No 13 de maio tivemos as últimas sesións presenciais. Dragal foi unha lectura relaxada, como un premio á
fidelidade dese alumnado de 1º que se mantivo aí todo o curso. E a maioría
gozou coa lectura de Dragal. Ao
alumnado pareceulle unha novela de aventuras e fantasía cun bo ritmo, que dá
gañas de seguir lendo para descubrir que vai pasar con Hadrián metido dentro
dese labirinto subterráneo.
Pero non puidemos evitar as comparacións con outras novelas
fantásticas que todos/as coñecen. Poucos aprecian o feito de que a acción sexa
en Galicia, parécelles imposible, e sen embargo non poñen reparos a un Éragon ou Eidolon. E entón falamos do efecto
que
consegue o afastamento, tanto espacial como temporal e volvemos sobre Dragal, xa que axiña se
decataron de que ese efecto está tamén, por iso hai un pasadizo debaixo da
igrexa que nos traslada a un submundo onde as cousas son posibles. E falamos dos elementos da literatura popular e ata da épica. E
encargamos xa a segunda parte.
Despois de dar boa conta duns alimentos, xuntamonos na última sesión deste curso cunha ao carón dos Fantasmas de luz. Foi, sen dúbida, un regalo para todos/as a lectura desta obra do mestre Agustín. Moi axeitada para falar de sentimentos, para falar da crise, da invisibilidade dos problemas e das persoas, para falar da unión e da forza. Saíron á luz todas as cousas que nos están pasando causadas pola crise, os movementos sociais, as mareas. E souberon velo con esperanza, con esa esperanza que sabe transmitir Agustín. Gustaron moito as referencias cinematográficas que nos dá, pois botamos moitísimo tempo falando de cine, comentando e recomendando películas que saen na obra. Unha boa maneira de rematar o curso, levando para casa un saco de recomendacións. E foron gloriosas as madalenas de Pedro, segundo contan os que non estaban sacando fotos.
E veña, a preparar a ruta de Rosalía
Pola parte deste desastroso redactor, só dar as grazas a todos eses resistentes que estivestes aí, neste curso e máis os anteriores, pelexando pola lectura.
.
Ningún comentario:
Publicar un comentario