04/06/15

Ruta literaria Rianxo e Corrubedo

O venres 29 de maio fomos cos mozos e mozas dos clubs de lectura a Rianxo. Como o proxecto interdisciplinar do centro trata sobre as augas e o mar en Galicia, eliximos Rianxo como destino adecuado. Visitamos o Museo do Mar, onde coñecemos distintas artes de pesca, perfectamente ilustradas con maquetas, así como interesantes aspectos da vida do mar e a economía dun pobo baseada na pesca.  Aquí fixemos unha primeira lectura do poeta Ramón Cabanillas.
Visitamos logo a casa-museo de Manuel Antonio. Coa axuda da guía coñecemos importantes episodios da súa vida, o seu desexo de ser mariño, a súa implicación en dignificar a lingua galega, a súa enfermidade. O museo está ilustrado con fotos da época realizadas por un amigo de Manuel Antonio coñecido como Pepito Pérez que serven para coñecer episodios da emigración, dos costumes e vestimenta da época e dos intelectuais da época empeñados en manter e recuperar a lingua galega. Antes de marchar fixemos a lectura do poema Sós.
Xa fóra, e na mesma rúa, visitamos as casas onde viviron Castelao e Rafael Dieste, aquí lemos o conto “Nova York é noso” do seu libro Dos arquivos do trasno. Tres escritores que coincidiron no mesmo espazo e no mesmo tempo e aos que a vila de Rianxo mantén vivos no seu recordo.                  
Para comer marchamos á praia de Cabío, onde desfrutamos dun fermoso día de convivencia e lecer. Alí, como non, lemos o conto de Castelao O pai de Migueliño. Aproveitamos tamén para sacar algunhas fotos para presentar ao noso concurso fotográfico “Ler ao carón das augas”. Antes de voltar para Vigo aínda visitamos Corrubedo e  as súas fermosas Dunas.     

Ningún comentario: