13/11/14

O corazón da Branca de Neve

O luns 10, reunímonos 20 dos 25 membros do club de lectura ao redor da novela de Francisco Castro O corazón da Branca de Neve.  Despois de dar boa conta dos bocatas e do contido dos tupper, falamos dos aspectos desta obra que máis nos chamaron a atención. O mellor, o feito de que invita a ler dun tirón, nunha sucesión de capítulos trepidante e que nos deixan con gañas de avanzar. Unha novela policial á que o alumnado non está acostumado e que toca moitos temas preocupantes da actualidade: a corrupción, a violencia contra os máis desfavorecidos, as mafias que trafican con inmigrantes, o roubo de nenos...

Chamou a atención o feito de que, ao ser unha novela por entregas, os capítulos teñen forza propia, funcionan como elementos independentes e en cada un deles a acción avanza inexorable. Tamén nos deu para revisar algunhas características do xénero: as características do investigador, os aspectos escuros da súa vida, a agudeza na observación dos detalles, a integridade, etc. Gustou moito o feito de que estea ambientada en Vigo e que os problemas que trata sexan actuais e reais, ou polo menos son temas dos que a maioría do alumnado, de xeito directo ou indirecto, ten unha opinión formada.

Falouse moito da inmigración e das diferenzas entre o primeiro e o terceiro mundo. A todos e todas gustou a obra, aínda que case todos coincidiron en que, para o seu gusto, ao final todo se resolve moi rápido e lles houbese gustado máis paladear a resolución dos feitos  cun pouco máis de pausa. Pero iso será algo que terán ocasión de comentar co propio autor, Francisco Castro, xa que en Xanerio se reunirá con eles para comentar a obra.
E rematamos paladeando unhas saborosas tartas que Celia nos deixou para a ocasión.

Ningún comentario: