26/06/17

La música del viento


O luns 19 de xuño os lectores e lectoras do club de lectura de 1º de ESO tivemos a nosa derradeira reunión deste curso. O libro que lemos foi La música del viento, de Jordi Sierra i Fabra. O protagonista decide viaxar ata a India para liberar a un neno que ocultara nunha alfombra feita a man unha nota cunha chamada de socorro. Aínda que xa era demasiado tarde para el, ó final consegue liberar a outros cinco rapaces escravizados na fábrica de alfombras. A historia inspírase nun personaxe real: Iqbal Masih, un neno paquistaní que puido escapar dunha desas fábricas aos dez anos e que se convertiu nun activista contra a explotación laboral dos nenos como el, ata que foi asesinado con doce anos, o 16 de abril de 1995. Esta data  estableceuse desde entón como o día Mundial contra a Explotación Infantil.

O libro gustounos moito a todos, non so polo que ten de novela de aventuras que “engancha” na súa lectura,  senon tamén polo retrato tan suxestivo que fai da India, un país tan diferente ao noso, e ao que moitas das lectoras e lectores decidiron que querían viaxar. Ademáis, como conclusións que sacaron da lectura,  reflexionaron sobre a situación privilexiada dos menores occidentais e de como a historia de Iqbal, da cal puxemos un vídeo, é  un exemplo de que sempre se pode loitar contra os problemas, aínda que parezan case insuperables.

E, cómo non!, tamén esta vez a reunión estivo acompañada dalgunha larpeirada, esta vez un biscoito, para endulzar a conversa.

Ningún comentario: