20/03/12

Comida con "Pel de lobo"

 Sesión do primeiro ciclo o día 19. Foi primeira sesión do primeiro ciclo con comida na biblioteca arredor de Pel de lobo, de Xosé Miranda. Faltaron uns poucos, porque había compromisos do Día do Pai. Aproveitamos para inscribir a todos/as na aula virtual, a través da que teremos un contacto máis fluído. Falamos moito das historias de medo e de licantropía. Situámonos na Galiza rural de principios do seculo XX, sen electricidade, tratando de imaxinar de onde xurden os medos e os contos. Sairon a pasear tamén a Santa Compaña, San Andrés de Teixido e algunhas historias que algúns lembraban "dende pequenos". Tamén se estableceron algunhas comparacións cun famosos lobos crepusculares. En xeral gustou o libro de Xosé Miranda, aínda que comprobamos con certa sorpresa como somos máis propensos a crer nas fantasías americanas que nas nosas propias. Para a próxima sesión cambiaremos de tercio, leremos Vaiche boa!, con moito humor. E quedamos citados para a ruta literaria a Celanova.

18/03/12

Colleita vermella

Esa é a obra de Dashiel Hammet sobre a que tivemos sesión o luns 12. Como xa estaba previsto, primeiro visitamos a exposición sobre novela policial preparada pola biblioteca, fomos percorrendo os paneis e desentrañando as claves do xénero. Isto axudou a comprender moito mellor a lectura. Xa no coloquio, foi a corrupción o tema central e axiña comezamos a falar das conexións da novela negra co cine e a televisión, as series, que parece que despertan paixóns. Rematamos facendo plans de futuro, e adiantando algo do que vai ser a nosa ruta literaria a Celanova e Ourense. Pero iso é outro cantar.



06/02/12

A chave da Atlántida e Lume de Cobiza

Estas dúas obras, de Anxo Fariña e Miguel Anxo Fernández respectivamente, foron o noso punto de encontro nas sesión do luns 30 de xaneiro. A primeira co primeiro ciclo e a segunda co club de maiores. Os de primeiro ciclo viñan preparados nos mitos da Atlántida, gustoulles moito o libro e terán ocasión de compartilo co seu autor, que nos visitará en breve. A segunda obra enmárcase dentro das actividades que neste trimestre temos dedicadas á novela policial, e aínda que non todo foi entusiasmo, puidemos apreciar algunhas das características da novela negra, como a crítica social, a loita contra a corrupción... o que nos levou a algunha discusión interesante sobre a sociedade na que vivimos. Afondaremos máis coa lectura dun clásico: Cosecha roja, de Dashiell Hammett. Darán colofón a esta actividades unha exposición sobre a novela policial e a probable visita de Miguel Anxo Fernández.


24/12/11

Poesía social

Luns 19 de decembro.
Nesta última sesión do ano quixemos ler poesía social, tratando de lle mostrar ao alumnado que en todos os lugares e en todas as épocas sempre houbo xente que quixo mellorar o mundo. E que os temas obxecto desta poesía podían ir desde a loita contra a explotación dos traballadores ou a fame, o berro en contra da represión política e as ansias de liberdade, as proclamas en contra da guerra de Vietnam e o militarismo ou as voces que clamaban contra a enerxía nuclear. E que a poesía, para ler ou para escoitar en forma de canción, xoga o mesmo rol (mesmo insistimos en que moitos destes poemas foron musicados, o cal axudou á súa difusión, e outros naceron xa, na voz dos cantautores, como canción. Pero a finalidade é a mesma. E a que é boa poesía éo tamén en calquera dos dous formatos).

Gabriel Celaya, Blas de Otero e Celso Emilio eran o noso punto de partida nunha sesión de recitado e conversa. Axiña vimos que o termo “social” é moito máis amplo do que nos din os libros de texto. Derivamos ao recitado doutros autores, como Miguel Hernández, Benedetti e Neruda. Falamos da influencia nos cantautores e visionamos e escoitamos a Paco Ibáñez, Víctor Jara, Serrat, Manu Chao e Bob Dylan. Aí xurdiu tamén a figura de Woody Guthrie como precursor e comentamos a canción “This Land is your Land”. Rematamos escoitando a canción de The Clash “London Calling”, que exemplifica como os temas de contido social chegaron tamén á musica punk (curiosamente esta canción é o himno oficial dos Xogos Olímpicos de Londres, tema que nos ocupa no proxecto de centro).

Distribuímos tamén o noso seguinte libro, Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, autor co que estaremos no próximo trimestre.

Decidimos crear un foro social, dentro da aula virtual, para facilitar a comunicación entre os membros do club.

Aproveitamos para celebrar á nosa maneira a concesión do 3º Premio Nacional de Boas Prácticas: demos conta dunha caixa de bombóns e tivemos como invitadas a dúas exalumnas, Helena e Iris, cofundadoras do club e ás que lles agradecemos enormemente a súa presenza.



11/12/11

Poesía social

O próximo luns, 19 de decembro, teremos a seguinte sesión do club de maiores. Xuntarémonos ao redor dalgúns poemas de Blas de Otero, Gabriel Celaya e Celso Emilio Ferreiro. Lembramos que non están excluídos outros autores e que quen queira pode traer os seus poemas para ler in situ.

08/12/11

O can dos Baskerville

Nas semanas anteriores tivemos dúas sesións co grupo de primeiro ciclo, nada menos que 27. O que ía ser unha sesión tivo que prorrogarse para a semana seguinte, pois, sorprendentemente para seren o primeiro ano de algúns, houbo moitas intervencións e o tempo non chegou. Lembro que fostes varios os/as que quixestes escribir unha crónica das sesións, polo que aínda estamos esperando e non diremos aquí nada máis. Agardamos as vosas contribucións e déixovos unhas fotos.

21/11/11

Indignación

O día 7 tivemos a primeira sesión do curso. O libro foi Indignación, de Philip Roth. Gustou bastante a maioría. O debate foi intenso: a hipocrisía da sociedade, da que non se salva nin o protagonista; a crueldade da guerra; a discriminación; o racismo; a xustiza; o sexo e outros temas saíron na conversa. Non nos chegaron as dúas horas para expresar as posturas encontradas. Os bombóns calmaron os ánimos. Sorprendente o narrador, Marcus, un personaxe cheo de prexuízos que busca ser perfecto nun mundo que non acepta e que non o entende. Quen leva máis razón? A sociedade na que vive? El? Non podemos dicir máis, para non botar a perder a lectura aos que non a fixeron. A próxima lectura está por determinar.

17/10/11

Comezamos a ler


Xa estamos de volta.
O próximo 7 de novembro, luns, faremos a primeira sesión. A obra é Indignación, de Philip Roth.

Cos de primeiro ciclo a obra é O can dos Baskerville, de Arthur c. Doyle.

Exalumnos/as, estades invitados e contamos con vós.

01/07/11

O anel máxico

Podedes ver os momentos estelares no vídeo resumo. Tratei de que saisedes todos/as, pero é imposible subilo enteiro.


17/05/11

Indignádevos!

Unha sesión conxunta dos clubs de lectura. O libro de moda, Indignádevos! Curiosamente pasou un pouco sen pena nin gloria. Tratamos de dar unha visión xeral da historia de Europa dende o século XIX, para comprender mellor esa comparación que se fai entre a situación actual e a que viviu o autor despois da II Guerra Mundial. Opinións para todos os gustos e, sen entrar a valoralas, a maioría discordantes co fondo: están indignados co feito de que os adultos pensen que a xente nova non se indigna, de que se pense que non son quen de facer nada, de que se lles trate de facer vivir nun contexto que non é o deles. Moi críticos cunha obra que consideraron panfletaria. Quen dixo que a xente nova non é crítica? Pola outra banda, tamén houbo algunha voz minoritaria que concordaba coas teses do autor, facendo fincapé no “inimigo invisible” ao que nos enfrontamos, e que por iso os demais non son quen de velo.