22/03/20



O XARDINEIRO DOS INGLESES de Marcos Calveiro






O luns  de xaneiro tivo lugar unha nova sesión do Club de lectura de 3º ESO dirixida por Xavier.

A trama céntrase no misterio dunha tumba anónima situada no Cemiterio dos ingleses.
Con este libro o autor  recorda a Vilagarcia dourada e próspera de comezos de século XX e a combina coa súa visión  rural actual.





ATRANCO NO BANCO de Manuel Nuñez Singala


O pasado luns, día 9 marzo, tivemos a derradeira sesión do club de lectura do segundo trimestre co alumnado de 1º ESO dirixido por Celtia Rey Brandón .Nesa última hora da tarde aproveitamos para compartir impresións sobre a obra de lectura, analizala, xogar con ela e mesmo representala!
A sesión comezou na biblioteca do centro, colocados en círculo, o primeiro que fixemos foi comprobar se a lectura gustara: en xeral, parece que tivo boa acollida. Atranco no banco é unha obra teatral publicada por Núñez Singala a finais do pasado 2019. Así, aproveitamos para analizar un pouquiño a súa estrutura, en que se diferenciaba da narrativa e foi sorprendente ver que o alumnado parecía moi animado a ler este xénero ao que non están tan afeitos. En segundo lugar, a obra é unha comedia, polo que repasamos algúns dos momentos que máis gracia lle fixeron. Falamos tamén dos personaxes, como eran, que pretendían conseguir...
Debullando pouco a pouco as páxinas desta curta pero simpatiquísima peza rematamos a conversa cun xogo de palabras que os nosos protagonistas repiten ao longo da obra. Consiste en designar unha tenda unindo un nome de persoa co do establecemento: Farmacia Remedios, Froitería Claudia, Peixería Delfín. Saíron moitos nomes orixinais e botamos unha risa!
Finalmente, a derradeira parte da sesión consistiu en formar grupos de 4 persoas no que cada unha representaría un dos nosos personaxes: dous ladróns, o director dun banco e unha secretaria. Para isto, contaban con diversos accesorios para caracterizarse (lentes, perruca, garabata, gorro...). Cada grupo escollía un papeliño no que aparecía descrita unha escena que posteriormente tería que representar no salón de actos do centro.
A actividade, como Atranco no banco, foi breve pero mereceu a pena, xa que o pasamos moi ben!


MULTICOSMOS   de Pablo C.Reyna


 O luns 3 de Febreiro tivo lugar na nosa biblioteca unha nova sesión do club de lectura de 1º ESO    dirixida por Daniel Rodríguez Pizarro.
Na sesión comentouse o libro Microcosmos que ten un argumento centrado no mundo dos videoxogos. Relata a aventura dun grupo de adolescentes nun mundo virtual.







APLICACIÓN INSTANTÁNEA de Carlos Negro


Neste curso, xuntámonos o club de lectura de 2º da ESO e a profesora Lorena Pérez, para falarmos do último libro de poesía de Carlos Negro, Aplicación instantánea. (20 de xaneiro e 10 de febreiro)
Nunha 1ª sesión falamos da poesía que coñeciamos e logo especulamos sobre o libro pola portada. Lemos a presentación. Para que serve a poesía? Normalmente preséntase como unha voz íntima, mesmo inmortal. Mais neste libro presentábase como unha aplicación de móbil ou da internet, e instantánea, inmediata, como un produto de consumo. Quedounos claro que a intención era unha poesía que nos fose útil. Para que? Ao revisarmos o índice... Topamos 4 avatares, 4 perfís de usuarios. Nos títulos dábase unha recorrencia: selfie, autopoética, amistade, amor, ... Así que lemos cada descrición dos avatares e cada grupo elixiu o que lle parecía máis interesante. Quedamos en vernos despois de tres semanas para explicar cada grupo o seu avatar e poñermos en común a lectura.
Na 2ª sesión houbo de todo. A algún encantoulle todo o libro, algúns reafirmábanse na escolla do seu avatar e outros identificábanse coa proposta doutro. En todo caso, todos tiñamos claro que esa poesía servía para nos expresar, ao coincidir ou non coas 4 propostas. Describimos os avatares, valorámolos. Pasamos a ler os poemas que máis nos gustaran. Tiramos un selfie co libro, outro modo de nos mostrar. Deseguido, saímos da biblioteca ao corredor de 2º da ESO para facermos dous poemas-grafittis do avatar urbano, practicante de parkour, que tivo máis éxito. Todos escribimos algunha letra. A poesía tamén é expresión nas paredes, acción, momento de diversión, pensamento crítico. Fixemos moito barullo para unha hora de ler. Mais gostamos do resultado. Regresamos á biblioteca para comermos unhas merecidas galletas mentres cadaquén perfilaba o seu avatar poético.
Grazas club de 2º ESO!! Compartir este libro con vós foi un subidón de enerxía, poética tamén.







AS LÁGRIMAS DE SHIVA de César Mallorquí


O luns 13 de xaneiro reuníronse na biblioteca o alumnos de 2 ESO do club de lectura para falar do libro "As lágrimas de Shiva" de César Mallorquí.
Este é un libro moi axeitado para a súa idade xa que trata das aventuras duns rapaces durante un verán, e está cheo de misterios de épocas pasadas, onde aparecen pantasmas, desaparecen obxectos...

Aos rapaces gustoulles moito, sobre todo a partir da aparición da pantasma, tamén lles gustou porque se sentían identificados coas personaxes, xa que lles pareceron moi reais.