24/06/09

O achado do castro

Luns, cinco da tarde. Os rapaces e rapazas do club de lectura e máis algúns ousados de terceiro por fin representaron a obra de Manuel Núñez Singala O achado do castro, con tan gran éxito de crítica e público, que decidimos seguir traballándoa para o próximo curso. A pesar do pouco tempo de ensaio, a obra saíu perfecta, dentro do marxe permitido da perfección. Esta vez representouse para o alumnado de primeiro da ESO que estivo todo o ano a traballar o tema de Roma dentro do proxecto interdisciplinar. Houbo moitas risas e merecidísimos aplausos, que nalgúns momentos interrumpiron a obra. Felicitamos dende aquí aos actores e actrices, así como a ese público tan entendido en temas clásicos. Amenazamos con mellorar para o próximo curso e facer caer de risa aos demais grupos do instituto. Grazas a Cristina, de quen partíu a idea e dirixíu todos os ensaios; a Bea, que puxo á xente a traballar nos decorados. Do productor non imos dicir nada.




04/06/09

Ruta literaria de Rosalía 2009

Onte realizamos, por segundo ano consecutivo, dado que a maioría dos membros son novos este curso, a ruta de Rosalía. Visitamos a casa en Padrón, o cemiterio de Adina en Iria, Bastavales e as súas campás, Ortoño e a tumba de Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres en Santiago. En cada un dos lugares fixemos a lectura de varios poemas.

Sesión do luns

Esta foi a última sesión (comida incluída) deste curso, e tal vez a máis fructífera, aínda que xa non estaban os de segundo. Por suposto que falamos de A illa do tesouro. A pesar de que o libro non gustou moito chegouse á conclusión de que era necesario seguir lendo un clásico ao ano polo menos. Sabede que para este coordinador foi unha satisfacción escoitar de vós esa necesidade de coñecer aos clásicos, aínda que ás veces non enchan as nosas expectativas. Como pechando un ciclo, tamén relacionastes co primeiro libro do ano, Motín en la Bounty, establecendo paralelismos diversos. Pero o mellor foi o balance positivo do curso, do que non vou falar aquí á espera de que o fagades vós, e a planificación que fomos facendo para o próximo curso: posibles novas incorporacións, maior frecuencia de sesións, selección de libros por temas de interese, aporte de documentación nas sesións, elaboración de materiais e introducción dunha poesía en cada sesión. Dende logo esperanos un ano prometedor.

Os profes agradecemos a vosa sinceridade, confianza e a gratitude que mostrates en cada sesión.
Esperamos agora polas vosas valoracións.