10/12/23

 

PRIMEIRA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA


Este mes de novembro tiveron lugar na nosa biblioteca as primeiras sesións do club de lectura.

Por unha banda, o club dos pequenos leron A avoa Gángster de David Walliams. 

A sesión foi levada por Damián Suárez, profesor de Lingua e literatura galegas.

Na reunión falouse do contido da obra e analizáronse os aspectos máis orixinais ou que máis gustaron (entre outras cousas recordamos algunhas das extravagancias dos personaxes principais, falamos das ilustracións que acompañan o texto ou do estilo de narrar de David Walliams e do seu gusto por incluír listaxes variadas e cheas de humor). O argumento d’A avoa gánster serviunos de pretexto para achegarnos a algúns elementos da cultura británica: Torre de Londres e xoias da coroa, beefeaters, Isabel II, métodos de tortura antigos... Para terminar buscamos as similitudes entre este libro e as obras máis coñecidas de Roald Dahl, e comprobamos que efectivamente non son poucas.





Por outra banda os maiores leron Zapatillas rotas de Xabier Quiroga.

 A sesión foi levada por Mer Pérez, profesora de Francés.

O libro resultoulles un pouco díficil. Ten un léxico moi complexo e ás veces non entenderon moi ben a trama. Aínda así, a sesión foi moi entretida e interesante. Afondamos un pouco nos personaxes principais a partir de frases do libro que tiñan que relacionar co personaxe. 

Falamos tamén de temas como o abandono dos maiores, o poder dos medios de comunicación, a corrupción do poder e do maltrato ás mulleres.









13/10/23

 

LECTURAS PRIMEIRO TRIMESTRE



Este curso comezaremos as nosas xuntanzas cun libro traducido recentemente ao galego pero que xa demostrou o seu éxito noutras linguas : A avoa Gangster de David Walliams, para o club dos pequenos .

Para o club dos maiores leremos Zapatillas rotas de Xabier Quiroga.
















David Walliams é o último gran fenómeno da literatura infantil e xuvenil en Europa. Dende que iniciou a súa carreira como autor en 2008, vendeuis de dous millóns de exemplares só no Reino Unido, foi traducido a máis de trinta e tres linguas. Recibiu o recoñecemento unánime da crítica. Grazas ao seu sentido do humor e ao seu olfacto para as mellores aventuras cotiás foi comparado con Roald Dahl, o seu ídolo da infancia e un dos más importantes escritores do século XX.



SINOPSE



"Para Ben, os venres son o peor día da semana. Mentres os seus pais ven Bailando coas estrelas, el ten que pasar a noite coa súa vella avoa.
Non pode faltar a sopa de repolo e a partida de
Scrabble. Pero un día Ben descobre que a súa avoa agocha un auténtico tesouro….
Será a ladroa de xoias máis buscada do mundo?"



















Xabier Quiroga deuse a coñecer no terreo novelístico galego coa sorprendente Atuado na braña (Xerais 2002), novela longa á vella usanza que, ademais de conquistar a fidelidade dun lector galego ávido de grandes historias de noso, recibiu unha calorosa acollida da crítica (Premio Losada Diéguez 2002, Finalista Premio Arcebispo San Clemente 2002 e do Premio Novela Europea Casino de Santiago 2002). A súa novela Zapatillas rotas (Xerais 2014) recibiu o Premio da Crítica 2014.




SINOPSE


O señor Xaquín desaparece por sorpresa da residencia de anciáns na que, voluntariamente, pasa os derradeiros anos da súa vida. A mobilización para dar con el provoca un enredo en cadea que, decontado, chegará ata extremos inusitados. Ao tempo que se produce esa delirante busca, os protagonistas, un vello e un parado, figuras paradigmáticas deste inicio de século, van espertar unha historia do pasado que semellaba durmida.

04/06/23

 

Xuntanza do Club de Lectura (terceiro trimestre)




E a un mes de rematar este curso, xuntámonos na Biblioteca para falarmos de dous libros moi interesantes: Matilda, de e Carrusel.



O alumnado de 1º ESO e 2º ESO, coordinado pola profesora de matemáticas, Belén Pombo, comentaron o libro Matilda, escrito polo británico Roald Dahl.

N a conversa, falouse das principais temáticas que se recollen no libro: a adaptación á escola do alumnado de altas capacidades e como se deben atender as súas necesidades, da utilización da violencia como método pedagóxico no ámbito escolar, da educación e afecto que reciben as nenas e nenos por parte das familias, da importancia que se lle dá ao aspecto físico e, por último, resaltouse a importancia da presenza maioritaria da muller na obra.

Despois, como parte do alumnado viu a película de Matilda polas canles de televisión, ou asistiron ao musical, tamén se comentaron as principais diferenzas que se encontraron entre estas. O que máis destacaron foi a introdución de efectos especiais para a filmación dalgunhas das escenas.


3º e 4º ESO e 1º BACH leron o libro Carrusel, da escritora compostelá Berta Dávila. Ana López, exprofesora de inglés do noso IES, xubilada desde o curso 2022-2023, foi a condutora desta posta en común.

En Carrusel, trátase o tema da saúde mental e a convivencia coa dor, o dilema persoal ao redor da maternidade cando padeces unha doenza mental... Tamén se falou dos personaxes, do retrato familiar da avoa Úrsula e do tío Carlos, Natalia, a súa mellor amiga...


Moi importante na obra é a referencia ao mundo e linguaxe das ciencias, especialmente a das matemáticas e da química. O uso das metáforas como a do mercurio ou a do espello, límite entre o real e o irreal. Tamén se percibiron nas páxinas de Carrusel as voces de L. Tolstoi e J. Joyce.

Con todo isto, o balance da sesión foi moi positivo, xa que o alumnado participou activa e criticamente.