O pasado 8 de maio reunímonos de novo os lectores e lectoras do club de lectura de 1º de ESO para falar sobre o libro de Marcos Calveiro Palabras de auga.
A novela, ambientada en África, relata a viaxe de Amadou e a súa tribu a través dunha sabana cada vez máis árida e poeirenta, fuxindo da violencia e da seca en busca dalgún lugar onde asentarse.
Por unha banda, temos o relato do día a día da tribu, e a todos chamounos a atención o enxeño con que as mulleres e os nenos obtiñan a auga e o alimento agochados nunha terra aparentemente deserta: a auga que se atopaba baixo as raíces dunhas determinadas plantas ou o gran almacenado polas formigas nos grandes formigueiros. Tamén comentamos o feito de que foran as mulleres as que se encargaran da supervivencia e do mantemento da tribu, mentres que os homes se dedicaban unicamente á guerra, a cazar e a falar.
Pero por outra banda, tamén aparecen intercalados temas como o da escravitude infantil e o dos nenos soldado, que aínda que parece que forman parte dunha historia fantástica, son por desgracia unha realidade que existe aínda nalgúns lugares de África. Falamos así da historia tan triste de Numba, o irmán de Amadou, e da aventura do protagonista e o pai para rescatalo, aínda que ó final, tiveran que dalo por perdido. E tamén comentamos o enigmático final, coa “gran formiga”, o camión cheo de gran que aparece trala tormenta de arena. Moitos dos nosos lectores e lectoras estaban seguros de que tivera que ser Numba quen o levara a escondidas para axudar á súa tribu. O certo é que ó final, a aparición deste camión xuntouse coa repentina aparición da chuvia e así Amadou e o seu clan puideron asentarse por fin e sementar o gran. Un final feliz que nos deuxou a todos cun bo sabor de boca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario