Desta vez lemos O sorriso de Hitler, obra gañadora do premio Avilés de Taramancos de relato. Era unha lectura para reflexionar sobre a Paz, e foi o propio autor do libro, Xosé Alfredo Naz, o que dirixiu a sesión do club de lectura e nos deixou esta crónica:
O luns, 3 de febreiro tivo lugar unha nova
sesión do Club de Lectura, onde se xuntaron os
representantes máis selectos do mesmo, procedentes sobre todo de 2º e 3º da
ESO, co autor do libro que lles tocou ler desta quenda, O sorriso de Hitler.
Comezou a sesión
cunha paparota común na fortaleza destes indomables lectores, coñecida por
algúns como a Biblioteca de milleiros de
lecturas, cargando estómago e linguas de munición suficiente para
atemorizar a calquera ousado intruso.
Iniciou o inimigo cun inesperado ataque
efecto-lóstrego, baseado na proxección eficaz dun vídeo resumo da Segunda
Guerra Mundial, no que trataba de contextualizar dito relato, á vez que, por
outra banda, bombardeaba os oídos dos irredutibles membros do Club con
comentarios e curiosidades que puidesen relacionar tal proxección co relatado
no libro.
Despois deste furibundo ataque, empregou unha retirada táctica coa
segunda proxección dun Gagnam Style
onde se parodia a ese espécime inclasificable de Adolf en versión fílmica en “El
hundimiento”, logrando arrancar máis dalgún sorriso (desta vez, a diferenza
do título, máis desexados). A continuación, coa aviación de preguntas
predisposta, o confiado invasor multiplicou cuestións sobre o relato, tentando
abrir brecha nas filas dos irredentos, mais só logrando atinadas respostas e
afiados comentarios.
Finalmente, véndose case ás portas dunha derrota
inmisericorde, tirou da retagarda con folios procedentes das reservas dun
obradoiro de escritura, onde os defensores fixeron honor e honra ás súas
calidades, rebordando unha imaxinación que, á posteriori, resultaría definitiva
para a súa vitoria final. Cos últimos estertores previos á capitulación, ao
confiado e vencido autor só lle quedaron folgos para felicitalos e agardar que
sigan sendo fieis e axeitados gardiáns do bastión ao que pertencen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario