Amosando publicacións coa etiqueta Afirma pereira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Afirma pereira. Amosar todas as publicacións

11/03/11

Afirma Pereira


Foi o luns antes da semana de carnaval cando tivemos a sesión sobre esta obra de Antonio Tabucchi. Eran os días nos que os cidadáns, fartos, se sublevaban contra as ditaduras dos países árabes: Túnez, Exipto... E nós xuntámonos coma sempre para xantar no instituto. E para falar de literatura e do que xurdise...

E por aí foron os tiros. A obra, Afirma Pereira, deunos pé para falar das ditaduras pasadas e presentes, e para discutir se o que estaba sucedendo era produto dunha certa manipulación dos cidadáns polo control dos recursos petrolíferos ou se, como no caso de Pereira, había unha rebelión certa contra os tiranos do mundo. E permitiunos abrir unha porta á esperanza: tamén as persoas coma Pereira, heroes anónimos e anódinos, cunha vida monótona e afastada de calquera compromiso, poden, chegado o momento, arriscalo todo por unha idea.

E gustounos iso precisamente. Que Pereira, coma nós, tamén podía axudar a cambiar o mundo. E que aínda hai esperanza.


E gustounos Lisboa e Portugal, tanto que decidimos ler poesía dun portugués que aparece citado varias veces na obra, Fernando Pessoa. Ese será o noso próximo autor, e leremos Poesía completa de Alberto Caeiro.


Ultimamente as fotos saen fatal, así que disculpade.

23/12/10

O Principiño

O pasado luns tivemos a última sesión do ano 2010. Foi unha sesión conxunta dos clubs de 2º ESO e dos maiores. Aínda que as gripes e o efecto exames do último día fixeron estragos, acudimos 21 a unha sesión con comida navideña presidida por un debuxo do principiño feito pola nosa artista particular. O principiño foi unha obra que gustou a todo o mundo, pero sobre todo aos que a releron, pois descubriron novos puntos de vista. Agradou sobre todo o humanismo que se respira nesta obra chea de símbolos. Fomos revisando un a un todos os personaxes cos que se atopa o principiño e, curiosamente, todos concordaron en que o máis humano é o raposo, que é quen necesita dos demais, que pide crear vínculos e ter alguén por quen esperar. Pareceunos a nós que así é o vinculo que establecemos no noso club.
Desexámosvos a todos unhas boas festas de Nadal, e lembrade: o seguinte libro será "Afirma Pereira, de Antonio Tabucchi. Seguimos así o noso percorrido pola literatura europea, lembrando que tamén en xaneiro nos visitará Carlos Negro coa súa "Makinaria".