que disfrutamos igual pero que durou bastante menos que a reunión.








13/01/24

 SEGUNDA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA

PERSÉPOLE DE MARJANE SATRAPI

O martes 10 de xaneiro tivemos na biblioteca a nosa reunión trimestral do club de lectura dos maiores para debater e contrastar as perspectivas d@s participantes ao redor da obra Persépole de Marjane Satrapi (200-2003)

Persépole é unha  banda deseñada que acadou recoñecemento mundial e multitude de premios polo relato tan persoal e universal que ofrece ao redor das experiencias dunha muller iraní.

Dende a súa infancia dentro do contexto da revolución islámica de 1979 e a chegada dos aiatolás, pasando pola súa etapa  adolescente en Europa nos anos 80, o seu regreso a Irán e a súa viaxe definitiva de volta a Europa nos 90, xa como adulta.

Unha lectura recomendada a todas as familias pola claridade que manifesta sobre a complexa situación en Oriente Medio e por ofrecer unha visión dende dentro, dunha cuestión maiormente coñecida polos informativos e a prensa, dende fóra.

Un relato moi persoal, cunha linguaxe gráfica directa e tremendamente comunicativa, que fomenta a empatía entre pobos e os valores democráticos.

A rapazada gozou desta lectura e compartiu as súas ideas ao relato de Persépole xunto a profesora Maruxa Gesto do departamento de Inglés e co estómago acariñado por croissants e napolitanas de chocolate.






A reunión de hoxe foi moi interesante. Falamos sobre Persépole de Marjane Satrapi, que é unha autobiografía que vai relatando o que a autora tivo que pasar dende que era nena en Irán, que era o seu país de orixe, e cando saiu de alí. A profesora que levou hoxe a sesión foi moi amable e falounos de xeito que poderamos entender algunhas partes da novela gráfica  que eran moi complexas.

Gustoume moito esta sesión e o que me ensinou esta lectura.

Fátima Blanco (3º ESO B)