04/12/22

 

Primeira xuntanza do Club de Lectura (2022-2023)

O luns 7 de novembro realizamos a primeira xuntanza do Club de Lectura deste curso durante a hora de ler da ESO. O alumnado de 1º ESO, coordinado pola profesora de lingua castelá e literatura, Marisol Mariño, e o de 2º ESO, coordinado pola profesora de lingua galega e literatura, Beatriz Varandas, comentaron, respectivamente, os libros Palabras de auga, de Marcos Calveiro, e O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas,





   Na posta en común falamos dos personaxes e da súa caracterización, do tema dos libros e da súa actualidade (a escaseza da auga e os perigos de Internet, entre outros), do espazo e do tempo...



Finalmente, intercambiáronse opinións persoais sobre as distintas lecturas.










31/10/22

 

LIBROS DE LECTURA PARA O PRIMEIRO TRIMESTRE



Palabras de auga, de Marcos Calveiro, será o libro de lectura para 1º ESO.

O xamán Mkebe ordenou a todos os membros do clan dos Wakati da tribo dos Kimba que abandonasen o país Lomba coa esperanza de atopar unha terra mellor con auga abondosa. Dende entón, homes e mulleres camiñan, baixo.




 

2º ESO lerá o libro O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, que trata temas coñecidos pola mocidade de hoxe en día: Internet, acoso escolar, adolescencia, amizade, amor, delincuencia…


“Coñeceu a Xúpiter a madrugada do 23 de xuño. Ela estaba convencida de que non existía forza no mundo capaz de impedir aquel encontro. Como dúas estrelas que van acabar unidas porque ese é o seu fado” (inicio da novela, páx. 9).




Para o grupo de 3º e 4º ESO escolleuse Resistencia, de Rosa Aneiros.

Resistencia percorre a historia política e social de Portugal, a través da vida de personaxes pertencentes a varias xeracións, desde os anos vinte ata os anos noventa do século XX.






 LIBROS PARA SOÑARMOS, presentación do Club de Lectura do curso 2022-2023


 Este ano decidimos comezar a andaina do Club de Lectura cunha representación teatral. Para iso, propuxémoslle ao grupo de Artes Escénicas de 1º BAC E a creación dunha peza que se centrase nos libros e na lectura. 

Pensamos que o teatro é unha ferramenta poderosa que pode motivar o alumnado á lectura, pola curiosidade que provoca neles ese mundo que ve representado no palco. Dese proceso de creación, xurdiu Libros para soñarmos, e nela inclúense personaxes da literatura universal, recoñecidos polos lectores e lectoras: Alicia no país das marabillas, Romeu e Xulieta, Peter Pan, Pippi Mediaslongas e Harry Potter. 

A presentación tivo lugar o 10 de outubro, no salón de actos do IES Alexandre Bóveda, e a ela asistiron as persoas inscritas no Club de Lectura deste ano. Son 25 alumn@s, que se dividen en dous grupos: 1º e 2º ESO (17 alumn@s); 3º e 4º (8 alumn@s). Decidimos agrupar o alumnado de primeiro da ESO cos de segundo, xa que consideramos que para eles resulta positivo compartir ese tempo con alumnado de cursos superiores, que xa coñecen o centro e que poden favorecer a súa integración e posterior incorporación ao club de maiores. A participación no club de lectura sempre estará aberta a calquera que se queira unir durante o curso