20/02/22

 


CLUB DE LECTURA

               MORNING STAR de XOSÉ MIRANDA





O día 31 de xaneiro tivemos un almorzo literario na biblioteca do IES Alexandre Bóveda para coller forzas e nos prepararmos para o club de lectura que tivo lugar despois.Nesta ocasión foi guíado polo profesor Diego Alfonsín.


 Debido aos contaxios non puideron estar presentes todos os alumnos, pero os que estivemos presentes gozamos dunha interesante conversa arredor do libro Morning Star, de Xosé Miranda. O libro é xa un clásico da literatura galega inspirado na tradición do Stevenson da Illa do Tesouro.


 Os alumnos comentaron os seus momentos favoritos e interesáronse por outros aspectos da obra literaria da que foi obxecto o noso club de lectura. Escoitamos interesantes achegas e tratáronse aspectos e cuestións que fixeron do encontro literario un momento especial que repetiremos de novo con outras lecturas.

 CLUB DE LECTURA   

                  

    A PERLA de JOHN STEINBECK




O 31 de xaneiro reunimos ao alumnado do club de lectura de 1ºESO, guíado pola profesora Rosa Varela, para comentar o libro A perla de John Steibeck, gañador dun premio Nobel de Literatura en 1962. Esta novela curta narra o achado dunha perla de incalculable valor e as consecuencias que acarrea a Kino, un modesto pescador, e a súa familia.

Durante a sesión o alumnado comentou e debateu sobre os diferentes temas que se tratan no libro.

O tema principal sobre o que deron a súa opinión foi a diferencia entre dous mundos, o mundo dos pobres e o dos ricos. Tamén comentaron como as relación humanas cambian en función da situación económica das persoas. Falaron de inxustiza cando recordaban como un médico deixaba de atender a un neno enfermo porque a súa familia non tiña diñeiro.


A figura de Juana, a muller de Kino, foi moi discutida polo alumnado, atopáronna moi sometida a el. Sorprendeulles o seu apoio constante a Kino, a pesar de que ela é a primeira en presentir que a perla só lles ía traer desgrazas.

Para rematar comentaron a ensinanza que nos deixa a obra, como ás veces o que pensamos que nos pode facer máis felices termina por non ser así e o que fai é empeorar a nosa situación.

En definitiva, un libro moi interesante que deu para debater sobre moitos temas.