23/06/19


 CLUB DE LECTURA  MENTIRA de CARE SANTOS




O libro  foi premio EDEBÉ de literatura xuvenil no ano 2015.
“Mentira” da escritora Care Santos  pertence á colección Periscopio.
A reunión do club de lectura tivo lugar o luns 13 de maio ás 14:30, quince minutos
despois de finalizar as clases da mañá. A duración foi de aproximadamente dúas horas.
Os alumnos participantes cursan actualmente terceiro e cuarto da eso.
 Na actividade non puideron participar todos os alumnos do club de lectura xa que coincidíu no tempo con outra actividade que se desenvolvía no centro na cal tamén participaban.

A sensación do grupo foi que o libro gustou, comentáronse aspectos do libro, como os
personaxes e o por qué das diversas situacións polas que pasaban ao longo da historia.
Tratáronse problemas reais que acontecen hoxe en día no uso das redes sociais xa que os personaxes se coñecen a través dun chat dunha biblioteca, onde un deles deixa un comentario sobre “ O gardián entre o centeo” de J.D, Salinguer.
Por mor dun dos personaxes,  de clase socio-económica-cultural moi baixa, coméntase entre os participantes da reunión a gran diferenza que existe entre esa realidade e a do outro personaxe, o cal é unha moza dunha clase social media.
Unha das persoas do club indicounos que existía unha segunda parte do libro titulado
“Verdade”, o cal xerou bastante intriga.
Por último, comentar que a reunión foi moi dinámica xa que se entrelazaban opinións
entre os alumnos, o que levou ao profesor participante a ser un máis no coloquio sen ter que intervir moito na dinámica.

09/06/19


CLUB DE LECTURA: 22 SEGUNDOS


22 segundos de Eva Mejuto foi o libro escollido para pechar o club de lectura deste curso académico. O alumnado de 2º ESO reuniuse o pasado luns 3 de xuño para compartir sensacións e opinións sobre a lectura.
En primeiro lugar decidimos entre todos e todas percorrer os momentos máis salientables desta obra que conta a historia de Álex, un rapaz que ao longo dos 22 capítulos (22 segundos) trata de describir os momentos da súa vida que o fixeron decatarse de que o nome de Ánxela e o xénero que lle fora asignado ao nacer, nada tiñan que ver con el. Algúns destes símbolos son o vestido da comuñón que non quixo levar, cando cortou o pelo, o feito de querer xogar ao fútbol cos rapaces no recreo etc.
Ademais, contamos coa presenza de Alexandre, alumno trans do noso centro, que quixo partillar con nós a súa experiencia e comparala coa do libro de lectura. Esta segunda parte foi moito máis enriquecedora e saíron ideas ben interesantes como os estereotipos de xénero, ou que entendemos por ser trans. O alumnado animouse a formular preguntas, rachar cos estereotipos e, mesmo manifestarse sorprendido ante algúns destes conceptos novos.
Aínda que o tempo foi escaso, pois a conversa estaba moi animada, podemos concluír que foi unha xornada interesante na que esta pequena obra de Eva Mejuto nos axudou a reflexionar sobre unha realidade complexa, que implica dificultades para moitas persoas e familias, mais que o noso alumnado, felizmente, reivindica como algo normal e enriquecedor.
Celtia Rey Brandón.



03/06/19






CLUB DE LECTURA . MAKINARIA de Carlos Negro





Reunímonos cun grupiño de 2º da ESO na 3ª hora de ler da 2ª avaliación para comentarmos o poemario de Carlos Negro, Makinaria.
 O libro foi premiado polos clubs de lectura de Galicia no 2018 e, tras esta sesión  e posta en común, coincidimos con ese recoñecemento. Nestes poemas reflexiónase, desde un ritmo rápido próximo ao rap, encol da sedución e riscos de vivir ao límite, especialmente durante a mocidade. O libro vai mostrando aos poucos como a paixón por vivir rápido e lindando co perigo, propio das carreiras de coches e o mundo das drogas, acaban por levarnos a situacións certamente dramáticas. Así pois deixámonos levar nos seus versos por un camiño vitalista de autodestrución, unha fuxida a ningunha parte, desde un ritmo imparable como o dos coches, desde un volume alto como o da música na mocidade e desde a negación e rebeldía que agocha a problemática das drogas. 
O tema pois é xa clásico (no carpe diem ou nas claves da traxedia) e levar a poesía a referentes rítmicos e musicais tampouco é novo. Mais, os poemas actualízanse nos referentes máis próximos e na realidade das vilas galegas. 
Por suposto, lemos en alto algúns poemas a ritmo base de rap, con diferentes entoacións e volume. Comentamos os nosos versos favoritos. Puxemos en común algunhas interpretacións e tentamos comprender a historia que vai detrás dos poemas. Tamén escoitamos algunha das cancións que se referencian no libro, por exemplo "Born to run" de Bruce Springsteen. Comentamos algunha escena de cine (Rebeldes sen causa ou Fast & Furious). Compartimos o que supón ter un coche sendo nova ou novo e valoramos un anuncio da DGT. En definitiva fomos falando do que se di na poesía e non tanto fóra dela. E, como non podía ser doutro xeito, fixémolo a todo gas, pisando a fondo e a ritmo de metralla, mais tamén comendo galletas."

Lorena Pérez