Amosando publicacións coa etiqueta Edipo Rei. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Edipo Rei. Amosar todas as publicacións

25/06/10

Sesións fin de curso

Entre representación e representación, celebramos sesións os días 22 e 23. A do día 22, sobre Edipo rei, estivo menos concurrida e foi un pouco máis breve do normal, só 45 minutos, posto que estaban a punto de representar a obra de teatro. A pesar diso, deunos tempo a falar sobre as dificultades de lectura da obra, a situar os antecedentes mitolóxicos, a falar sobre a orixe do teatro. Quedamos de acordo en sacarlle partido ao tomo de traxedias de Sófocles e decidíuse continuar con el no verán, para ler Antígona, que será a nosa primeira obra do próximo curso.




A sesión do día 23 cos de 1º de ESO foi un pouco máis longa do normal (durou case dúas horas), para poder darlle un repaso a todo o ciclo troiano. Tamén asistiron algunhas compoñentes do club de maiores. Falamos dos antecedentes do conflito ( a mazá da discordia, o xuizo de Paris) ata a fundación de Roma polos “descendentes”de Eneas. Descubrimos algo sobre a orixe dos mitos, a tradición oral, os inicios da literatura escrita.


Pola nosa banda, estamos moi contentos de como se desenvolveu o club ao longo do curso, polo compromiso de seguir para o próximo, por descubrir persoas interesadas na lectura e nos temas que se derivan dela, por saber escoitar, por saber propoñer, por participar no teatro e por moitas outras cousas... Pasade un moi bo verán.

01/05/10

Próximas actividades

Despois do encontro con Miguel Vázquez Freire do día 23, crónica que podedes ver no blog da biblioteca, e ante a imposibilidade de poder asistir todos á charla de Antón Riveiro Coello, decidimos que, antes de poñernos con Edipo Rei, imos botarlle man a Os Eidos, de Uxío Novoneyra, o poeta homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Faremos unha sesión para comentar algúns dos poemas máis salientables e escolleremos aqueles que imos ler en público o día que fagamos a ruta literaria polo Courel (seguramente o 24 de maio). Ao Caurel iremos todos os membros dos dous clubs de lectura.


Para 1º ESO, a próxima sesión xirará arredor do libro de Xavier P. Docampo Cando petan na porta pola noite, e a última lectura do curso gardará relación con Grecia, o tema do seu proxecto interdisciplinar: leremos Agamenón y la guerra de Troya de Anne-Catherine Vivet-Rémy.