05/06/17

En Ourense co Club de Lectura

O venres día 2 de xuño 31 alumnos do club de lectura e as dúas profesoras responsables do club, Marisol Mariño e Ana López, fixemos un percorrido por Ourense rememorando aqueles lugares que forman parte da nenez e xuventude do escritor Carlos Casares, homenaxeado, este ano, no día das Letras Galegas.

Empezamos o percorrido no parque de San Lázaro, onde dúas alumnas leron fragmentos da obra " Cambio en tres"  (1969) que se sitúan neste parque e na Rúa do Paseo.                                                                                         .
O parque de San Lázaro está presente tanto nos seus xogos de neno como na súa primeira etapa de xornalista no xornal La Región de Ourense. Alí, no Café  Parque, lugar de tertulias literarias,  Casares escoitou, entre outros, a  Risco, o cal se recolle no fragmento que tamén limos de "Un país de palabras"


Continuamos pola rúa do Paseo, onde xogaba o autor cos seus amigos,  pero tamen era a rúa onde estaba orixinariamente o edifcio do xornal "La Región", diante do cal pasamos.

Antes de seguir cara a Alameda, fixemos unha parada na Deputación de Ourense , depositaria dun impresionante cadro do pintor galego Vidal Souto, cedido á cidade pola  súa familia. O cadro encantounos a todos.

Na Alameda, tamén presente na obra de Casares, outros dous alumnos leron fragmentos de  "Vento ferido" (1967).


Seguimos o noso percorrido cara a Catedral pasando pola igrexa de San Francisco. Diante dunha porta da Catedral, dúas  alumnas leron  fragmentos de "Ilustrísima", unha das novelas máis ourensás do autor.

Finalmente, chegamos ao Concello, na Praza Maior, onde un alumno leu, para finalizar o noso roteiro, o poema "Amemos" .

Rematamos o noso día no río ,nas pozas termais de Outariz.




Ningún comentario: