24/04/12

“Onde o mundo se chama Celanova”, Ruta literaria 2012

Baixo este título do autor celanovés Celso Emilio Ferreiro, o club de lectura do I.E.S Alexandre Bóveda conmemora o centenario do seu nacemento, adentrándose outro ano máis no círculo biográfico e literario dun dos poetas que marcaron o rumbo da nosa historia, non só literaria, senón tamén lingüística, política e social.


Nun segundo plano, mais non por elo menos importante, acollemos na nosa visita a un dos piares do que agora entendemos por Galicia: Curros Enríquez, autor do Rexurdimento que, xunto con Pondal e Rosalía (cada ún aportando a súa visión persoal), deron un significado propio a nosa lingua e cultura, renovando así aquel antigo esplendor do medievo, daquela xa esquecido.



Deixando a un lado as clases de literatura, procedo co desenvolvemento da crónica:

Con motivo do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, o club de lectura realizou o pasado día xoves 12 de abril, unha ruta literaria a través dos lugares que marcaron a vida e a obra do autor, aproveitando de paso para facer unha visita ao pobo de Vilanova dos Infantes, e dando por terminada a viaxe cun relaxante baño nas termas de Outariz, en Ourense.


Tras case dúas horas de viaxe dende Vigo, o autobús deténse en Celanova. Alí, o primeiro que nos vén á mirada non é outra cousa que o portentoso mosteiro de San Salvador, centro neurálxico sobre o que se vertebrou a cidade, sendo no século XIX reconvertido en concello e instituto. Unhas poucas rúas máis adiante, chegamos ao que nun tempo foi a vivenda de Curros Enríquez, agora reconvertida na fundación do mesmo nome


A “Fundación Curros Enríquez” foi unha das iniciativas que fraguou logo dunha serie de tentativas en base a súa rehabilitación e posterior utilización que, por unhas ou por outras, non se levou a cabo ata os derradeiros anos do século XX. Así, na primeira década do século XXI finalízase a restauración e musealización deste complexo, destinado a achegara os seus visitantes o mundo sobre o que Curros, Celso Emilio e outros autores de Celanova (ou próximos a ela) se moveron, determinando as súas vidas e obras. Nesta primeira parada, tal e como manda a tradición, recitamos os textos preparados para a ocasión: “Cantiga”, de Manuel Curros, e “Irmaus”, de Celso Emilio, coa compañía do alumnado do IES de Maceda.


Nesa hora que durou a visita ao edificio, dous guías da Fundación achegáronnos ás vidas dos autores baixo aquelas paredes de pedra, guiándonos por entre a súa historia e o seu contido.


A nosa seguinte parada foi o mosteiro anteriormente mencionado de San Salvador. Nun primeiro, visitao brigada á monumental igrexa de estilo barroco, distribuída nunha base de cruz latina, con teito abovedado, e coroada nunha cúpula, baixo a cal se sitúa o altar, encabezado por un asombroso retablo, que ao igual que o conxunto da construcción, non deixa indiferente a nadie.


Tras visitar o mosteiro, a penas albiscar un pouco do claustro e facer unha lectura de “Non”, xunto ao busto de Celso Emilio, rematamos a visita a Celanova coa lectura de dous poemas de ambos autores: “Mirando ao Chau”, e “Nocturnio”, ante a atenta mirada do monumento currosiano, na praza do seu mesmo nome.


Tras dúas horas de visita, o bús lévanos cara a vila de Vilanova dos infantes, lugar de referencia na obra de Curros, pois é alí onde repousa aquela virxe ao que o autor dedica unha das súas obras: “A Virxe do cristal”.


Nesta vila descansa a Torre da Homenaxe, antiga testemuña do que antes fora un castelo medieval do século XI, pero que tras a revolta irmandiña quedou reducido ao dito. Nela, unha guía amosounos a través de paneis informativos a historia do lugar: Dende o asentamento celta en Castromao, pasando pola convivencia celta-romana, ata a descrición da forma de vida na comarca no século XIX.


Tras a visita á torre, o anuncio do xantar foi acollido con gran alegría. Mais o xantar era cousa duns minutos, pois cumpría pasar un rato cos amigos botándolle unha ollada á vila e desconectando do estrés urbano.


Pero non podía faltar nunha viaxe a Ourense a visita das súas fontes termais, situadas á beira do río Miño. As termas de Outariz fixeron as delicias de todos os alumnos que as disfrutamos, e aínda que as propuxemos para facer alí unha das nosas próximas reunións, parece que non deu o resultado agardado.


Así é todo, Celanova, Celso Emilio, Vilanova, Curros Enríquez e Outariz foron os termos clave para facerdesta ruta literaria 2012 do club de lectura unha boa lembranza, que espero que permaneza presente na nosa memoria cando nun futuro nos lembremos da nosa pasada polo Alexandre Bóveda, pois agora somos poucos os que vemos nesta viaxe a sentencia da nosa traxectoria polo club (deixamos o insti este ano), mais espero que tamén fora para moitos o inicio dunha apaixoante aventura cara o cosmos literario.


Sen máis, dou por rematada esta crónica, coa esperanza de chegar a ler no vindeiro curso unha nova entrada no blog, a cal me fale do ben que o pasou o club de lectura na rutaliteraria 2013.


Yago Rodríguez Barril

2ºbachB


20/03/12

Comida con "Pel de lobo"

 Sesión do primeiro ciclo o día 19. Foi primeira sesión do primeiro ciclo con comida na biblioteca arredor de Pel de lobo, de Xosé Miranda. Faltaron uns poucos, porque había compromisos do Día do Pai. Aproveitamos para inscribir a todos/as na aula virtual, a través da que teremos un contacto máis fluído. Falamos moito das historias de medo e de licantropía. Situámonos na Galiza rural de principios do seculo XX, sen electricidade, tratando de imaxinar de onde xurden os medos e os contos. Sairon a pasear tamén a Santa Compaña, San Andrés de Teixido e algunhas historias que algúns lembraban "dende pequenos". Tamén se estableceron algunhas comparacións cun famosos lobos crepusculares. En xeral gustou o libro de Xosé Miranda, aínda que comprobamos con certa sorpresa como somos máis propensos a crer nas fantasías americanas que nas nosas propias. Para a próxima sesión cambiaremos de tercio, leremos Vaiche boa!, con moito humor. E quedamos citados para a ruta literaria a Celanova.

18/03/12

Colleita vermella

Esa é a obra de Dashiel Hammet sobre a que tivemos sesión o luns 12. Como xa estaba previsto, primeiro visitamos a exposición sobre novela policial preparada pola biblioteca, fomos percorrendo os paneis e desentrañando as claves do xénero. Isto axudou a comprender moito mellor a lectura. Xa no coloquio, foi a corrupción o tema central e axiña comezamos a falar das conexións da novela negra co cine e a televisión, as series, que parece que despertan paixóns. Rematamos facendo plans de futuro, e adiantando algo do que vai ser a nosa ruta literaria a Celanova e Ourense. Pero iso é outro cantar.



06/02/12

A chave da Atlántida e Lume de Cobiza

Estas dúas obras, de Anxo Fariña e Miguel Anxo Fernández respectivamente, foron o noso punto de encontro nas sesión do luns 30 de xaneiro. A primeira co primeiro ciclo e a segunda co club de maiores. Os de primeiro ciclo viñan preparados nos mitos da Atlántida, gustoulles moito o libro e terán ocasión de compartilo co seu autor, que nos visitará en breve. A segunda obra enmárcase dentro das actividades que neste trimestre temos dedicadas á novela policial, e aínda que non todo foi entusiasmo, puidemos apreciar algunhas das características da novela negra, como a crítica social, a loita contra a corrupción... o que nos levou a algunha discusión interesante sobre a sociedade na que vivimos. Afondaremos máis coa lectura dun clásico: Cosecha roja, de Dashiell Hammett. Darán colofón a esta actividades unha exposición sobre a novela policial e a probable visita de Miguel Anxo Fernández.


24/12/11

Poesía social

Luns 19 de decembro.
Nesta última sesión do ano quixemos ler poesía social, tratando de lle mostrar ao alumnado que en todos os lugares e en todas as épocas sempre houbo xente que quixo mellorar o mundo. E que os temas obxecto desta poesía podían ir desde a loita contra a explotación dos traballadores ou a fame, o berro en contra da represión política e as ansias de liberdade, as proclamas en contra da guerra de Vietnam e o militarismo ou as voces que clamaban contra a enerxía nuclear. E que a poesía, para ler ou para escoitar en forma de canción, xoga o mesmo rol (mesmo insistimos en que moitos destes poemas foron musicados, o cal axudou á súa difusión, e outros naceron xa, na voz dos cantautores, como canción. Pero a finalidade é a mesma. E a que é boa poesía éo tamén en calquera dos dous formatos).

Gabriel Celaya, Blas de Otero e Celso Emilio eran o noso punto de partida nunha sesión de recitado e conversa. Axiña vimos que o termo “social” é moito máis amplo do que nos din os libros de texto. Derivamos ao recitado doutros autores, como Miguel Hernández, Benedetti e Neruda. Falamos da influencia nos cantautores e visionamos e escoitamos a Paco Ibáñez, Víctor Jara, Serrat, Manu Chao e Bob Dylan. Aí xurdiu tamén a figura de Woody Guthrie como precursor e comentamos a canción “This Land is your Land”. Rematamos escoitando a canción de The Clash “London Calling”, que exemplifica como os temas de contido social chegaron tamén á musica punk (curiosamente esta canción é o himno oficial dos Xogos Olímpicos de Londres, tema que nos ocupa no proxecto de centro).

Distribuímos tamén o noso seguinte libro, Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, autor co que estaremos no próximo trimestre.

Decidimos crear un foro social, dentro da aula virtual, para facilitar a comunicación entre os membros do club.

Aproveitamos para celebrar á nosa maneira a concesión do 3º Premio Nacional de Boas Prácticas: demos conta dunha caixa de bombóns e tivemos como invitadas a dúas exalumnas, Helena e Iris, cofundadoras do club e ás que lles agradecemos enormemente a súa presenza.



11/12/11

Poesía social

O próximo luns, 19 de decembro, teremos a seguinte sesión do club de maiores. Xuntarémonos ao redor dalgúns poemas de Blas de Otero, Gabriel Celaya e Celso Emilio Ferreiro. Lembramos que non están excluídos outros autores e que quen queira pode traer os seus poemas para ler in situ.

08/12/11

O can dos Baskerville

Nas semanas anteriores tivemos dúas sesións co grupo de primeiro ciclo, nada menos que 27. O que ía ser unha sesión tivo que prorrogarse para a semana seguinte, pois, sorprendentemente para seren o primeiro ano de algúns, houbo moitas intervencións e o tempo non chegou. Lembro que fostes varios os/as que quixestes escribir unha crónica das sesións, polo que aínda estamos esperando e non diremos aquí nada máis. Agardamos as vosas contribucións e déixovos unhas fotos.

21/11/11

Indignación

O día 7 tivemos a primeira sesión do curso. O libro foi Indignación, de Philip Roth. Gustou bastante a maioría. O debate foi intenso: a hipocrisía da sociedade, da que non se salva nin o protagonista; a crueldade da guerra; a discriminación; o racismo; a xustiza; o sexo e outros temas saíron na conversa. Non nos chegaron as dúas horas para expresar as posturas encontradas. Os bombóns calmaron os ánimos. Sorprendente o narrador, Marcus, un personaxe cheo de prexuízos que busca ser perfecto nun mundo que non acepta e que non o entende. Quen leva máis razón? A sociedade na que vive? El? Non podemos dicir máis, para non botar a perder a lectura aos que non a fixeron. A próxima lectura está por determinar.

17/10/11

Comezamos a ler


Xa estamos de volta.
O próximo 7 de novembro, luns, faremos a primeira sesión. A obra é Indignación, de Philip Roth.

Cos de primeiro ciclo a obra é O can dos Baskerville, de Arthur c. Doyle.

Exalumnos/as, estades invitados e contamos con vós.

01/07/11

O anel máxico

Podedes ver os momentos estelares no vídeo resumo. Tratei de que saisedes todos/as, pero é imposible subilo enteiro.